Arquivos da etiqueta: #ProdutosdoMar

A acuicultura ecolóxica xa ten a súa sede en Vilanova de Arousa

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) inaugurou o pasado venres, 30 de setembro, unha nova sede na Pantrigueira (Vilanova de Arousa). No acto estiveron presentes o presidente do Craega, Francisco López Valladares, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida.

Ante o crecemento que ten a acuicultura ecolóxica en Galicia, o Craega apostou por crear este espazo para darlles servizo a todos os agricultores e acuicultores da provincia de Pontevedra e así evitar os seus desprazamentos ata a sede central, situada en Monforte de Lemos. A comarca do Salnés xa contaba con dúas vogalías, que ocupan o bateeiro Juan Juncal e o conserveiro Álvaro Pérez Lafuente, tamén presentes no acto.

Desde o Consello consideran fundamental contar con este local, “posto que a acuicultura está a crecer moito, a produción de mexillóns, algas e conservas están a ter moita importancia nos últimos anos”, indica o presidente. Así se mostra nos datos da última memoria (ano 2021), na que se indica que un 20 % da facturación provén da acuicultura e o 98 % das bateas que venden baixo o selo do Craega están na ría de Arousa.

DEGUSTACIÓN DE PRODUTOS DO MAR

Durante a celebración da inauguración, que tivo unha grande acollida, os asistentes puideron gozar dunha degustación de produtos do mar ecolóxicos. Preparáronse catro receitas a base de ventresca, sardiñas, xarda, ensaladas, patés, algas, empanadas e mexillóns, todo acompañado doutros produtos ecolóxicos.

O Craega busca aumentar a visibilización da produción eco do mar

O secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Javier García, e o presidente, Francisco L. Valladares, mantiveron unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana o pasado 18 de agosto na sede da Consellería. No encontro amosáronlle á titular deste Departamento os bos datos de crecemento e as dinámicas ascendentes que se están a lograr na produción e comercialización de produtos ecolóxicos do mar nos últimos anos.

Por esta razón, Craega traballa para impulsar as entidades vencelladas ao mar que contan coa súa certificación. Para iso, presentáronlle unha iniciativa á conselleira, que abrangue a sinalización de todos aqueles alimentos do mar ecolóxicos que chegan ao mercado, así como das bateas ecolóxicas para a súa mellor identificación.

Dende a Consellería do Mar mostraron o seu apoio e afirmaron que estudarán o proxecto para así darlles máis pulos á produción e ás vendas dos xéneros do mar frescos ou elaborados,  co distintivo que os acredita como ecolóxicos.

O Craega agradece o recibimento de Rosa Quintana e o interese que amosou cara á proposta feita polo Consello, que busca que o sector do mar siga medrando e que teña máis presenza no mercado e, nomeadamente, que os consumidores poidan ter máis información na súa elección de alimentos máis saudables.