Arquivos da etiqueta: #UniónEuropea

A Xunta fixa as bases reguladoras para solicitar os fondos Nex Generation dirixidos á agricultura e gandería

O Diario Oficial de Galicia (DOG Núm. 84, do 2 de maio de 2022) publica as bases reguladoras de concesión das axudas aos investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandería, á transformación integral e modernización de invernadoiros, aos investimentos en eficiencia enerxética e enerxías renovables e á aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola e gandeiro, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

O obxectivo é adoptar as reformas estruturais necesarias, alcanzando un nivel de investimento que promova o cambio no modelo de produción agrícola e gandeira con resultados beneficiosos para a sociedade, a economía e o medio ambiente.

As prioridades do marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia permitiron a definición dunha liña de investimentos específica para darlles resposta ás necesidades de mellora da competitividade e sustentabilidade dos produtores de cultivo baixo invernadoiro nos sectores de hortalizas, flor cortada e planta ornamental, favorecendo así unha adecuada transición ecolóxica. Tamén se considerou conveniente apoiar investimentos, no ámbito das explotacións agropecuarias, encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética, así como a xeración de enerxía a partir de fontes renovables, en particular biogás e biomasa agrícola. Así mesmo, inclúese un programa de apoio dirixido á agricultura e gandería de precisión, que poden contribuír de maneira significativa á seguridade alimentaria, á inocuidad dos alimentos, e a promover unhas prácticas agrarias máis sustentables.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos V, VIN, VII ou VIII) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Máis información

A UE organiza a primeira edición de premios ecolóxicos

O Plan de Acción para o Desenvolvemento da Produción Ecolóxica inclúe a concesión duns premios anuais que recoñezan a excelencia na cadea de valor ecolóxica. O seu propósito é recompensar os mellores e máis innovadores actores ecolóxicos, que contribúan á redución do impacto da agricultura no medio ambiente e o clima. Estes premios concederanse por primeira vez en 2022.

Os premios ecolóxicos da UE comprenden sete categorías e oito premios. Expresan o recoñecemento a diferentes actores da cadea de valor ecolóxica que desenvolvesen un proxecto de excelencia, innovador, sustentable e inspirador, que xere un valor engadido real para a produción e o consumo ecolóxicos.

  • Mellor agricultora ecolóxica e mellor agricultor ecolóxico
  • Mellor rexión ecolóxica
  • Mellor cidade ecolóxica
  • Mellor biodistrito ecolóxico
  • Mellor peme ecolóxica
  • Mellor comerciante polo miúdo de alimentos ecolóxicos
  • Mellor restaurante ecolóxico

COMO PRESENTAR AS CANDIDATURAS

Pode presentar a súa candidatura calquera operador, institución ou establecemento da cadea de valor ecolóxica cun proxecto notable que contribúa a que os produtos ecolóxicos da UE sexan máis alcanzables ou accesibles. Os promotores dos proxectos deben estar establecidos ou ser residentes na UE.

As candidaturas deben presentarse do 25 de marzo ao 8 de xuño de 2022. Ademais, o proxecto presentado debe desenvolverse na UE e pertencer claramente a unha das sete categorías e a un dos oito premios de 2022. Un mesmo proxecto non pode presentarse para varias categorías ou para varios premios. Cada candidato só pode presentar unha candidatura para un premio.

O proxecto debe executarse xa na súa totalidade ou atoparse nun estado suficientemente maduro para que o xurado poida avalialo, é dicir, a execución física debe estar o suficientemente avanzada como para demostrar que se conseguiron os obxectivos.

Máis información