Arquivos da etiqueta: #AquaFuture

O Craega promove os produtos do mar en AquaFuture Spain 2022

O I Salón Internacional da Industria Acuícula, AquaFuture Spain’22, celebrouse os días 23, 24 e 25 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda (Pontevedra).

Os visitantes puideron coñecer os produtos e proxectos das 152 empresas e entidades presentes na súa área expositiva, procedentes de 23 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, Norteamérica ou Sudáfrica. Entre as entidades atopábanse compañías de subministracións industriais, alimentación, procesamento, equipamento profesional, criadeiros, tecnoloxía e desenvolvemento, software e informatización, produtores, asociacións, institucións públicas, publicacións ou formación. O programa incluía mesas redondas, presentacións e dúas showcookings con produtos acuícolas.

INAUGURACIÓN

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de inaugurar este evento e manifestou a aposta de Galicia polo cultivo de produtos do mar para “dar resposta aos desafíos das novas formas de alimentación sen perder de vista a protección dos recursos naturais”.

Así mesmo, reivindicou que a Unión Europea debe favorecer o desenvolvemento sustentable deste sector como parte dunha estratexia xeral que garanta a seguridade alimentaria no marco do Pacto Verde Europeo. Ademais, deu conta do peso fundamental que ten a actividade acuícola, na que se inclúe o mexillón, na economía galega e destacou o seu valor na xeración de emprego pois nela traballan máis de 5.600 persoas e tamén en termos de crecemento sustentable, innovación tecnolóxica e seguridade alimentaria.

CASETA DA CONSELLERÍA

Quintana destacou o apoio do Executivo galego a este salón e a súa presenza no certame, no que conta cun posto de máis de 200 m2 que alberga a 10 expositores e no que se presentaron diferentes iniciativas, como o Foroacui, e celebrouse unha charla sobre innovación aberta aplicada á industria: casos de éxito, da man de Inxenia.

Entre os expositores atopábase o Craega con mostras de Conservas do Noroeste SL, empresa que ten unha variedade de produtos do mar ecolóxicos (Conservas Cabo de Peñas). Con expositor propio, dentro da mesma caseta, estiveron presentes Algas La Patrona e HQ Seaweed (Capitán Alga), dedicadas a algas ecolóxicas.

Durante as xornadas, no posto recibíronse varias visitas como a de Ramón Fernández Conchas, vogal do Craega (Servizo de Mercados da Consellería do Mar); a de Miriam González (Servizo de Mercados da Consellería); e a de Loli Paz e Juan Carlos Juncal, de Dimesalnés SL, tamén vogal do Consello (empresas importadoras e/ou comercializadoras), que estiveron acompañados de Agustín Pose e Marisa, dous bateeiros de Pontevedra.

AquaFuture Spain 2022 estréase en Silleda do 23 ao 25 de marzo

AquaFuture Spain’22 nace pensado como un punto de referencia para os profesionais do sector acuícola internacional, no que se poden actualizar sobre as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos. Trátase dun espazo no que poder compartir experiencias e coñecemento, onde aprender e ensinar, e onde explorar a posibilidade de abrir novos mercados.

Desde a Consellería do Mar convidaron o Craega a participar nesta primeira edición da Feira Aqua Future 2022, que terá lugar do 23 ao 25 de marzo no Recinto FIG Silleda. O Consello terá un posto compartido no stand común da Consellería, no que se exporán produtos daqueles operadores que así o desexen, vinculados á produción ecolóxica de alimentos procedentes do mar (algas e mexillóns).

Co obxectivo de promover a innovación e o coñecemento entre os axentes de interese, ofrecen un programa de xornadas técnicas orientadas a temáticas que actualmente marcan as tendencias do sector acuícola, en canto a innovacións do mercado. O itinerario está composto de tres grupos con diferentes actividades adaptadas aos intereses dos expositores e visitantes, entre as que se atopan diversas mesas redondas, presentacións de empresas expositoras e degustacións culinarias de produtos acuícolas.