fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Cristina García, de Algas La Patrona: “A produción ecolóxica fará que comamos mellor, que os produtos sexan máis saudables e que evitemos os químicos”

Cristina García é a fundadora de Algas La Patrona, unha produtora de algas situada en Cambados (Pontevedra). Nesta conversación que mantivemos con ela, fálanos da súa historia, da súa paixón pola natureza e o mar, da importancia que ten a produción en ecolóxico e dos numerosos beneficios que outorga o consumo de algas.

 

No seu momento decidiches deixalo todo e virte dende Madrid para embarcarte neste proxecto e apostar así pola produción en ecolóxico. Cal foi a túa motivación?

Si, decidín virme a vivir aquí e a emprender como proxecto da miña vida, tolemia total, porque creo firmemente neste produto, nas algas. É un recurso que creo que está por descubrir aínda, a pesar de que hai outras empresas que xa levan moitísimos anos traballando niso, pero aínda nos falta introducir máis as algas. É un produto novo, saudable e cada vez coñecémolo máis grazas aos restaurantes asiáticos, pero, por que non consumimos as nosas? As nosas algas? As das nosas costas galegas, de España, de Europa… En lugar das asiáticas? E bueno, vinme a vivir aquí a esta contorna, ao mar… a Galicia.

Que supón para ti estar en contacto co mar e coa natureza, tan preto?

Unha das miñas paixóns, aínda que non son de Galicia, é vivir no mar e é o mar. Eu son mergulladora, mergullei moitísimo e encántame estar en contacto coa auga, co mar e, polo tanto, a natureza, co cal, para min isto é o máis importante. Eu o saír todos os días da miña casa e ver a auga, ver o mar, poder pasear por aquí, é que me transmite moita paz e moita enerxía.

Cal é a túa filosofía e o teu pensamento con respecto á produción en ecolóxico?

Eu creo que é o presente, xa nin o futuro. Xa son moitísimos anos nos que se está transformando moita superficie en ecolóxico e eu creo que hai que volver a iso, non? A ter terreos de barbeito, a policultivos, evitar os monocultivos, diversificar a fauna e a flora… Todo iso fará que comamos mellor, que os produtos que teñamos sexan máis saudables e que retrocedamos para evitar todos os químicos e a produción intensiva. Pódese facer intensivo pero doutra maneira, quizais en minifundios, non o sei, pero non tan ao grande e pensando, por exemplo, no terreo de España; non soamente oliveiras e vides. Eu creo que é importante.

“Saír todos os días da miña casa e ver a auga, ver o mar, poder pasear por aquí, é que me transmite moita paz e moita enerxía”

Cres que podes ser un exemplo para outras mulleres? Que mensaxe lle enviarías a alguén que queira embarcarse coma ti nunha aventura dende cero e producir en ecolóxico?

Eu sempre vou animar a calquera persoa, e ás mulleres quizais é verdade que un pouco máis, porque igual nos custa algo máis dar o paso… a que se tes algo claro, adiante. O importante é decidir e pensar, que iso xa é un paso, saber o que che gusta e o que non che gusta. A partir de aí, cando descartas o que non che gusta, pois a polo que che gusta, e a por iso. Hai que loitar, hai que traballar moito… é moi duro. O emprender é un proxecto persoal que require de moitísimo tempo, moitísimo esforzo e moitísima enerxía, por tanto, tes que ter as cousas moi claras, e adiante. Cando un ten o obxectivo claro, a por iso, a por iso, a por iso… Levántaste, pero volves a caer. Levántaste e volves a caer. Porque ti tes o teu obxectivo. Entón transmitiría iso: que nós podemos, que valemos moito máis do que nos cremos e que podemos facelo perfectamente.

Cales son os teus plans a nivel profesional con respecto ao futuro: manterse, crecer, dar algún cambio…?

Os plans e os obxectivos nunha empresa van cambiando. As compañías móvense moi rápido, a industria privada tamén, entón, hai que ir constantemente desenvolvendo produtos novos, estando á vangarda, buscando novas frontes… A nós aínda nos queda moito por facer, quédanos moito por percorrer, por conquistar, entón bueno, por agora seguir como o estamos facendo, buscando novas estratexias e novas alianzas desde logo, porque iso é moi importante, pero seguir así, paso a paso e desenvolvendo novas ideas. Quero pensar que o estamos facendo ben.

 

Que mensaxe che gustaría enviar á sociedade?

Hai que comer algas. Eu convido a todo o mundo e animo a todos a consumir algas. Son verduras, verduras do mar; igual que nos comemos unha leituga ou un repolo, unha coliflor ou unha berenxena, pois podemos comer kombu, espagueti de mar, wakame, alga percebe… Témolas aquí, son das nosas rías, son moi saudables, teñen moitísimos minerais e vitaminas, axúdannos a previr enfermidades, a adelgazar, son boas para os diabéticos, para a hipertensión, teñen moitísimo ferro e calcio… Algunhas teñen moitísimo sabor a mar, por tanto, pódennos achegar esa salinidade aos pratos, que nos axuda a reducir o contido de sal na nosa dieta. Outras non teñen tanto sabor a mar; así que non teñamos medo porque quizais sabe moito a mar. De feito, depende de como as cociñemos, terán máis ou menos sabor a mar. Entón, eu animo a todo o mundo a consumir algas de Galicia e da Patrona.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.