Arquivos da etiqueta: #ComedoresEco

Craega proporcionará alimentos ecolóxicos para a I Campaña de Comedores Responsables nas residencias de maiores

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presentou na residencia pública autonómica de Campolongo a primeira  edición da campaña denominada “Comedores responsables” orientada a residencias de maiores de Galicia, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos ecolóxicos e con indicativo de calidade nestes espazos. Esta é unha iniciativa que promove a Xunta de Galicia e que contará con formación e asesoramento aos responsables de cociña da man de Agacal.

O obxectivo das sesións formativas  é que o persoal de cociña coñeza a importancia de consumir produtos locais e como poder identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade. Tamén se informará sobre as características nutricionais dos propios produtos e o impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Outra ferramenta coa que se vai traballar é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos seus menús.

Así mesmo, Cabarcos anunciou que se celebrarán diversas degustacións de menús especiais con produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida e produtos ecolóxicos, que serán achegados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo de agora, beneficiaranse uns 600 residentes dos centros Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa), a residencia Hermanos Prieto (O Carballiño), a residencia de anciáns de San Marcos (Santiago de Compostela) e a residencia da terceira idade de Campolongo (Pontevedra).

Nove explotacións de horta ecolóxica abastecen actualmente cos seus produtos unha ducia de comedores

A xornada Ecocomedores da Biosfera: ferramenta para un cambio social, animando o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e proximidade en comedores escolares e colectivos clausurouse o 30 de setembro coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. Durante o acto, puxo en valor a comercialización e o consumo de produtos ecolóxicos en circuítos curtos de cara á mitigación do cambio climático.

Durante a xornada fíxose balance da iniciativa posta en marcha en 2015, que recibiu unha axuda de case 51.000 euros e foi xestionada pola Xunta no marco dos proxectos de cooperación da medida Leader. Cabarcos gabou o proxecto coordinado pola escola infantil municipal A Caracola e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que ten por obxectivo que centros educativos e empresas poidan elaborar menús saudables con producións locais, de temporada e ecolóxicas.

Nese sentido, a día de hoxe están adheridas ao proxecto un total de nove explotacións de horta ecolóxica que abastecen de produto a seis escolas infantís, tres centros de educación infantil e primaria, un de educación infantil, primaria e secundaria e dous comedores de empresa.

Tamén puxo de manifesto que proxectos coma este poden darlle un pulo á agricultura ecolóxica de Galicia, demostrando que existe unha alta demanda por parte da restauración colectiva. Así mesmo, destacou que se busca impulsar estas producións a través das novas tecnoloxías e por iso se está promovendo unha plataforma virtual na que se poden mercar producións ecolóxicas das empresas participantes.