Arquivos da etiqueta: Gandería Casa Codesal

Ecolóxicos que presumen de Exceleites

José Antonio Rivas Corredoira, esquerda, de Casa Codesal; e Jesús Gabriel Pereira, de Gandería Pear.

“O ecolóxico tes que levalo dentro. É unha cuestión de conciencia, de respecto ao medio ambiente e aos animais”, sostén Jesús Gabriel Pereira, da Gandería Pear, de Arzúa. “As nosas vacas viven todo o ano fóra e aliméntanse de pasto fresco. Por iso, o seu leite é de moita calidade”, ratifica José Antonio Rivas Corredoira, de Casa Codesal, de Friol. Ambos poden presumir de producir os mellores leites bio de Galicia, pero do que máis satisfeitos están é da súa profesión, do seu compromiso co rural e coa natureza. Quizais por ese motivo recibiron os Exceleite 2019 en ecolóxico, uns premios que concede a Consellería do Medio Rural en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

“O máis importante é que non haxa intromisión e que se exerza un bo control. A certificación é algo obxectivo que permite demostrar que temos un produto de calidade. Este premio, froito dunha analítica que avalía a calidade bacteriolóxica e de células somáticas, ratifica que facemos ben o noso traballo”, recalca Pereira, primeiro clasificado na súa categoría. “A convencional é unha produción moi forzada. En ecolóxico, os animais aguantan máis anos. Viven mellor”, continúa.

Como moitos outros, este gandeiro de Arzúa incorporouse ao Craega empurrado pola crise do sector lácteo. “Estaba nun camiño sen saída: ou mercar cota ou buscar medios para subsistir. Optamos por dimensionar a explotación e producir a mesma cantidade a maior prezo”, lembra. A conversión da granxa familiar que herdou dos seus pais comezou en 2006. Hoxe fala fachendoso das súas 30 vacas que lle reportan un balance anual de 220.000 litros.

A de Pereira é unha historia de éxito que, ademais, por primeira vez ten premio. Non obstante, o traxe rural non lles senta ben a todos os públicos. “Non é unha vida sinxela. Ten que gustarche moito e hai que facer as cousas con ilusión”, advirte.

A granxa de José Antonio Rivas Corredoira, segunda clasificada en ecolóxico, é unha veterana nos Exceleite. Nos tres anos que teñen estes premios, Casa Codesal sempre conseguiu un galardón. “É un recoñecemento á forma que temos de traballar. Puntúa positivamente tanto as características organo- lépticas do leite como o modelo de produción”, explica. Con 35 anos, vén de coller as rendas do negocio familiar. “Para min, significa continuar un soño e manter vivo o legado dos meus antepasados”, celebra.

O mozo mira o futuro con optimismo e anima a xente nova a emprender no rural. “Temos que sentirnos orgullosos do que somos, do que facemos e de onde vivimos. A do campo é unha profesión tan digna como outra calquera e, ademais, é un medio de vida”, argumenta. Confesa que o seu segredo é “facer as cousas co corazón”.

Casa Codesal comercializa leite certificado en ecolóxico desde 2005. As 55 cabezas de gando para o muxido producen agora 320.000 litros anuais. A longo prazo, Rivas quere contratar persoal para mellorar a calidade de vida dos que sosteñen o negocio en pé e abrir a granxa ás visitas.