Arquivo da categoría: lexislación

A nova normativa europea dálle estabilidade ao sector

A nova lexislación sobre agricultura ecolóxica (Regulamento UE 2018/848 sobre produción e transformación de alimentos ecolóxicos) entrou en aplicación o 1 de xaneiro do presente ano, tras o seu adiamento por un ano debido á situación sanitaria. Ata agora a produción ecolóxica estivo regulada por normativas dos anos 2007 e 2008. A nova normativa reflicte a evolución deste sector en rápido crecemento co fin de garantir unha competencia leal para os agricultores e, ao mesmo tempo, evitar a fraude e manter a confianza dos consumidores.

PRINCIPAIS MODIFICACIÓNS

A continuación, recollemos en 13 puntos os principais cambios que terán lugar co novo regulamento:

  1. Concreción de requisitos para produción de sementes xerminadas.
  2. Haberá listas de produtos de limpeza para a produción vexetal e instalacións de transformación/almacenamento (pendentes de desenvolver).
  3. Posibilidade de certificación de grupos de operadores baixo requisitos concretos.
  4. Desenvolvemento de requisitos específicos para produción de cérvidos e cunicultura.
  5. Desenvolvemento de requisitos específicos para a produción de poliñas e reprodutores para futuras galiñas poñedeiras e de requisitos técnicos de galiñeiros e galiñeiros multinivel.
  6. Posibilidade de certificación de sal e outros produtos estreitamente vinculados ao sector agro como resinas, la sen cardar, peles, cera de abellas etc.
  7. Inclusión de material de reprodución heteroxéneo.
  8. Requisitos para a concesión de recortes do período de conversión.
  9. Eliminación da fase final de engorde de bovino no interior de edificios sen acceso ao exterior.
  10. Eliminación da posibilidade de ter pastos/praderías aproveitadas exclusivamente en ecolóxico e convencional.
  11. Control de comercios polo miúdo que venden produción a granel.
  12. Maior control sobre produtos importados que terán que cumprir as mesmas  normas que os producidos na UE.
  13. Inclusión do termo “orgánico” como equivalente de “ecolóxico” e “biolóxico”.

Información publicada na Revista 59

A CE pídelle a España máis implicación en materia eco para acadar o obxectivo do 25 % en 2030

O pasado xoves 15 de abril asistimos á conferencia virtual na que se incluíu a presentación do Plan de acción ecolóxico europeo, retransmitida dende a web da Asociación Española de Elaboradores y Comercializadores Ecológicos Asobio coa colaboración de Vida Sana, SEAE e Intereco.

O evento, que concentrou máis de mil persoas, estivo coordinado por Joan Picazos, presidente da citada asociación, e nel interviñeron José Miguel Herrero Velasco, director xeral da Industria Alimentaria, MAPA; Diego Canga, conselleiro principal da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural na Comisión Europea, quen previamente ofreceu unha conferencia de prensa; Aina Calafat, técnica de SEAE Ecoregión Mallorca, quen presentou o modelo de biodistrito que se está a levar a cabo nas Baleares; e Marijo Imaz, técnica do concello de Orduña (Biscaia), quen deu a coñecer o sistema de compra pública de produto ecolóxico que se puxo en marcha no seu municipio. Ao final, Picazos trasladoulles aos participantes a rolda de preguntas presentadas polos asistentes.

A REVOLUCIÓN VERDE

Na apertura da xornada, Joan Picazos mostrouse convencido de que este plan vai constituír “unha revolución” e pensa que é “un antes e un despois no sistema agroalimentario e un impulso decidido cara a un sistema máis xusto, máis saudable e máis sostible”.” A execución deste plan parece que pode ser unha contribución ao crecemento económico, máis necesario que nunca, dirixido dende unhas liñas de máis sentido común e, máis concretamente, implica o desenvolvemento da axenda comunitaria no que se refire á produción ecolóxica en relación á estratexia ‘Da granxa á mesa’ co obxectivo coñecido por todos, tan ambicioso e tan importante, de alcanzar en 2030 o 25 % de superficie agraria en produción ecolóxica”, recordou. Entre os datos que destacou en concreto en materia de agricultura ecolóxica en España salientan os seguintes:

  • España gasta 2.400 millóns de euros en consumo eco, é dicir, algo más 50 euros per cápita.
  • O número de operadores aumenta de ano en ano: 50.000 empresas vinculadas profesionalmente ao sector eco na actualidade.
  • Con máis de 2,3 millóns de hectáreas, é o principal produtor europeo, pero a superficie ecolóxica tan só representa o 9,3 % do total e demostra o reto que se ten por diante ata chegar ao 25 % proposto en 2030.

 LIÑAS DE ACTUACIÓN PÚBLICAS

Tras a súa exposición, deulle paso á primeira intervención, a cargo de Herrero Velasco, quen puxo ao día sobre a estratexia nacional en agricultura ecolóxica. Presentou as liñas de actuación da Dirección Xeral de Agricultura Alimentaria, máis concretamente da subdirección específica en materia de agricultura eco, que está a elaborar unha folla de ruta para conseguir os obxectivos que marca a Unión Europea (UE). Entre outras iniciativas, citou a participación activa nos foros na UE, así como coas autoridades de control, impulsando o desenvolvemento e a transformación da agricultura convencional a eco. Así mesmo, fixo fincapé nos datos da evolución da agricultura eco e apuntou que “é difícil atopar nestes momentos un sector que medra a dous díxitos; por iso, o sector eco é unha illa: estase creando emprego, apostando pola gandería e agricultura eco, e as cifras se van incrementando, isto non é ao azar, senón que detrás hai persoas que loitan por esta ‘transformación verde”.

“OBXECTIVO: CHEGAR AO 25 % DE SUPERFICIE ECOLÓXICA NUNHA DÉCADA”

Tras salientar a importancia do plan, cedeulle a palabra a un dos creadores e impulsores deste documento, Diego Canga, quen explicou, paso por paso e lembrando que se inclúe no chamado Pacto Verde”, as estratexias fundamentais “Da granxa á mesa” e “Biodiversidade”. Ademais, remarcou o obxectivo posto en 2030: conseguir que o 25 % do solo agrícola da UE sexa destinado á agricultura ecolóxica e que aumente significativamente a acuicultura ecolóxica, tendo en conta que hoxe estamos no 8 %. Como conseguir eses 10 puntos máis é a base fundamental deste plan e sobre esta se centrou Canga na súa charla.

Entre os principais parámetros nos que se estrutura o plan, citou os seguintes:

  • Efectos positivos para o medio ambiente, clima, biodiversidade, benestar animal etc.
  • Efectos multiplicadores: incrementar a agricultura ecolóxica ten inmediatas repercusións positivas noutros obxectivos de ambas as estratexias arriba citadas.
  • Ata un 10 % máis do que se conseguiría extrapolando a partir das tendencias actuais.
  • Puntos de partida moi diferentes entre os Estados membros (dende un 0,5 % ata un 25 % de terras agrícolas destinadas a este tipo de agricultura): España sitúase nun 9 % da superficie, Bulgaria no 2 % e Austria xa está no 25 %.

Tamén fixo referencia ás recomendacións da PAC en materia de agricultura ecolóxica para España, como o reforzo das superficies, réximes adecuados de reconversión, o mantemento e a incentivación da crecente demanda dos produtos ecolóxicos na cadea alimentaria e na organización dos mercados. Neste sentido, apuntou que vai recibir case 20 millóns de euros para o programa de distribución de froitas, hortalizas e leite nos centros escolares e espera que unha cantidade se destine á agricultura ecolóxica, malia que é unha decisión que lles corresponde ás autoridades españolas.

Canga apuntou que España vai recibir case 20 millóns de euros para o programa de distribución de froitas, hortalizas e leite nos centros escolares e espera que unha cantidade se destine á agricultura ecolóxica

Entre as vantaxes do Plan, o representante europeo citou tres piares básicos: a estabilidade xurídica, fundamental para os agricultores que se plantean a conversión; substanciais incentivos financeiros (a PAC, Horizonte Europa, política de promoción agrícola) e a confianza pública nos produtos eco a través do recoñecemento público do logotipo ecolóxico.

Entre os inconvenientes, citou os diferentes puntos de partida entre os Estados membros e o feito de que “sempre hai risco de fraude”, polo que a confianza dos consumidores é decisiva.

A continuación describiu punto por punto as 23 accións que se inclúen neste proxecto, entre as que se poden salientar o seguimento da aplicación a nivel nacional dos plans para que se traduza nunha realidade, o reforzo da organización do propio sector, a implicación e a colaboración do sector privado en materia ecolóxica ou o apoio á investigación específica para que esta agricultura mellore e avance.

QUE É UNHA ECORREXIÓN?

Tras a presentación do plan, Picazos deu paso á exposición de Aina Calafat, técnica de SEAE Ecorregión Mallorca, quen contou que dende esta entidade están desenvolvendo o caso concreto da Ecorrexión en Mallorca. Tras explicar o concepto de `ecorrexión´, apuntou que hoxe existen 48 rexións en Europa co acordo firmado e 10 más en desenvolvemento. Despois, centrouse no exemplo de Mallorca no seu proceso de ecorrexión, que se plantea como unha grande oportunidade ante a situación socio-económica actual.

COMPRA PÚBLICA VERDE: O EXEMPLO DE ORDUÑA

A última en intervir foi Marijo Imaz, técnica do municipio vasco de Orduña (Biscaia), quen deu a coñecer a súa experiencia concreta na compra pública de produto ecolóxico, un proxecto que arrancou en 2000, nun municipio en crise naquel momento, e con moita destrución de postos de traballo, que apostou polo sector primario e pola transición ecolóxica ata a creación en 2006 do Servizo de Dinamización Local Agroecolóxico. Este servizo, entre outras cousas, puxo en marcha o reforzo de consumo-comercialización en circuíto curto, así como o proxecto “cociña municipal e compra pública verde”, a compra pública de alimentos ecolóxicos, de temporada e de proximidade, para xerar oportunidades entre os pequenos produtores e chegar aos consumidores. O tempo deulle a razón a esta estratexia e na actualidade as cifras a avalan tanto no aumento de superficie agraria en ecolóxico, como no que respecta aos produtores e aos consumidores en ecolóxico así como no investimento en alimentación ecolóxica nos comedores escolares. Picazos definiu o proxecto como “emocionante e espectacular” e cre que debe servir como exemplo á hora de traballar no futuro en materia de agricultura ecolóxica.

Vídeo íntegro da conferencia e máis documentación de interese

Documento íntegro do Plan

Varios eurodeputados solicítanlle á comisaria de Sanidade da UE a regulación do uso do termo ‘natural’ na etiquetaxe dos alimentos

Un total de 31 eurodeputados, a maioría membros do Grupo dos Verdes, fixeron chegar unha carta á comisaria de Sanidade da UE, Stella Kyriakides, na que lle solicitan á Comisión Europea que as leis europeas “establezan unha definición clara do termo ‘natural’ aplicado aos alimentos, que indiquen en que casos se pode usar na etiquetaxe para garantir a información dos consumidores, e que os produtos etiquetados como ‘naturais’ non conteñan nin transxénicos, nin substancias sintéticas e que sexan 100 % biodegradables”.

Ademais, os eurodeputados piden que nas etiquetas “a información sobre a orixe dos ingredientes e a composición real dos produtos sexa facilmente recoñecible polos consumidores”.

Na misiva, os parlamentarios lembran que “actualmente, a UE carece dunha definición legal do termo ‘natural’ para produtos alimenticios. En consecuencia, os fabricantes adoitan utilizalo para promover características dos alimentos que difiren case sempre da composición do produto final”.

A pesar desta falta de lexislación, as normas europeas sobre as declaracións de propiedades nutricionais e saudables dos alimentos si que mencionan explicitamente que os criterios de etiquetaxe de alimentos deben “ter como obxectivo evitar que as declaracións de propiedades nutricionais dun produto contribúan a esconder as súas auténticas características nutricional e poidan inducir a erro aos consumidores no momento de elixir opcións para unha dieta equilibrada”.

Para os eurodeputados asinantes, o uso libre que a industria alimentaria pode facer agora mesmo nos seus envases deste concepto estaría en contra deste principio básico que debe rexer a etiquetaxe de calquera produto á venda na UE.

Os europarlamentarios invocan un informe publicado recentemente por Safe Food Advocacy Europe que establece que, en xeral, os consumidores asocian o termo `natural´ con algo positivo, relacionado coa orixe, o mínimo procesado e a ausencia de aditivos. Posto que se pode usar este concepto libremente a pesar de que o produto conteña aditivos e sexa un ultraprocesado, o informe concluía que os consumidores que compran estes alimentos basean as súas eleccións en supostos incorrectos.

Información completa

Fonte: La Vanguardia | autor: Albert Molins