Arquivos da etiqueta: Plan Estratégico Craega

O Craega lanza ‘Somos semente’ para impulsar o consumo de produto ecolóxico en Galicia

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) acaba de poñer en marcha Somos semente, a súa primeira campaña de publicidade online. Concebido como un relato audiovisual de tres capítulos, o primeiro spot publicouse en Internet o pasado luns e hoxe mesmo sae á luz o segundo. O seu leitmotiv é grabar a marca Craega na mente do consumidor galego. Para iso, e por primeira vez desde que botou a andar en 1997, o organismo que controla e certifica a agricultura ecolóxica na comunidade aposta por un novo formato promocional con difusión exclusiva en redes sociais. 

“O noso gran reto segue a ser o mercado galego. Estudos propios demostran que o selo non se coñece. Apostamos por unha fórmula revolucionaria para crear un movemento arredor da agricultura ecolóxica que perdure no tempo”, explica Francisco López Valladares, presidente do Consello. Cun forte compoñente emocional, a campaña afonda nos valores do Craega (respecto polo medio ambiente, benestar animal, desenvolvemento rural, etc) e nas vantaxes que ten tanto para a saúde como para o tecido económico consumir alimentos certificados. 

Somos semente arranca en outubro co lanzamento dos tres vídeos nos perfís dixitais corporativos (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube). Dispoñibles en www.somossemente.com, os contidos audiovisuais levarán en paralelo publicidade online que ten como cometido posicionar na Rede a marca Craega e os seus valores. A través dun relato coherente que irá saíndo á luz ao longo de todo o mes, as tres pezas audiovisuais servirán para debullar os piares básicos da agricultura ecolóxica. 

Ademais de explicar que é o selo e que significa a certificación, a campaña quere espertar a conciencia do consumidor galego e lograr que se comprometa co sector.  

En paralelo, desde o seo do Consello impulsaranse diferentes accións que van máis alá do soporte dixital. Nos vindeiros meses, as principais cidades galegas amosarán a nova imaxe do Craega en localizacións estratéxicas e no transporte urbano. Asemade, levaranse a cabo diversas actividades a pé de rúa para dar visibilidade aos produtos bio. 

Todas estas actividades difundiranse progresivamente na web www.craega.es, os perfís de Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, o grupo de WhatsApp e tamén na revista corporativa do Consello. Con este conxunto de accións, a campaña procura visibilizar a marca Craega e un estilo de vida saudable a través do consumo de produtos ecolóxicos. 

MÁIS DE MIL OPERADORES. O Craega botaba a andar en 1997 con só 11 operadores e 13,35 hectáreas de superficie certificada. Hoxe hai máis de mil inscritos e máis de 33.000 ha dedicadas ao cultivo ecolóxico. Os balances económicos soben ano tras ano e poñen de relevo o músculo dun sector que cada vez cobra máis peso dentro e fóra de Galicia. 

Co lácteo como eixo estratéxico, 2018 pechaba cun volume de vendas certificadas de 78,7 millóns de euros. “O ecolóxico non é unha moda. O consumidor está cada vez máis concienciado e sabe que cada compra ten unha consecuencia: co medio ambiente, co rural, coa economía local e coa súa saúde”, recalca Valladares. 

Neste contexto de eclosión da ecoloxía, é importante –insiste o presidente do Consello- asegurarse de que se cumpren as regras. “Cómpre buscar sempre o noso selo, única garantía oficial de que un produto se axusta á normativa europea”, sinala. “O distintivo serve para protexer ao produtor fronte ao fraude, pero sobre todo ao consumidor”, insiste.