fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A importancia da certificación ecolóxica

Nesta nova entrega poñemos o foco no apartado da produción ecolóxica e ofrecemos información relevante sobre a importancia da certificación neste tipo de agricultura, tanto para aqueles produtores e produtoras que xa optaron por este modo de produción como para todos aqueles que estean pensando en dar o paso.

A agricultura ecolóxica ofrece unha serie de vantaxes que a fan de grande interese para os agricultores e produtores. Entre as máis destacadas están o feito de que lles ofrece aos consumidores e, a si mesmos, un produto san e de máxima calidade; conséguese traballar nun ambiente sen contaminación e máis equilibrado, sen os riscos de toxicidade que lle pode acarrear a agricultura convencional e sen esquilmar os recursos naturais, o que asegura a súa utilización tanto no presente coma para as futuras xeracións, e, por último, atende a crecente e imparable demanda de produtos ecolóxicos, tanto nos mercados máis inmediatos como no conxunto do mercado mundial, xa que son máis valorados e normalmente mellor pagados que os produtos convencionais.

Mantente informado/a!

Se estás pensando en dar o paso ou tes interese en saber cales son as bases que rexen a produción ecolóxica, é moi importante ter moi claras cales son as normas de produción ecolóxica e coñecer as medidas que hai que tomar para garantir o seu cumprimento, podes consultar a normativa aquí.

A importancia da certificación

A través do certificado ecolóxico os operadores son capaces de garantirlles aos seus clientes que os produtos que ofrecen son xestionados de acordo coas prácticas agrícolas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal.

O certificado ecolóxico outorga unha clara vantaxe competitiva, contribuíndo co seu valor engadido e garante o cumprimento de requisitos legais para os consumidores que esperan un produto de alta calidade, sen aditivos sintéticos, sen pesticidas e con métodos de produción respectuosos co medio ambiente. Na produción ecolóxica todos os operadores certificados ecolóxicos reciben unha inspección ao ano para comprobar o cumprimento da normativa.

O control afecta a calquera etapa, dende a produción primaria de alimentos ecolóxicos ata o almacenamento, transformación, transporte, venta e subministro ao consumidor final e cando corresponda, as actividades de etiquetado, publicidade, importación, exportación e subcontratación.

Calquera operador/a galego/a que produza, prepare e distribúa produtos ecolóxicos, incluídas a acuicultura e apicultura, deberá notificar a súa actividade ao Craega e someter a súa empresa a un réxime de control establecido en base á normativa europea.

Cales son os produtos certificables

Os produtos agrarios de orixe animal ou vexetal non transformados, os produtos agrarios de orixe animal ou vexetal transformados destinados a ser utilizados para a alimentación humana, os pensos, o material de reprodución vexetativa e sementes para cultivo, os fermentos destinados ao consumo humano ou animal e os produtos da acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos). Pola contra, non son certificables os produtos provenientes da pesca extractiva e da caza.

Máis información

O selo como garantía

O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

Como identificalo?
Para recoñecer os alimentos ecolóxicos, orgánicos ou bío (os 3 termos significan o mesmo), temos que fixarnos na súa etiqueta. A etiquetaxe do produto ten que ser visible no envase e conter as seguintes referencias:

  • O logotipo ecolóxico europeo

Unha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde, que é sempre obrigatoria.

No caso de alimentos certificados en Galicia, o código do órgano de control (ES-ECO-022-GA) e o selo Craega que así o certifique.

  • O lugar de procedencia dos ingredientes, que poden ser:

– Agricultura UE, cando as materias primas son da Unión Europea.

– Agricultura NON UE, cando os ingredientes son de terceiros países.

–Agricultura UE/NON UE, cando a procedencia é mixta.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.