Arquivos da etiqueta: leche ecológica Galicia

Cumio de produtores de leite ecolóxico en Asturias

Vaca frisona, principal raza produtora de leite

O sector do leite ecolóxico darase cita o próximo febreiro en Villaviciosa (Asturias) para poñer en común as últimas novidades neste eido. Organizado polos propios produtores, na anterior edición –celebrada en Cantabria- reuníronse máis de medio centenar de gandeiros.

O programa do III Encontro de Produtores de Leite Ecolóxico arrinca o sábado 9 no Centro Cultural San Xoán de Capistrano cunha xornada sobre a situación do sector no Principado (09.15 h.). Case en paralelo (09.30 h.) darán comezo os obradoiros de debate. Como colofón (12 h.), presentaranse as conclusións da primeira sesión. Xa pola tarde, está previsto visitar dúas ganderías da zona: Casería La Madera ( 15 h.) e Jairo (17 h.).

O domingo 10 os participantes expoñerán o seu balance dos obradoiros de debate (09.00 h.), realizarán unha valoración do cumio e poñerán sobre a mesa os vindeiros retos (11 h.). Un xantar de confraternidade (14.30 h.) poñerá o broche de ouro ao encontro.

En Galicia, as inscricións poden formalizarse en info@xangalicia.com ou no teléfono 620806414.

Cinco Exceleite para as granxas ecolóxicas

Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), recibiron o ouro e a prata, respectivamente, na categoría de ecolóxico dos premios Exceleite 2018

Cinco gandarías ecolóxicas acaban de facerse cun premio polo seu bo facer. Convocados por segunda vez pola Consellería de Medio Rural para recoñecer a excelencia hixiénico-sanitaria das granxas leiteiras, nesta categoría resultaron galardoados Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), ouro e prata, respectivamente. Tamén foron distinguidos con diplomas Figueroa S.C. (Arzúa), Manuel Calvelo Capelo (Negreira) e a Cooperativa Burgo de Negral (Friol).

Co máximo recoñecemento de Exceleite en ecolóxico por segundo ano consecutivo, a Ángel Rivas Lamas a vocación vaille no sangue. Os inicios da súa explotación remóntanse a 1921, cando o seu avó se fixo coas terras que viña traballando para a nobreza da zona. “Viuse entre a espada e a parede. Se non mercaba, botábano. Tivo que pedir un préstamo e, con moito esforzo, saiu adiante”, lembra.

O gañador do certame pertence á terceira xeración dunha saga de gandeiros. Colleu as rendas do negocio no 1981 e no 2003 iniciou a conversión ao modelo ecolóxico. “Daquela contabamos cunha marxe neta de 0,18 €/litro. Era viable, pero tiñamos a necesidade de buscar un prezo diferenciado”, argumenta. Certificado polo Craega en 2005, hoxe suma 90 cabezas e unha produción de 360.000 litros anuais, cantidade que desde 2017 se destina integramente a Casa Grande de Xanceda.

Premio Exceleite de Prata 2018 de gandaría ecolóxica, Concepción Torres López é unha recén chegada a este tipo de produción. Estreouse hai só seis meses. “Se mantivera o modelo convencional, xa tería pechado”, advirte. Aínda a pesar de que os custes se encarecen, hai un retorno que, ao seu xuízo, serve para equilibrar a balanza.

Herdanza dos seus pais, Torres colleu as rendas da granxa 35 anos atrás. Pero no 2016, despois das dificultades que viña atravesando o sector lácteo, viuse na obriga de buscar outro camiño e empezar a facer as cousas dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. “Véndeno coma se fora un luxo, pero o eco xa se facía hai cen anos. Non imos cara algo novo”, conclúe.