Arquivos da etiqueta: #ConselleríaMedioRural

O CFEA Sergude arranca setembro cun curso sobre cultivos de horta ecolóxica

Imaxe dun curso celebrado o pasado ano

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural) organiza unha nova acción formativa, desta volta para adquirir competencias sobre cultivos de outono/inverno na horta ecolóxica. O obradoiro terá lugar os días 5, 7, 12, 14, 19 e 21 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón, A Coruña). Será en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.

Cada día tratarase un tema, que será explicado en detalle na parte teórica antes de realizar exemplos prácticos. Os bloques do contido do curso inclúen nocións sobre a obtención de sementes, a eficiencia na explotación e traballos agrícolas e infraestruturas para cubrir os cultivos, entre outros temas.

Para asistir é preciso cubrir o formulario que se encontra dispoñible na páxina da Consellería e logo o coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico para comunicarlle se está admitida ou non.

Modificacións na solicitude das axudas para a contratación de seguros agrarios

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe unha modificación da orde do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro de 2022), na que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Desta maneira, en canto á concorrencia das axudas, fíxase que non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias das axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais, acontecementos de carácter excepcional, fenómenos meteorolóxicos adversos asimilables a desastres naturais, enfermidades animais, pragas vexetais e retirada e destrución de gando morto. Desta maneira, a subvención conxunta entre Enesa e a Consellería do Medio Rural non poderá exceder os límites: 65 % do custo da prima para seguros agrícolas e gandeiros e o 50 % no caso de explotacións acuícolas.

Ademais, no caso de seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións, a subvención conxunta non excederá o límite xenérico do 100 % do custo da prima do seguro no que respecta á retirada e o 75 % no tocante á destrución do devandito gando.

Cabe lembrar que o prazo de presentación abarca desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

Medio Rural publica a orde para solicitar axudas para a creación de empresas para as persoas argicultoras mozas

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, establece as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Información completa: 

DOG n.º 27 de mércores 9 de febreiro

Aberto o prazo de solicitude das axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e mozas ao agro e desenvolvemento de pequenas explotacións

O Diario Oficial de Galicia (DOG), núm. 27, 9 de febreiro, publica a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores novos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, cun orzamento global de 37,5 millóns de euros. 

Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2024, teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.

Para a concesión das subvencións convocadas destínase un crédito de 37.500.000 euros, repartidos en 20 millóns de euros para investimentos nas explotacións agrícolas, confinanciados co Feader; 15 millóns para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiados a través do instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), e 2,5 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciados co Feader.

O prazo de solicitude é dun mes, contado desde o 10 de febreiro.

DOG completo