Arquivos da etiqueta: #EPSLugo

O Craega participa na 1.ª Reunión Anual Presencial do Proxecto AE4EU

O Edificio Cactus da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (EPSE) acolleu a 1.ª Reunión Anual Presencial do proxecto AE4EU (Agroecology for EU) do 3 ao 5 de maio. O mércores 4, no marco do taller de transferencia e deseño da folla de ruta para unha exitosa transición dos sistemas agrarios cara á agroecoloxía, tivo presenza o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). O seu secretario, Javier García, presentou o proxecto Desenvolvemento de produtos elaborados en base a carne de vacún de raza autóctona con certificación ecolóxica. O traballo mostrouse ante o equipo de investigación que dirixe Rosa Mosquera, catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da USC na EPSE. 

AGRICULTURA ECOLÓXICA PARA EUROPA 

AE4EU é un estudo europeo, cunha duración de 3 anos, que comezou en xaneiro de 2021 e ten como obxectivo permitir unha transición exitosa dos sistemas agrarios cara á agroecoloxía. Pretende crear unha rede europea sólida na que actores de diversos sectores deseñen e desenvolvan estratexias e accións conxuntas que permitan facer fronte aos retos aos que se enfrontan a agricultura e os sistemas alimentarios europeos.

PROXECTO DO CRAEGA

O obxectivo do estudo exposto por Javier García é pór a punto a produción galega dos transformados cárnicos de vacún a partir de carne de tenreiros de razas cachena, rubia galega e frieresa, criados en réxime ecolóxico. Desenvólvese nas provincias de Lugo e Ourense conxuntamente entre o Craega e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Tras a selección das explotacións de vacún ecolóxico e das tres razas autóctonas, nunha terceira fase analizouse a calidade da carne a través de análises físico-químicas e nutricionais. Logo elaboráronse os produtos tasajo e chacina, que se deron a probar a consumidores e colaboradores.

 

Os resultados obtidos mostran que as explotacións enquisadas se caracterizan por non utilizar antibióticos e manter un bo estado sanitario, cumprindo coas normas e recomendacións de benestar animal vixentes para a produción ecolóxica. Non se observaron diferenzas importantes na composición química, a cor ou a textura, pero si nas concentracións de ácidos graxos esenciais entre as diferentes razas: a carne de cachena ten maior contido en ácidos graxos poliinsaturados; a de frieiresa, maior pH e, por tanto, maior capacidade de retención de auga, e a de rubia galega, menor infiltración de graxa. Así mesmo, a variabilidade na composición e, especialmente, nos atributos sensoriais dos transformados cárnicos revela un amplo mercado no que poderían asentarse estes produtos ecolóxicos de elevada calidade organoléptica. Ademais, conséguense cumprir varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).