fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A campaña do Craega ‘Somos Semente’ gaña un Premio Paraugas

A campaña do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega) Somos Semente vén de recibir un Premio Paraugas á Mellor Estratexia Dixital. Convocado polo Clúster da Comunicación de Galicia e entregado o pasado venres en Expourense, o certame pon en valor o traballo das empresas e creativos galegos.

O xurado decantouse pola campaña que asina a axencia Roi Scroll para dar a coñecer a marca Craega e a agricultura ecolóxica en Galicia. Concebido como un relato audiovisual de tres capítulos e con difusión exclusiva en redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube), o Consello apostou desta vez por unha fórmula revolucionaria co obxectivo de impulsar un movemento arredor da sector. Cun marcado compoñente emocional, a proposta afonda nos fortes valores do organismo (respecto polo medio ambiente, benestar animal, desenvolvemento rural, etc) e nas vantaxes que ten tanto para a saúde como para o tecido económico consumir alimentos ecolóxicos.

Con máis de 3,2 millóns de impresións e 764.841 visualizacións desde o mes de outubro ata hoxe, a campaña no seu conxunto está a colleitar excelentes resultados. É a primeira vez que o Craega decide poñer en marcha un formato promocional con difusión exclusiva en soportes dixitais.

MÁIS DE MIL OPERADORES. O Craega botaba a andar en 1997 con só 11 operadores e 13,35 hectáreas de superficie certificada. Hoxe hai máis de mil inscritos e máis de 33.000 ha dedicadas ao cultivo ecolóxico. Os balances económicos soben ano tras ano e poñen de relevo o músculo dun sector que cada vez cobra máis peso dentro e fóra de Galicia. Co lácteo como eixo estratéxico, 2018 pechaba cun volume de vendas certificadas de 78,7 millóns de euros.

O Consello é a única autoridade de control que certifica este modelo de produción na comunidade. Co seu selo, é posible atopar produtos agrarios de orixe animal ou vexetal (transformados e non transformados) destinados á alimentación humana; pensos; material de reproducción vexetativa e sementes para cultivo; fermentos para o consumo humano ou animal; e produtos de acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos). O Craega non certifica pesca extractiva ou caza.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.