fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Aberto o prazo de inscrición para o webinario sobre cambio climático e sociedade que organiza a Fundación Biodiversidad

A xornada, dirixida a educadores, axentes sociais, cadros técnicos, decisores políticos, estudantes, empresas e poboación xeral, realizarase o 16 de abril, de 11:00 a 13:00 horas, a través de videoconferencia. Conta coa participación da Fundación Biodiversidad e a Oficina Española de Cambio Climático. Para asistir é necesario inscribirse aquí.

A sesión abrirase con Valvanera Ulargui, directora, e Francisco Heras, responsable da área de Estratexias de Adaptación, da Oficina Española de Cambio Climático. Continuará con Elena Pita, directora da Fundación Biodiversidade. Logo será a quenda de Arturo Bustelo (Ideara Investigación) que presentará o estudo A Sociedade Española ante o cambio climático: percepción e comportamentos na poboación e os resultados. Para finalizar, haberá un coloquio con Mónica Arto, Pablo Á. Meira e Miguel Pardellas, do grupo SEPA-USC.

Con esta xornada de presentación do proxecto preténdese difundir os resultados do estudo realizado, centrado en analizar as representacións sociais do cambio climático como unha forma de achegar coñecemento básico para orientar as estratexias educativas e de comunicación imprescindibles no cambio social que nos incumbe.

O PROXECTO

O estudo que se presenta, financiado a través da convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidad para a realización de proxectos en materia de Adaptación ao Cambio Climático,  permite obter información sobre as actitudes, comportamentos, coñecementos e crenzas da sociedade ante o Cambio Climático, a súa percepción sobre as políticas e as medidas que se van adoptando, a relevancia atribuída ou o potencial de ameaza percibido.

O traballo foi realizado pola empresa Ideara Investigación, especializada en investigación social e estudos de mercado, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A entidade contou coa colaboración do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.