Arquivos da etiqueta: #NovaNormativa

“Os indicadores que temos invítannos ao optimismo para acadar o 25 % de superficie ecolóxica en 2030”

Diego Canga Fano, conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural, incorporouse como funcionario da Unión Europea en 1991, onde desenvolveu boa parte do seu labor profesional nas principais institucións: Consello, Comisión e Parlamento. Así mesmo, levou a cabo diferentes cargos, entre os que destacan o de administrador principal, a Dirección Xeral de Política Social ou como representante do Consello ante o Tribunal de Xustiza e o Tribunal de Primeira Instancia de Luxemburgo. 

Natural de Asturias, no ano 2018 foi galardoado na súa terra coa medalla de prata de Asturias en recoñecemento á súa traxectoria persoal e profesional, inspirada nos valores fundacionais da UE, na que desenvolveu a súa traxectoria ao servizo da cidadanía. 

Falamos no novo número da revista co “pai” do Plan de Acción, quen nos conta cales son as bases do Pacto Verde, que ofrece a nova normativa ou como xestionarán os primeiros premios da agricultura e gandería ecolóxica, entre outros temas de actualidade no sector. 

Entrevista completa

A nova normativa europea dálle estabilidade ao sector

A nova lexislación sobre agricultura ecolóxica (Regulamento UE 2018/848 sobre produción e transformación de alimentos ecolóxicos) entrou en aplicación o 1 de xaneiro do presente ano, tras o seu adiamento por un ano debido á situación sanitaria. Ata agora a produción ecolóxica estivo regulada por normativas dos anos 2007 e 2008. A nova normativa reflicte a evolución deste sector en rápido crecemento co fin de garantir unha competencia leal para os agricultores e, ao mesmo tempo, evitar a fraude e manter a confianza dos consumidores.

PRINCIPAIS MODIFICACIÓNS

A continuación, recollemos en 13 puntos os principais cambios que terán lugar co novo regulamento:

  1. Concreción de requisitos para produción de sementes xerminadas.
  2. Haberá listas de produtos de limpeza para a produción vexetal e instalacións de transformación/almacenamento (pendentes de desenvolver).
  3. Posibilidade de certificación de grupos de operadores baixo requisitos concretos.
  4. Desenvolvemento de requisitos específicos para produción de cérvidos e cunicultura.
  5. Desenvolvemento de requisitos específicos para a produción de poliñas e reprodutores para futuras galiñas poñedeiras e de requisitos técnicos de galiñeiros e galiñeiros multinivel.
  6. Posibilidade de certificación de sal e outros produtos estreitamente vinculados ao sector agro como resinas, la sen cardar, peles, cera de abellas etc.
  7. Inclusión de material de reprodución heteroxéneo.
  8. Requisitos para a concesión de recortes do período de conversión.
  9. Eliminación da fase final de engorde de bovino no interior de edificios sen acceso ao exterior.
  10. Eliminación da posibilidade de ter pastos/praderías aproveitadas exclusivamente en ecolóxico e convencional.
  11. Control de comercios polo miúdo que venden produción a granel.
  12. Maior control sobre produtos importados que terán que cumprir as mesmas  normas que os producidos na UE.
  13. Inclusión do termo “orgánico” como equivalente de “ecolóxico” e “biolóxico”.

Información publicada na Revista 59

Xa está dispoñible o número 59 da revista do Craega con todas as novidades do sector

En pleno inverno traemos un novo número da revista, que xa podedes consultar na súa edición dixital.

Esta nova edición ábrese coa sección “Lexislación”, na que ofrecemos unha síntese das principais novidades da nova normativa que afecta á produción ecolóxica e que se aplica xa dende o 1 de xaneiro de 2022, tras o seu adiamento por mor da pandemia. Este apartado complétase coa entrevista a Diego Canga, conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural,  que abordou interesantes temas, como as bases do Pacto Verde, as modificacións da nova normativa no tocante á agricultura eco ou o futuro do sector. 

Teri Portela é a protagonista da nosa sección “A entrevista”, coñecida a nivel mundial pola súa brillante carreira como piragüista, quen nos acompañou nas pasadas Ecoexperiencias do Craega da Coruña e Ourense. Entre a súa innumerable lista de recoñecementos, destaca a medalla de prata que recolleu nos pasados Xogos Olímpicos de Toquio na súa categoría. Esta subcampioa olímpica relátanos como é o día a día dunha deportista de elite. 

Tamén nos internamos na finca das Fadegas para coñecer a Marta Méndez e Montse Laya, dúas socias que seguiron traballando estas terras que naceron en 1977. Esta explotación agrícola foi unha das primeiras en contar coa certificación do Craega e é fiel á venda directa nos mercados locais, en concreto no de Ribadeo. Así o afirman na nosa sección “De temporada”.

Un número máis, Indo e Vindo Gastronomía proponnos un delicioso menú na “Cociña Eco”,  nesta ocasión composto dun bocado de polo con verduras, un tradicional prato de culler e un doce irresistible.

Completan este número a “Actualidade do sector” onde coñecemos o Informe do MAPA sobre a produción ecolóxica española en 2020, así como o calendario sobre as feiras e os eventos que se levarán a cabo nos próximos meses e as últimas novidades do sector.

Pechamos esta edición cuns consellos sobre as producións de inverno na nosa sección “Aliméntate bío”.

Consulta xa a revista completa

Descargar revista