Arquivos da etiqueta: alimentos ecolóxicos

Vexetais, ovos e pan copan o top 10 do consumo eco en Galicia


Os vexetais son os produtos ecolóxicos que se consomen con máis frecuencia en Galicia. Ata un 48,1% dos enquisados incorpóraos á súa cesta da compra máis dunha vez por semana. Así se desprende do último barómetro elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para avaliar a percepción e consumo dos alimentos orgánicos.

En segunda posición atópanse os ovos. O 66,5% dos entrevistados mércaos unha vez por semana ou incluso máis. Esta é a mesma frecuencia coa que os galegos adquiren carne fresca eco, un produto que gaña terreo nos fogares galegos e medra 7,2 puntos -de 2014 a 2017- ata acadar o 40,4%. Algo semellante sucede coa liña bio do polo e outro tipo de aves, un alimento que o 36,7% engade á súa lista da compra alomenos cada sete días. O crecemento con respecto á análise anterior é de 8,4 puntos.

Pan, pasta ou cereais ecolóxicos teñen un papel de peso no informe e ocupan xa o terceiro posto. O 49,6% declaran consumilos con certa frecuencia. Desta porcentaxe, o 26,3% asegura introducilos na lista da compra máis dunha vez por semana. Con regularidade (53,1%) entran así mesmo nos fogares os snacks, doces, marmeladas, mel ou sobremesas non lácteas.

Con frecuencias por debaixo do 30%, completan o top 10 as bebidas, conservas e aceites, e conxelados. Fóra dos dez primeiros postos e cunha porcentaxe do 7,27%, atópase a alimentación infantil.

Cómpre facer fincapé en que a base de consumidores eco medrou de forma considerable entre 2014 e 2017. Cun incremento do 23,5%, chega agora ao 47,3% da poboación galega.

Segundo o barómetro do Craega, queda patente que os produtos de orixe vexetal son a porta e entrada ao consumo ecolóxico. Así o poñen de manifesto o 73,8% dos enquisados. A máis distancia séguenlle os ovos (7,6%) e os lácteos (7,5%).

PERFIL DO CONSUMIDOR ECOLÓXICO. De mediana idade, con estudos superiores e con renda alta. Son as características comúns do consumidor ecolóxico galego. Tal e como reflexa o último barómetro do Craega, a compra de alimentos orgánicos ten unha presenza máis intensa entre a xente nova. A maior parte (55,2%) dos que inclúen os alimentos bio na súa cesta da compra teñen entre 35 e 49 anos. Moi de preto (52,2%) sitúase o grupo de ata 34 anos. Pola contra, a consideración de non consumidor aumenta notablemente por riba do 63% entre os maiores de 65 anos.

O que merca ecolóxico adoita ter un nivel educativo elevado. Máis da metade conta con Formación Profesional ou universitaria. Sen embargo, nos niveis máis baixos de instrución son máis abundantes os non consumidores.

Segundo a actividade que desempeñan, o consumidor eco preséntase con maior intensidade entre os empregados (53,2%), estudantes (54,3%) e as persoas que realizan labores no fogar (57,7%).

Xa por último, contribúe a definir o perfil a situación económica dos fogares. Entre os niveis de ingresos máis baixos (renda familiar media mensual inferior a 1.000 €) a frecuencia dos consumidores cae ao 39,1%. No extremo contrario (máis de 4.000 € por mes), a compra de produto eco sobe ata o 68,8%.

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS. O Craega medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Craega rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

BARÓMETRO 2017: DOCUMENTO COMPLETO E RESUMO.

Axudas para apoiar investimentos nas explotacións agrícolas de produción vexetal

O martes 30 de xullo de 2019 foi publicado no DOG núm. 143 – Consellería do Medio Rural  a orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 (código de procedemento MR419A). Consulta a orde completa aquí

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. Enmárcanse no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4: investimentos en activos físicos, submedida 4.1; apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas …

O importe das axudas será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios: agricultores mozos, investimentos colectivos, investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas. No caso de investimentos en agricultura ecolóxica o incremento é de un 10%.

O prazo para a presentación é dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Descargar a orde en PDF.

Xa temos gañadora do sorteo dunha noite no pazo de Sabadelle

Estás a piques de comezar as vacacións e aínda non sabes moi ben que facer? No Craega fixemos un mapa de ecoagroturismo con 11 visitas para que ninguén se aburra este verán. Ademais de achegarte aos segredos da agricultura ecolóxica, terás ocasión de achegarte a recunchos únicos espallados por toda Galicia.

Por se fora pouco, se estás atento ás nosas redes sociais, podes levar algún agasallo. Para comezar a tempada, convidámoste a pasar unha noite inesquecible nun pazo galego. Xunto co Pazo de Sabadelle (Casa do Pacio), sorteamos unha estancia para dúas persoas (almorzo incluído) nesta casona do século XIII enclavada nunha aldea de Chantada. Unha ocasión única para coñecer de primeira man como funciona unha explotación de gandaría ecolóxica certificada polo Craega.

DINÁMICA
• Sigue a conta do Craega en Facebook e dálle ‘Me Gusta’ a esta publicación.
• Publica un comentario, mencionando á persoa que levarías contigo.

Bases do sorteo: https://bit.ly/32ulVVv
Fotos do Pazo de Sabadelle: https://bit.ly/30FplTN
Mapa de ecoagroturismo do Craega: https://bit.ly/2KSCSTW (páxinas 10-12).

GAÑADORA
A gañadora é Ana Lorenzo Martínez. Moitos parabéns! Consulta aquí o certificado do sorteo.

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán stand -82 m2- sete empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Eco González (Jamones González), Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo.

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 10 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural-, déronse cita 3.273 expositores de 98 países. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.

Ensalada de lacón de porco celta con ovo escalfado e vinagreta á galega con castañas asadas

 

INGREDIENTES/PERSOA:

  • 80 gramos de brotes tenros de leituga, espinacas, remolacha, rúcula…
  • 1 ovo enteiro
  • 50 gramos de lacón cocido
  • 5 castañas asadas
  • 1 culleriña de pemento doce
  • Cantidade suficiente de aceite de oliva virxe extra
  • 1 culler de vinagre de mazá
  • Sal
  • Pementa negra moída c/s
  • Pemento doce para decorar

ELABORACIÓN:

  • Lavamos os brotes tenros e deixámolos na neveira en auga con xeo durante unha hora para que estean moi crocantes.
  • Escalfamos o ovo e para iso pomos auga a ferver con sal e un chorriño de vinagre. Cando a auga ferva, apagamos o lume e engadimos o ovo sen casca, arroupamos a clara ao redor da xema para que resulte máis bonito e tapamos.
  • Deixamos cocer durante tres minutos. Retiramos o ovo e introducímolo en auga fría con xeo.
  • Preparamos a vinagreta quentando o aceite de oliva, incorporamos o pemento doce con coidado de que non se nos queime e deixamos repousar para poder decantar o aceite e eliminar os restos do pemento. Cunha medida de vinagre disolvemos o sal e incorporamos o aceite de oliva virxe de pemento. Engadimos as castañas asadas peladas e picadas á vinagreta.
  • Escorremos os brotes e mesturámolos cun pouco de vinagreta, colocámolos no prato e enriba engadimos as lascas de lacón e no medio un ovo escalfado ben escorrido.
  • Salseamos coa vinagreta e poñemos anacos de castañas por riba. Empoamos un pouco de pemento doce e servimos.

Descarga a ecoreceita en PDF en este enlace.

Premios para o sector pesqueiro na nova edición do certame Innovación para Mulleres Rurais

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de convocar os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais 2019. A ampliación a sectores do medio rural en zonas costeiras é a principal novidade desta décima edición. Deste xeito, poden concorrer no certame as produtoras do sector pesqueiro, clave no desenvolvemento económico do país, na fixación de poboación e na preservación de medios de vida tradicionais e sostibles no litoral.

Outra das estreas é a concesión dun primeiro, segundo e terceiro galardón nas distintas categorías, aos que corresponden dotacións económicas por valor de 18.000, 12.000 e 7.500 euros respectivamente. A excepción é o recoñecemento pola traxectoria vencellada ao apoio a mulleres rurais por ser de carácter honorífico. O premio ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres do sectores rural e pesqueiro, e tamén axudar a desenvoler e consolidar os seus proxectos.

A iniciativa nace co cometido de distinguir proxectos novos, orixinais e innovadores realizados por mulleres rurais e actuacións que recoñezan o seu traballo. Outra das finalidades é promover a súa incorporación e inserción laboral no territorio. O prazo de presentación conclúe o 5 de agosto. Hai catro categorías:

1) Excelencia á innovación na actividade agraria.
2) Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola.
3) Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais.
4) Excelencia á comunicación.

O Craega apoia o documento da SEAE ‘Evidencias científicas da produción ecolóxica’

A agricultura ecolóxica é máis respectuosa co medio ambiente? É o modelo actual de produción de alimentos sostible? Son os alimentos ecolóxicos máis saudables? … Estas son algunhas das preguntas formuladas con máis frecuencia cando se fala sobre produción ecolóxica. As respostas non sempre resultan as máis axustadas á realidade. Por iso, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) elaborou un documento recompilatorio que recolle estudos e investigacións sobre as principais contribucións da produción ecolóxica a tres ámbitos: ao medio ambiente, á saúde das persoas e calidade dos alimentos, e a unha sociedade máis xusta e equitativa.

O Craega, xunto cun cento de organizacións representativas do sector, vén de adherirse a este documento clave para a agricultura ecolóxica.

O artigo baséase, principalmente, en meta-análises publicadas durante os últimos 15 anos. Presenta unha relación de argumentos científicos que poden servir como unha ferramenta para contrarrestar mensaxes tendenciosas (ou directamente falsas) en contra da produción ecolóxica. “Trátase de que calquera persoa ou colectivo, relacionado directa ou indirectamente coa produción ecolóxica, dispoña de argumentos que evidencian cientificamente as aportacións ambientais, sociais e a saúde da produción ecolóxica”, comentan desde a SEAE.

Ademais do Craega, tamén apoian este documento os consellos reguladores de Murcia, Cataluña, Valencia, Castela e León e Baleares. Tamén se sumaron Intereco, a Asociación Vida Sana, Greenpeace, Ecologistas en Acción, Del campo al cole e un longo etcétera.

Cole gañador de ‘Faite Eco do Lóxico’ 2017-2018: “Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”

Alumnos do CEIP de Lousada (Guntín) realizando tarefas agrícolas no patio do colexio

Faite Eco do Lóxico deixou pegada no CEIP Plurilingüe de Lousada (Guntín), gañador do primeiro certame que convoca o Craega no seo deste programa educativo. “O pasado setembro, cando volvemos ao cole, a primeira preocupación do alumnado foi o invernadoiro: que iamos plantar, como preparar a terra, como gardar as sementes…”, conta M.ª Luisa Vázquez Viana, responsable do Plan Proxecta no centro. “Hoxe xa temos unhas cantas leitugas para autoconsumo e estamos agardando a colleita de repolos, coliflores e brócoli”, celebra a mestra.

O documental que fixeron os rapaces sobre que significa o ecolóxico mereceu o máximo galardón do Consello no curso 2017-2018. “No traballo implicouse todo o colexio. Todos foron quen de sentirse protagonistas”, engade a coordinadora. Por iso resultou unha experiencia tan positiva e a dirección do centro non dubidou en repetir este ano. “Fomos quen de inculcarlles aos nenos a importancia de cultivar e consumir produto ecolóxico e que ademais levaran a mensaxe á súa casa”, sinala Vázquez Viana. Unha mensaxe que non foi moi difícil de trasladar porque, nesta zona, unha alta porcentaxe das familias se dedica á agricultura e á gandería.

Este programa “é un labor de longo percorrido, ten que ir afianzándose pouco a pouco. Temos a esperanza de que sexa o xermolo dun xeito de vida máis san”, argumenta. Por iso, o CEIP de Lousada decidiu inscribirse de novo nesta modalidade do Plan Proxecta.

46 CENTROS, NA SEGUNDA EDICIÓN. A segunda edición de Faite Eco do Lóxico está a superar todas as expectativas. Promovido polo Craega no seo do Plan Proxecta, conta coa participación de 46 centros escolares de toda Galicia (34 de infantil e primaria e 12 de secundaria). O ano pasado anotáronse 34. Iniciativa da Consellería de Educación, o programa pretende afondar en aspectos vencellados coa ciencia, as novas tecnoloxías, a reciclaxe ou a alimentación mediante o traballo en rede. Deste xeito, comunidade educativa e entidades colaboradoras tenden pontes ao longo de todo curso académico para intercambiar coñecementos.

Baixo o paraugas de Aliméntate ben (impulsado por Medio Rural, Mar e Sanidade), o Consello dispón da modalidade Fai Eco do Lóxico. O seu cometido non é outro que fomentar o consumo de produto eco amosando ao alumnado os seus beneficios, tanto para a saúde como para o medio ambiente. Para iso, o Craega está a organizar charlas, degustacións e xogos en centros de  toda  a  comunidade.  Para  pechar  o programa, celebrarase un concurso final no que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos estudantes.

Carlos Spuch: “O importante dos produtos eco é o que non teñen”

Carlos Spuch
Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, é un gran defensor do produto ecolóxico

Romper o ciclo natural das cousas ten un prezo. E a ciencia corrobórao pouco a pouco. Demostrado está que pesticidas como o DDT –xa prohibido– inciden no alzhéimer e que hai outros que se relacionan co párkinson. Existen ademais “evidencias” de que estas e outras enfermidades como a depresión poderían ter a súa orixe no intestino. Por iso, levar unha alimentación saudable, a base de produto ecolóxico e sen procesados, é tan importante para previr determinadas doenzas. É o que defende Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias. Agora ten entre mans un proxecto piloto que intenta probar que a dieta ecolóxica é quen de diminuír a actividade inflamatoria no intestino.

Somos o que comemos?
Estamos formados por un montón de substancias. Desde que nacemos ata que morremos, o que incorporamos ao noso organismo chega a través da respiración, da alimentación ou do que nos poida picar o médico. Nada máis. Na respiración inflúen factores externos como a contaminación, pero o demais depende da nutrición. Cando es neno, se inxires un tipo de graxa determinado, hidratos de carbono en exceso e ademais hai déficit de proteínas, modifícase o neurodesenvolvemento e iso vai ter consecuencias na idade adulta.

Entón non hai alimentos nin bos, nin malos. Todo é unha cuestión de equilibrio…
O difícil é estar equilibrado. Salvo que haxa unha patoloxía que o impida, a mellor dieta é aquela na que comes de todo e variado. As graxas non se deben eliminar nunca por completo. Son moi importantes para o sistema nervioso. O 70% do cerebro está composto de graxa e as nosas neuronas necesítana para funcionar. Que sucede entón cando consomes unha dieta alta en hidratos e baixa en graxa? Que o desenvolvemento do cerebro non é bo. Hai estudos que demostran que os nenos que consumiron poucas graxas teñen un desenvolvemento cognitivo un pouco máis lento. Son normais, pero lévalles máis tempo resolver problemas ou reaccionar fronte a certas cousas. En resumo, cómpre comer de todo e variado.

Convén logo incluír as graxas na dieta?
Pois claro. O que hai é que escoller o tipo de graxa e atopar o equilibrio. En Galicia temos dous dos alimentos con mellor composición de ácidos graxos que existen no mundo: o peixe azul e o leite. O que non sabe a xente, en termos xerais, é que os ácidos malos son necesarios para a correcta absorción dos bos. O de que algo é bo ou malo é moi relativo. A natureza mesma é así e todo ten as súas funcións.

Estamos a envelenarnos coa alimentación de hoxe en día?
Envelenar é un pouco forte, pero si que estamos a modificar os nosos patróns alimentarios. O prexudicial é tomar sempre produtos procesados. Por outra banda, é positivo que xurdan tendencias bio. Pouco a pouco, a ciencia demostra que a dieta dos nosos avós era mellor que a de hoxe. Pero volvendo ao veleno, quizais habería que dicir que si, polo excesivo uso de pesticidas que se rexistra na actualidade. Cada vez saen máis estudos que verifican que certos praguicidas cunha alta concentración en alimentos provocan problemas crónicos no noso corpo. Por iso, son un defensor do produto ecolóxico: o máis importante non é o que teñen, senón o que non teñen.

Como poden intervir os alimentos en enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson?
Cada vez saen máis evidencias do que todo o mundo sabe. Xa entre a década dos 80 e 90, un estudo demostrou que había pacientes de alzhéimer cun elevedo nivel de DDT no cerebro. A raíz das presións do Goberno sueco, acabouse prohibindo (permítese o seu uso nalgún caso). Tamén hai evidencias de que certos praguicidas constitúen un factor de risco para o párkinson. Basta con facer a proba cunha rata: se inxectas o composto en cuestión no seu cerebro, matas as súas neuronas. Ese é o modelo do párkinson. A maior parte dos pesticidas empréganse para controlar pragas e malas herbas, pero moitos teñen efectos neurotóxicos. Acumúlanse en niveis moi elevados en froitas e verduras que nós despois inxerimos e, polo tanto, pasan ao noso organismo.

Tamén di vostede que no intestino se pode atopar a orixe de moitas doenzas…
Hoxe en día un dos grandes focos de atención é a microbiota intestinal (as bacterias e outros mi- croorganismos que residen no intestino). Todos os alimentos teñen que pasar pola flora bacteriana para que poidamos absorbelos. Sospéitase que certas poblacións de bacterias están orixinando a depresión, determinada manifestación do alzhéimer, o autismo… E quen modifica a flora bacteriana? Os alimentos. A flora bacteriana é un reflexo do que comes. Por exemplo, a serotonina é un neurotransmisor asociado á depresión. O 90 % está no intestino. Cando a microbiota está alterada, a parede intestinal inflámase e a produción de serotonina trastórnase. Se a investigación logra demostrar que a orixe destas enfermidades está no intestino, poderemos controlar a depresión regulando a flora bacteriana.

É máis san consumir ecolóxico?
Si. Porque o produto ecolóxico non ten ningún tipo de químico. E ademais adoita ser un produto de proximidade: madura de forma natural na horta durante o tempo que precisa e chega máis rápido aos puntos de venda. Eses antioxidantes tan beneficiosos para a saúde dos que tanto se fala, son compostos que producen as froitas e verduras para loitar contra a exposición solar ou contra o ataque de bacterias e fungos. E iso que significa? Que non é o mesmo comer unha froita que madurase ao sol que outra que o fixese dentro dunha cámara. Na medida posible, hai que consumir produtos da túa rexión e de tempada. Cómpre asumir que non se poden comer amorodos todo o ano porque non se producen. Cada alimento ten a súa época. Só con iso, sería suficiente para provocar o boom económico dunha determinada zona.

Vostede está intentando probalo…
O noso grupo ten entre mans un proxecto piloto con pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal. Ademais de analizar os niveis de inflamación no intestino, tamén recollemos datos sobre a presenza de certos pesticidas nos ouriños. Despois mudamos os seus hábitos alimenticios e poñémoslles unha dieta ecolóxica. Aos 15 días volvemos a avalialos. Esperamos que a dieta ecolóxica diminúa a actividade inflamatoria no intestino e que mellore o seu estado de saúde xeral.

O CRAEGA reclama a presenza de alimentos ecolóxicos nos comedores escolares

Manuel Corredoira López (director xeral de Educación), esquerda, Francisco López Valladares (presidente do CRAEGA), José González (conselleiro do Medio Rural), Mª Pilar Tobar Quintanar (directora do IES Xelmírez II) e Manuel Rodríguez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Foto: Xoán Crespo/Xunta

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) reclama a presenza dos alimentos ecolóxicos nos comedores escolares. “O produto que certifica o CRAEGA é deficitario tanto nas escolas como nos eventos públicos”, advertiu hoxe en Santiago o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Neste senso, brindou a súa colaboración á Xunta para que, en vindeiras licitacións do servizo de comedores, puntúe tamén positivamente o ecolóxico e non só o alimento de tempada e de proximidade. “Os nenos de agora son os adultos do mañá e a súa saúde debe ser unha prioridade para o conxunto da sociedade”, engadiu. “O CRAEGA quere chegar ao prato de todos: da xente nova e da que non é tan nova. Porque só así lograremos espertar definitivamente ao noso rural e alimentarnos mellor”, sinalou.

López Valladares fixo esta demanda coincidindo co acto de apertura da segunda edición de Faite Eco do Lóxico no IES Xelmírez II. En presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, o presidente do CRAEGA lembrou que este programa serve para achegar a agricultura ecolóxica a 46 centros de infantil, primaria e secundaria de toda a comunidade. “A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Sostible e respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor”, recalcou. “É fundamental que as novas xeracións dediquen unha parte do seu programa educativo a este sector cada vez máis relevante. A concienciación é un traballo de todos. Da familia, da escola e das institucións públicas”, engadiu.

O conselleiro do Medio Rural animou aos preto de 80 mozos participantes na charla a confiar na produción ecolóxica. “Os mellores produtos do mundo son os de Galicia e, en concreto, os ecolóxicos, produtos 100% naturais sen ningún tipo de engadido químico”, declarou.

Para González, a agricultura ecolóxica é “o futuro que vén do pasado” e proba diso é que cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos. De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns o pasado ano.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, salientou a importancia do Plan Proxecta -no que se enmarca este programa- como paraugas coordinador de todas as iniciativas impulsadas desde diferentes consellerías e organismos para fomentar diversos valores de forma transversal a través do ensino. Neste caso concreto, Faite Eco do Lóxico (integrado na liña Aliméntate Ben) contribúe a concienciar aos máis novos dos beneficios para o medio ambiente e para a saúde dos produtos ecolóxicos, promovendo hábitos de vida saudables.

SEGUNDA EDICIÓN. O CRAEGA participa por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación que tende pontes entre a comunidade educativa e diferentes entidades sectoriais como este Consello. Dirixido a primaria, ESO, bacharelato e FP, no curso 2018-2019 fixouse un límite de 30 centros. A demanda superou todas as expectativas e acadou as 46 solicitudes. Nas charlas -como a que acolleu hoxe o IES Xelmírez II- inscribíronse 29 centros das catro provincias. Os escolares tamén están a recibir degustacións de produtos ecolóxicos e xogos no marco desta convocatoria. Como colofón, o CRAEGA convoca un concurso con tres categorías (infantil, primaria e secundaria) para premiar os mellores traballos sobre agricultura ecolóxica desenvolvidos durante o curso. En cada modalidade outorgarase un galardón único consistente nunha cesta de produtos ecolóxicos. O fallo darase a coñecer a principios de xuño.

Faite Eco do Lóxico é unha acción promovida polo CRAEGA con axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER)-Europa Inviste no Rural e a Xunta.