fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

As novas canles de comunicación e venda, tema central das Xornadas ‘on line’ do Craega

 

O Craega vén de desenvolver unhas novas xornadas, desta volta en formato on line, que tiveron como título “A agricultura ecolóxica e as canles dixitais de comunicación e venda.

O obxectivo desta iniciativa foi abordar as novas formas de comunicación e de márketing, e a súa relevancia na promoción e difusión da produción vinculada ao sector ecolóxico, dende diversas ópticas que achegaron os seis participantes ao longo dos dous días que durou o evento.

O primeiro dos encontros (25 de xaneiro), que foron conducidos por Rocío Freire, vicepresidenta do Consello,  contou coa participación dos seguintes relatores: José Costoya, coordinador institucional de Intereco, asociación sen ánimo de lucro que está integrada por autoridades públicas de control da produción ecolóxica; Rocío Garrido, cociñeira e responsable do espazo dixital La cocina de mi abuelo (que inclúe tenda, blog, formación…), así como do espazo gastronómico en Cambados Indo e Vindo, xunto con outros dous cociñeiros, e  Paula @blondie_muser, bióloga de formación e creadora de contidos nas redes sociais (social media strategist), moitos deles vinculados á sostibilidade e á difusión da agricultura ecolóxica; conta na actualidade con máis de 1000 vídeos realizados e preto de 2 millóns de seguidores en Tik Tok.

Na mañá de hoxe (26 de xaneiro) participaron Ana Vidal, directora adxunta de Avilugo, empresa que vén de poñer en marcha a súa marca Avieco, tenda on line con certificación ecolóxica; Ana Corredoira, bióloga e gandeira da granxa ecolóxica A Cernada (Palas de Rei), que envasa e comercializa o seu leite a través da cooperativa As Vacas da Ulloa baixo a marca Sen Máis, e a xornalista María Cedrón, coordinadora do portal dixital “Somos Agro” (La Voz de Galicia), especializado en visibilizar o medio rural e, en especial, o papel das mulleres neste ámbito.

TECER REDES PARA CHEGAR A MÁIS XENTE

Os seis participantes que formaron parte do programa ao longo destes dous días estiveron de acordo na importancia de difundir e promover o sector de xeito máis áxil  a través dos distintos soportes dixitais e posicionarse no mercado dixital coa creación de páxinas web, tendas on line e a utilización adecuada das distintas redes sociais existentes, como instrumentos imprescindibles aos que xa non se lles pode dar as costas.

Neste sentido, salientaron o auxe da compravenda dixital, nomeadamente no sector alimentario e ecolóxico, que se ben foi máis lenta que noutros sectores, na actualidade é unha grande oportunidade para chegar ao consumidor final, xa non só a nivel nacional senón internacional e, malia que é “unha carreira de fondo”, é un camiño que hai que seguir andando para conseguir chegar a máis público e de forma máis inmediata, e crear, ao fin, unha gran comunidade.

CHARLAS DISPOÑIBLES EN YOUTUBE E FACEBOOK 

Se non puidestes seguilas en directo ou queredes volver velas, lembrade que están dispoñibles na nosa canle de YouTube:  play list das charlas

Así mesmo, lembrámosvos que podedes ver as xornadas íntegras no noso perfil de Facebook; as persoas que así o desexen poden continuar facendo chegar os seus comentarios e preguntas e iranse contestando na menor brevidade posible:  https://www.facebook.com/craega   

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.