Arquivos da etiqueta: producto ecológico

Rocío García (SFC): “Cústanos valorar o produto galego. A gama alta asóciase ao de fóra”

Rocío García Carregal, secretaria de Slow Food Compostela (SFC). Foto: SFC

Slow Food é un movemento que nace en Italia nos anos 80 do pasado século cunha filosofía moi clara: voltar á tradición preservando a cultura e a gastronomía autóctonas de cada zona. En Galicia deu os seus primeiros pasos no 2008, pero non sería ata 2015 cando se funda unha asociación con personalidade xurídica propia en Santiago. Baixo a icona do caracol, a entidade desenvolveu a marca Restaurante Km 0, un proxecto de comedores escolares e a campaña Come Local. No marco desta última iniciativa, a entidade leva a cabo os roteiros Xantares de Vagar, eventos culinarios que -de setembro a novembro- percorren toda a comunidade co obxectivo de exaltar os produtos de calidade certificada, entre eles os do Craega. Con varios operadores ecolóxicos asociados, Slow Food Compostela (SFC) é unha firme defensora da agricultura sostible. Falamos coa súa secretaria na capital galega, Rocío García Carregal.

Que efectos está a ter a pandemia en SFC? Hai máis interese por parte do consumidor?
Dende SFC notamos un cambio nos hábitos de consumo por mor da pandemia. Antes do escenario da COVID-19, falar da importancia da compra directa aos pequenos agricultores ou mesmo ao comercio local, era só para unha parte da poboación moi concienciada. Pero vimos como, en medio da corentena, a xente comezou a ter medo de sufrir un desabastecemento alimentario. Chegamos a ter que comunicar que os nosos socios seguían a traballar con normalidade para tranquilizar á xente que nos preguntaba. Comezamos a ver como tornaba o consumo de quinta gama en produto fresco e que a xente evitaba as grandes superficies buscando directamente aos produtores. Foron moitos os socios que nos contaron como subiu a demanda, e como incluso moitos dos consumidores se achegaban no seu propio vehículo ás explotacións para mercarlles alí o produto.

O problema vivírono máis os produtores medianos ou grandes, que traballaban coa restauración e que viron como, de un día para outro, a súa canle de comercialización crebaba. Isto obrigoulles a reconverterse no medio da pandemia. Toda a dixitalización que non se fixera en moitos anos, tívose que implementar en pouco máis de dous meses. Dende a asociación tentamos axudar para crear estas redes, asesorándolles e buscando solucións loxísticas. A día de hoxe algúns socios que non dispoñían nin de páxina web, contan cun marketplace propio ou en multiplataforma.

A tendencia deste tipo de consumo chegou para ficar. A crise que estamos a vivir espertou unha conciencia no consumidor que busca facer unha compra responsable coa súa contorna socioeconómica.

Fálase de dúas correntes de consumo trala COVID-19: produto eco e saudable vs. marcas brancas. Cal gaña?
As dúas. Por unha banda, está o segmento da poboación que mantén un poder adquisitivo medio ou alto e que se preocupa cada vez máis polo que come. Xa se podía atopar ese interese entre as persoas con problemas previos de saúde ou rapaces ao seu cargo. Pero agora vemos que ese interese está máis presente pola relación da alimentación co sistema inmunolóxico. A xente comeza a tomar conciencia da importancia do que consome de xeito habitual e non lle importa investir un pouco máis en comer mellor.

Pero na outra banda está a poboación que está a vivir as consecuencias da crise económica. Moita xente viu mermado o seu poder adquisitivo significativamente e deixou de poder acceder a produtos de boa calidade. En familias onde se está a vivir unha situación de carestía, a cesta da compra énchese primando o prezo e non a calidade. Isto acabará sen dúbida ocasionando un problema secundario de saúde a medio e longo prazo.

O galego está realmente concienciado co produto local? Dálle valor ao que está preto?
A verdade é que non. É unha loita constante. Non sei se é polo noso carácter, pero non temos ese orgullo do noso que se percibe en outras rexións. Dende SFC sempre devecemos polo valor que lle dan ao seu no País Vasco, por exemplo, onde priorizan os seus produtos por riba das importacións. Aquí asociamos o da casa como a gama media e o de importación como a gama alta. Cústanos tomar conciencia da riqueza gastronómica que temos e moitas veces dámoslle máis valor a gastronomías máis exóticas. Poucas rexións poden presumir de ter carnes de tan excelente calidade como temos, peixes e mariscos con tanta variedade, legumes, verduras e froitas frescas… Temos unha biodiversidade alimentaria tremenda, pero aínda comezamos agora a darlle valor. Pouco a pouco parece que empezamos a vernos como somos de verdade e non coma a caricatura que nos reflicte dende fóra. Galicia é moito máis que pementos, polbo e mariscadas, e aínda que non foramos máis, seriamos moi ricos.

En Galicia, a ‘fast life’ aínda non consquistou, por fortuna, porcentaxes significativas do territorio. Que obstáculos atopan para promocionar os valores de SFC?
Moitas veces atopámonos con moitos prexuízos por mor do prezo. Depende moito do segmento co que tratemos. Se estamos a falar coa restauración, dan por sentado que mercar nunha grande superficie vai ser máis barato, cando non sempre é así. E se falamos co consumidor final, ás veces percibimos un gran descoñecemento dos produtos de produción local e das canles onde poden conseguilos.
Aínda así, atopamos un tímido cambio, acelerado en parte pola covid, onde o consumidor toma conciencia do que está a mercar e as implicacións ambientais e socioeconómicas que iso conleva.

Alimentación industrial, transxénicos, globalización, perda de biodiversidade… Que foto podemos facer de Galicia?
É un tema moi amplo e complicado. Para resumilo diría que non hai formación case ningunha ao respecto. A xente ten cada vez máis interese polo que consome, pero as fontes onde se informa non son as axeitadas. Penso que moitas veces a culpa é nosa, dos perfís máis técnicos, porque non sabemos transmitir a información dun xeito máis claro e sinxelo.

Para nós, por pertencer á Fundación Internacional Slow Food, o tema da biodiversidade é unha prioridade e, sen embargo, vemos como esmorece toda a riqueza patrimonial que temos na nosa terra. Un exemplo é o millo. Galicia contaba cunha riqueza xenética tremenda. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) clasificou máis de 500 variedades, pero no rexistro nacional de sementes só están catalogadas unha ducia. A maiores dos problemas de comercialización que isto supón, temos que sumar a complicación de producilo nun radio de hibridación coas outras variedades. Ademais, o produtor vai atopar moitísimos problemas para moer a fariña, xa que a maioría de muíños tradicionais están dentro da vosa rede, do Craega, e non se lle permite levar o millo polo perigo de contaminación coas variedades transxénicas. Para min é un bo exemplo de como os OXM están a afectar á nosa biodiversidade.

Coas froitas (mazás, peras ou tomates) poderiamos contar a mesma historia. As variedades híbridas comerciais, máis vistosas e homoxéneas, están a desprazar a compra do produto tradicional nos lineais das grandes superficies. Por iso, as colleitas se orientan a estas producións con máis demanda no mercado convencional. O problema non é a falta de vontade dos produtores, senón as dificultades de comercialización.

O Craega estrea unha miniserie de videorreceitas con produtos ecolóxicos

O chef Martín Mantilla Rodríguez durante a gravación dunha da ecorreceitas para a miniserie do Craega. Foto: Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) quere achegar o produto certificado ao consumidor galego conquistando o seu padal. Cos alimentos de verán como protagonistas, a entidade vén de estrear unha miniserie de videorreceitas sinxelas e para todos os petos. Os catro capítulos xa están dispoñibles na web corporativa (www.craega.es) e na canle de Youtube.

Embaixador veterano da marca, o chef monfortino Martín Mantilla Rodríguez (restaurante Berso, Sober) pon unha vez máis o mandil do Craega para cociñar os catro pratos ecolóxicos elixidos para esta primeira entrega. Seguindo as súas indicacións paso a paso, calquera é quen de preparar na súa casa un menú con produtos certificados sen demasiados quebradeiros de cabeza.

Para comezar, uns canelóns de cabaciña recheos de verduras con vinagreta de alga de percebe. Despois arroz cremoso de leitugas con mexillóns en escabeche. Mantilla atrévese tamén con outra proposta lixeira para aliviar as elevadas temperaturas do verán: ensalada de tempada con crema de tomate, xemas de espárragos, bonito e queixo. Xa por último, e para pechar a miniserie, unha sobremesa con gazpacho de amorodos.

Todos os capítulos da miniserie están xa dispoñibles na sección ‘videoteca’ recén aberta en www.craega.es e nos perfís oficiais do Consello en redes sociais: Youtube, Facebook, Instagram e Twitter.

PROMOCIÓN ONLINE. Por mor da pandemia, o Craega está redobrando os esforzos para redirixir as súas estratexias de promoción cara as canles dixitais. Ademais da miniserie de videorreceitas, a finais de agosto organizou por primeira vez unha xornada de formación online.

Coa gandería ecolóxica como eixo temático, cinco expertos ofreceron sesións en directo a través do perfil oficial de Facebook do Consello. Todas as sesións están dispoñibles na videoteca de www.craega.es.

Ademais, entre o 5 e o 7 de novembro, a entidade participará na primeira edición virtual de Biocultura, a feira ecolóxica por antonomasia na Península. A través de Intereco, a asociación que agrupa ás autoridades públicas de control de agricultura ecolóxica de España, o Consello intervirá en diferentes actividades.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

O Craega aproba unha rebaixa de taxas do 20% por mor da COVID-19

Os operadores ecolóxicos beneficiaranse dunha redución do 20% na taxa que abonan semestralmente en concepto de declaración de vendas. É a decisión que adoptou o Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) na sesión celebrada o pasado 16 de xuño. Con esta medida, o órgano rector pretende aforrar custos ás empresas certificadas e contribuír así á reactivación do sector tralo parón económico derivado da COVID-19.

Aprobado de forma excepcional para paliar os efectos da pandemia, o desconto aplicarase na taxa correspondente ao primeiro semestre de 2020. En virtude do acordo, os inscritos ingresarán ao Consello o 0,4% do importe total das súas vendas -excluído IVE- en lugar do 0,5%, tal e como se viña facendo ata agora. A modificación da cota tradúcese nun recorte dun 20% na exacción.

Desde o servizo de administración do Consello, xa se comezou a solicitar aos inscritos a declaración de vendas coa rebaixa extraordinaria incluída. Os operadores teñen de prazo ata o 1 de setembro para realizar o pago.

Decretado o 14 de marzo e vixente en Galicia ata o 15 de xuño, o estado de alarma tivo un forte impacto na actividade empresarial. No sector agroalimentario, o peche das canles de distribución convencionais (hostalaría e mercados tradicionais) traduciuse en caídas de vendas por riba do 50% ou incluso na suspensión total das transaccións.

A metade dos operadores ecolóxicos confía en que o seu negocio se repoña en 2021

A metade dos operadores ecolóxicos confía en que o seu negocio funcione a niveis precrise en 2021 e un 37,5% adianta a recuperación ao segundo semestre deste ano. Pola contra, os máis pesimistas -12,5%- sosteñen que nunca poderán sobreporse. Son os resultados dunha enquisa que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de efectuar entre os seus inscritos para avaliar o impacto da COVID-19.

Aínda que a actividade da cadea de abastecemento alimentario se considerou esencial durante a vixencia do estado de alarma, o sector eco galego non foi alleo ao parón que o coronavirus supuxo no conxunto da economía. O peche da hostalaría e a suspensión dos mercados tradicionais puxeron en serios apretos aos operadores.

Algo máis da metade dos enquisados (53,7%) diminuíu a súa facturación a causa da pandemia en relación co mesmo período de 2019. No 40,4% dos casos as vendas caíron ao 50% ou máis. No sector ecolóxico galego existe, sen embargo, unha ampla porcentaxe de inscritos (41,5%) que se mantivo en niveis semellantes aos do mesmo período do ano anterior. Foron poucos (4,9%) os que lograron mellorar os seus resultados.

 

Polo seu propio perfil de actividade, as industrias sufriron en maior medida a parálise ocasionada pola crise sanitaria. O 76,5% viu reducidos os seus ingresos de forma significativa con respecto ao exercicio precedente. Con canles de distribución máis asentadas (exportación e/ou grandes cadeas de supermercados), este subsector tamén se perfila na sondaxe como o que máis elevou vendas neste período (5,9%).

O peche da hostalaría e a cancelación de feiras agroalimentarias tiveron un forte impacto tanto nas contas como nas estratexias de promoción dos operadores, en particular no subsector das industrias. A suspensión de actividade en restaurantes e aloxamentos turísticos afectou ‘moito’ ou ‘bastante’ ao 50% dos enquisados. Porcentaxe que sobe ata case o 53% cando se pregunta pola pegada que deixou a cancelación e/ou aprazamento de feiras.

Á hora de facer balance, tanto produtores como industrias se amosan optimistas e a metade confía en que a situación se atope subsanada en 2021. Algo menos do 40% adianta a recuperación ao segundo semestre deste ano. A redución de actividade para soster en pé os negocios está enriba da mesa para o 66,7% dos enquisados, mentres que o 33,3% baralla pechar definitivamente.

CASE O 12% APOSTA POLO TELETRABALLO. Nos últimos tres meses, case o 12% dos enquisados aplicou medidas para implantar o teletraballo na súa empresa, opción que tivo especial peso nas industrias (26,7%) pola súa propia estrutura de organización interna. Tamén foi este subsector o único que se acolleu a un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para facer fronte á pandemia. A esta figura recorreron o 6,7% dos que cubriron a sondaxe do Craega.

Certo é que, o 82,4% dos operadores que contestan non se viron na necesidade de impoñer ningún tipo de medida excepcional. Na outra cara da moeda, atópase ese 5,9% de inscritos que aumentou a súa plantilla a causa da demanda de determinados produtos durante o estado de alarma.

VENDA ONLINE. A COVID-19 deu o empurrón definitivo ao e-commerce. O 89% dos operadores enquisados non dispoñía deste servizo antes da crise, pero houbo un 12,3% que o puxo en marcha durante o estado de alarma. O novo escenario que se presenta coa ‘nova normalidade’ xa fai pensar ao 31,3% na apertura dun servizo de venda online a curto-medio prazo.

Iniciativas como a que impulsou o Craega para elaborar unha guía de operadores con venda online (e servizo a domicilio) é valorada positivamente no 46,3% dos casos. Mercaproximidade (proxecto da Xunta para dar saída ao produto agrogandeiro galego) tamén tivo boa acollida entre os operadores ecolóxicos. Un 31,1% amósase ‘satisfeito’ ou ‘moi satisfeito’ con este plan auspiciado por Medio Rural.

PRODUTO ECOLÓXICO. En termos xerais, os operadores enquisados poñen de relevo que a pandemia tivo un efecto desigual na súa actividade. A metade sinala que lle afectou ‘bastante’ ou ‘moito’. A porcentaxe restante valora o impacto da crise do seguinte xeito: ‘algo’ (35,4%); ‘case nada’ (9,8%) e ‘nada’ (4,9%).

Á vista das vantaxes que ten para saúde o consumo de produtos ecolóxicos, a COVID-19 pode servir, a xuízo dos enquisados, para reforzar a suá posición nos mercados. Para o 29,3% o seu protagonismo aumentará de xeito ‘moi’ ou ‘bastante importante’, mentres que o 39% asegura que o bio cobrará ‘algo’ de peso.

O Craega habilita un sistema de cita previa a causa da COVID-19

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conta cun novo sistema obrigatorio de cita previa por razóns de saúde pública. Sempre e cando non se poidan resolver as dúbidas de xeito telemático, os que así o desexen teñen a opción de ser atendidos de xeito presencial nas oficinas centrais de Monforte de Lemos (ronda Mª Emilia Casas Baamonde, s/n – Edificio Multiusos). A solicitude debe tramitarse cun mínimo de 48 h de antelación a través das seguintes canles:

  • Correo electrónico: craega@craega.es
  • Teléfono: 982405300
  • Horario: 08.00 – 15.30 h | 16.30 – 19 h (de luns a venres).

Como medida de prevención fronte á COVID-19, o uso de máscara é obrigatorio. Tamén é indispensable manter unha distancia mínima interpersoal dun 1,5 metros

O Craega doa aos bancos de alimentos leite, conservas vexetais e de peixe con selo eco

Tres dos palés de leite ecolóxico que recibiu o Banco de Alimentos de Santiago

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de poñer en marcha unha campaña solidaria para contribuír a paliar o impacto da crise sanitaria e económica xerada pola COVID-19 entre as persoas con menos recursos. Máis de nove mil litros de leite, 4.416 latas de conservas de peixe e mariscos e outras 3.030 vexetais -todos eles produtos ecolóxicos certificados- acaban de chegar aos catro bancos de alimentos da comunidade, centros que están ofrecendo unha resposta aos que sofren con máis intensidade os efectos devastadores da pandemia.

O organismo que controla e certifica a agricultura ecolóxica en Galicia quere así poñer o seu gran de area para aliviar a grave situación na que se atopan as persoas e colectivos vulnerables que buscan amparo nas entidades sociais. En total, o donativo aos bancos de alimentos inclúe 9.000 litros de leite, 3.408 latas de sardiñas en aceite de oliva eco, outras 1.008 de mexillóns en escabeche eco e 3.030 unidades de conservas vexetais con selo.

Con presenza en Lugo, Vigo, Ourense e Santiago, a Federación Galega de Bancos de Alimentos (Fegaban) detectou desde o estalido da crise o incremento da demanda. Ademais de redobrar esforzos para facer fronte á emerxencia, estableceu liñas de colaboración con institucións de diversa índole co obxectivo de multiplicar a súa capacidade de resposta. O que veñen solicitando basicamente son produtos básicos de alimentación -non perecedoiros- atendendo ás carencias identificadas nos fogares e organismos cos que colaboran. Considerando as súas necesidades, o Craega priorizou a entrega de leite, conservas vexetais e de peixe, produtos que foron repartidos equitativamente entre os catro centros.

QUE É O CRAEGA? O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) é unha autoridade pública que se fundou no 1997 para aplicar o sistema de control da agricultura ecolóxica na comunidade.

A produción ecolóxica está regulada por unha normativa europea -Regulamento (CE) 834/2007- que establece as normas de produción, transformación e etiquetado. Ademais estipula como controlar todas e cada unha das fases de produción e elaboración do produto, desde a orixe ata que chega a mans do consumidor.

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

Enquisa para avaliar o impacto da COVID-19 entre os operadores do Craega

O Craega está a elaborar unha enquisa sobre o impacto da crise da COVID-19 entre os operadores ecolóxicos. O obxectivo é dar resposta ás necesidades que poidan xurdir no sector a causa da pandemia.

Difundida por correo electrónico entre os máis de mil inscritos no Consello, a sondaxe conta cunha liña para produtores e outra para industrias. Ademais de cuestións relacionadas estritamente cos efectos económicos do estado de alarma (facturación, xestión dos recursos humanos, etc), tamén se inclúen preguntas vencellas á comercialización (venda online) e á promoción (suspensión de feiras).

A modo de peche, solicítase aos participantes unha valoración sobre a proxección do produto ecolóxico trala crise.

Axudas para mellorar a produción e comercialización de mel

A Consellería do Medio Rural vén de convocar un paquete de subvencións para impulsar o sector apícola. Das axudas poderán beneficiarse persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de explotacións especializadas nas abellas, cooperativas e outras organizacións con personalidade xurídica propia.

A orde inclúe varias liñas:

  • Asistencia técnica a apicultores e organizacións de apicultores.
  • Loita contra as agresións e enfermidades da colmea.
  • Racionalización da transhumancia.
  • Medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200527/AnuncioG0426-200520-0001_gl.html

PRAZO: 29/06/2020

Ampliado ata agosto o prazo para solicitar axudas en réximes de calidade

Os agricultores interesados en incorporarse a réximes de calidade terán ata o 18 de agosto (incluído) para solicitar axudas. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) prorroga dous meses máis o prazo para realizar o trámite, suspendido a causa do estado de alarma decretado pola COVID-19.

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de atoparse en activo.

No caso da produción ecolóxica, tamén se considerará nova participación aquela que se refira a agricultores que, tendo actividade previa no programa de calidade, inicien o seu labor no sector con destino ao mercado en relación a algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo.

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos. Non se tramitarán expedientes cunha contía inferior a 50 €.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-161219-0001_gl.html

PRAZO: 18/08/2020

Benigno Pereira (Pereimos 2007): “Facer viño ecolóxico vai no ADN da nosa adega”

Benigno Pereira Ramos amosando unha botella do Corga Brancellao ecolóxico premiado. Á dereita, capturas de pantalla das referencias a este viño que aparecen na última edición de ‘The Wine Advocate’.

Poucas veces un xogador chega a primeira división nun abrir e pechar de ollos. Detrás ten que existir un talento innato capaz de sobresaír a base de estritos adestramentos e perseverancia. Algo así é o que lle acaba de pasar ao Corga Brancellao ecolóxico coa guía de Robert Parker. En apenas seis anos de andaina, a adega Pereimos 2007 (Pobra de Trives) conseguiu que catro dos seus viños figuren en The Wine Advocate, a revista que publica cada dous meses o prestixioso crítico estadounidense. “Non hai moitos varietales embotellados, por iso é interesante velo nú, sen carballo, nin maquillaxe. Ten un 13º de alcol e unha frescura notable, un corpo medio e taninos finos”, recalca Luis Gutiérrez, catador de Parker en España. Certificada polo Craega desde 2014, a adega con raíces na Ribeira Sacra non esperaba que os premios chegaran tan pronto e moito menos este que a leva ao cumio da biblia enolóxica internacional. Falamos con Benigno Pereira Ramos, propietario de Pereimos 2007. 

A súa adega estréase na guía Parker e ademais con moi boa puntuación. Satisfeitos?
Estamos moi contentos. Somos unha adega moi nova e é a primeira vez que nos califican. Conseguimos colocar catro de seis viños e todos cunha puntuación por enriba de 90 (nun baremo de 50 a 100, equivale a excelente). Ademais é importante porque as catas se fan de xeito anónimo, sen que nin sequera te enteres.

Aparecer na biblia dos viños marca un antes e un despois en canto a prestixio. Que significa a nivel comercial? 
Salvo que o noso sexa un caso atípico, figurar na guía Parker lévate á primeira liga dos viños a nivel mundial e ábreche moitas portas. Para calquera importador ou distribuidor, atoparte nesta publicación supón unha garantía. En todo caso, nós queremos seguir sendo humildes e que o noso produto sexa asequible. Luis Gutiérrez dálle un valor estimado de 40 € á botella de Corga Brancellao ecolóxico en The Wine Advocate e nós estamos a vendelo a un prezo máis económico.

Que características ten o Corga Brancellao?
É unha aposta arriscada porque non moitas adegas vinifican esta variedade por si soa. Que nós saibamos, é a primeira vez que sae ao mercado. Para empezar, o que pretendiamos era amosar o brancellao con toda a súa naturalidade. Trátase dun tipo de uva moi especial, autóctona de Galicia, e cunha extensión de cultivo minoritaria. A nosa atópase no val do Bibei (Pobra de Trives). A ventilación desa zona é precisamente a que nos permite traballar en ecolóxico, aplicando moi pouco tratamento e levando o froito ao punto de maduración adecuado. O resultado é un monovarietal, brancellao 100%, novo, anada 2018, pero que non tivo contacto con madeiras, e 100% ecolóxico.

Producir viño ecolóxico é un reto arriscado?
Nós non estamos no mundo do viño para facer moitas cousas. Non queremos ser unha adega grande, senón unha gran adega. E aquilo que fagamos, facelo ben. É decir, aplicar boas prácticas tanto no coidado do viñedo como no proceso de elaboración. En síntese, respectar os principios da agricultura ecolóxica. Poida que sacrifiquemos cantidade de produción, pero non entendemos outro xeito de traballar a terra. Vainos no ADN. Ademais, no caso do val do Bibei, podemos facelo así. Temos outras variedades sen certificación e están sometidas exactamente ao mesmo sistema de produción. Pero como as fincas non son da nosa propiedade, non teñen o selo. 

Como lles afectou a crise da COVID-19?
As ventas están paralizadas. Aínda que hai certo espertar e, coa desescalada, comezamos a recibir pedidos, a maioría dos nosos clientes (viñotecas e hostelería especializada) seguen pechados. Producimos unhas 10.000 botellas ao ano e, con esta cantidade tan pequena, non chegamos ás tendas de alimentación. Esos datos que falaban da suba das ventas de viño durante o confinamento referíanse ás adegas que están posicionadas nos lineais dos supermercados.

Son boas as expectativas a partir de agora?
Se o país segue abríndose, si. Temos que continuar medrando pouco a pouco ata que a adega sexa rendible. Xunto con premios que recibimos por outros viños convencionais, a puntuación da guía Parker é un empurrón moi importante. Non estamos preocupados porque a nosa produción é curta e sabemos que a acabaremos sacando adiante.

Como vai o viño este ano?
De momento, moi ben. Ata que metes a uva na adega non sabes moi ben cal vai ser o resultado, pero agora mesmo ten unha pinta estupenda. Se todo segue igual, podemos augurar unha colleita excelente.