fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Comeza a tempada do equipo Élite-Sub23 “Cocinas Lasal-Craega”

O sábado día 27 de xaneiro celebrouse a presentación do equipo Élite-Sub23 Cocinas Lasal-Craega na procura de formar os ciclistas dándolles todas as ferramentas fundamentais para desenvolverse neste deporte. Co patrocinio deste Club, o Craega contribúe nesta iniciativa de responsabilidade social e no fomento, entre as persoas máis novas, dos valores do deporte.

Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, explicou que é unha honra para o Consello apoiar un grupo de atletas que non son só campións na pista, senón tamén modelos a seguir pola súa ética de traballo, afán de superación e responsabilidade: “O ciclismo vai máis aló da competencia na estrada; é un símbolo de dedicación, perseveranza e traballo en equipo. O patricionio é a nosa contribución para que a práctica do deporte e a ilusión de tantas rapazas e rapaces non deixe de rodar”.

Ademais do equipo Élite-Sub23, o patrocinio co Club de Ciclismo Louriña abarca o equipo feminino, o de ciclismo adaptado e o ciclismo base.

Un proxecto cheo de retos con futuro

O Club de Ciclismo Louriña é o maior equipo en número de licenzas e número de probas organizadas en Galicia. Neste 2024 é o equipo oficial da Copa de España de Ciclismo de Élite, composta, entre outros, polas filiais dos equipos profesionais Caja Rural, Euskadi, Eolo… tendo a honra de ser o único equipo participante con representación na categoría masculina e femenina. 

Ademais son organizadores do Xarotos Gran Fondo, con case 500 inscritos, unha proba ciclodeportiva aberta a todo amante do ciclismo; La Nocturna, criterium nocturno no centro do Porriño que abrangue todas as categorías celebrándose “a la americana”, por eliminación nun rápido circuíto urbano; A Challenge Rías Baixas, única volta por etapas nacional na que compiten máster, júnior e féminas con 3 etapas, dúas en liña e unha contrarreloxo; e o Gran Premio Concello de Porriño, proba nacional Élite-Sub23 que reúne os mellores ciclistas e equipos nacionais.

A xornada do sábado

Ás 10:30 horas, os corredores foron recibidos no hotel Celmar Mondariz, onde se lles entregou a roupa da tempada. Ás 11:30 horas partiron cara ao concello do Porriño, onde posaron para a foto de equipo. Os ciclistas fixeron ese día un percorrido de 155 km cun desnivel acumulado de 1.734 metros, que atravesou os concellos de Mondariz, O Porriño, A Guardia, Baiona e Tui.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.