fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A única xeadería eco galega aséntase na Coruña

Antonio Gómez e Broder Fernández

A Factoría Ecolóxica naceu en 2011 da man de Antonio Gómez e Broder Fernández co obxectivo de botarlles unha man a outros produtores; entre os produtos que comercializaban estaban xeados desenvoltos nun obradoiro. “Ao pasar un ano, esta produción tíñanos absorbidos e decidimos montar o noso propio obradoiro e dedicarnos de cheo aos xeados ecolóxicos”, explica Broder. Así naceu a súa propia marca: The Bio Factory, que se pode atopar por toda a Península Ibérica e que pronto pasará as fronteiras.

Cando empezaron só había unha marca de xeados ecolóxicos en toda España; na actualidade, esta firma da Coruña é a única galega. Os inicios foron cunha gama básica de cinco xeados, froito do gusto persoal, agora contan cunhas 70 variedades, entre as que hai produtos para alérxicos e veganos. “Cando empezamos, buscabamos facer xeados que fosen ricos, xa que esa é a primeira percepción do consumidor; a partir de aí, queríamos facer fincapé en que son ecolóxicos”, incide Broder.

Na creación de novos sabores buscan moito a opinión da propia clientela. “Na xeadería temos uns consumidores que nos dan a súa valoración e tamén nos fan suxestións que nós temos en conta”, relata. O que si está claro é que todos os ingredientes son ecolóxicos e de proximidade, aínda que hai algúns que non se fabrican aquí e chegan doutros continentes. “No caso dos xeados con leite, que teñen de base o propio leite, son un 80 % de km 0, posto que ven da Casa Grande de Xanceda”, apunta. Levan desde os inicios traballando co seu leite porque “é un provedor fiable e que ademais, se tes problemas de exceso, recóllecho”. Un dos puntos máis forte que teñen nos seus xeados é a produción alérxicos, “é un tema no que quixemos incidir, porque está moi demandado e é necesario”.

A día de hoxe, a empresa está formada por 8 traballadores durante todo o ano e nos meses de verán contan con alumnado en prácticas dun instituto da zona que ten un módulo de industrias agroalimentarias. “Gústanos que veñan porque nós aprendemos moito deles, xa que están a nosa disposición para todo, e eles ven un proceso de elaboración totalmente distinto”, comenta.

CONXELACIÓN EN 8 SEGUNDOS

O proceso de elaboración chega coa entrada dos ingredientes que pasan por un importante proceso administrativo para ter a seguridade de que son ecolóxicos. Hai varios tipos de ingredientes en función da conservación, algúns deles teñen que pasar por un proceso térmico.  Unha vez que están todos, elabórase a receita correspondente a cada un, que está avalada polo Consello Regulador. O elaborado pasa por un proceso de maduración que vai entre 6 e 24 horas para que os ingredientes se vaian ligando entre si. Logo desa maduración, feita en condicións óptimas, é o momento no que se fai o xeado. “Utilizamos unha tecnoloxía punta na produción, coa que en torno a 8 segundos pasa de estado líquido a xa produto sólido. É unha conxelación rápida cun batido rápido. E así evitamos a presenza de cristais de xeo”, conta Broder. Cando xa está feito o xeado, dáselle a forma (polos, botes de medio litro, vasiños, botes de vidro e formatos a granel para xeaderías e hostalería). Por último xa se somete a frío intenso na cámara, a 25 ° baixo cero, e queda listo para subministrar os clientes. Todo isto aderezado de analíticas que esixe cada certificado e incluso os propios clientes.

CONFIANZA NA CERTIFICACIÓN

Xa antes da existencia do Craega, nesta empresa tiñan claro que os seus produtos tiñan que ser ecolóxicos. “Querer contar coa certificación ecolóxica creo que é un tema de convicción absoluta”, resalta. Por iso, de sempre quixeron ter o selo do Consello para avalar así os seus xeados. Broder engade que os consumidores teñen moita confusión para recoñecer os produtos que realmente son ecolóxicos. “Hai denominacións como natural, artesán ou incluso eco que se empregan con descontrol absoluto. Calquera pode dicir que produce en ecolóxico, cando non é así, e non ten consecuencias. Debería haber unha política sancionadora para controlar isto”, urxe este emprendedor galego. A parte da certificación ecolóxica do Craega contan coa IFS: “Entre ambas certificacións facemos unha xestión para concluír que todos son homologados”.

XEADOS ECO GALEGOS EN COLEXIOS DE TODA ESPAÑA

A Factoría Ecolóxica ten un único punto de venda propio situado na cidade da Coruña que naceu case ao mesmo momento que o obradoiro. “É aquí onde estamos en contacto con varios consumidores que nos dan as súas opinións; son unha fonte de información moi interesante. Só temos este punto porque o noso negocio é facer xeados, non ter tendas”, apunta. Logo venden por toda a Península Ibérica, principalmente a supermercados e tendas ecolóxicas. Hai pouco, empezaron a crear pequenos tarros de vidro destinados a hostalería. “Estamos traballando para abrir fronteiras e, xunto con outra empresa, empezaremos a vender fóra da propia península”, apunta. Tamén traballan con diversos colexios de España co obxectivo de concienciar sobre a produción ecolóxica. “Interésanos facer fincapé neste ámbito, e non é polo que gañemos, xa que os vendemos case a prezo de custo, pero queremos facer pedagoxía neste tema entre os máis pequenos”, aclara Broder.

XEADOS PARA TODAS AS FAMILIAS

Nesta empresa coruñesa tiveron claro que os seus produtos tiñan que ser para todas as familias. Aínda que os custos dos produtos eco son moito máis elevados que os dos convencionais, non supón un impedimento. “Por exemplo, o azucre que empregamos é 10 veces máis caro, aínda así queremos que o xeado final sexa accesible para todo o mundo. O que facemos é restrinxir a nosa marxe. Se un xeadeiro convencional gaña o 80 % do seu produto, nós o 10 % e chéganos, xa que nos importa que a nosa clientela estea contenta cos produtos”, conclúe Broder.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.