Arquivos da etiqueta: #Alimentaria

Galicia presume de produtores certificados en ecolóxico en Alimentaria Barcelona

As feiras volven á normalidade e así se percibiu en Alimentaria Barcelona e Hostelco, que se celebrou desde o luns 4 de abril ata o xoves 7. Segundo informa Fira de Barcelona, conseguíronse uns 100.000 visitantes, o que demostra que o sector está de volta. En Alimentaria destacaron iniciativas que fomentan a sustentabilidade, mentres que en Hostelco tamén se mostrou a incipiente robotización dos hoteis, entre outras tendencias. O impacto económico do evento que xunta ambas as feiras é de 180 millóns de euros.

“A intensa dinámica vivida durante esta edición reforza o carácter do evento como aliado estratéxico do sector no seu imparable proceso de internacionalización”, valorou o director de Alimentaria, Toni Valls. Máis de 3.000 empresas procedentes de 52 países distintos reuníronse no recinto situado en l’Hospitalet de Llobregat. O 23 % dos visitantes foron internacionais, provenientes de 149 países. “Destaca a calidade dos compradores que nos visitaron, que contribuirá a impulsar as vendas da industria alimentaria no exterior”, agregou Valls.

ÉXITO NA PARTICIPACIÓN DE PRODUTOS CON CERTIFICACIÓN DO CRAEGA

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, estivo presente na inauguración do evento, que contou coa presenza de produtos amparados por indicacións como Pataca de Galicia, Lacón Galego, Castaña de Galicia, Torta de Santiago e Mel de Galicia, ademais de produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Os produtores e comercializadores do Consello que asistiron baixo o paraugas do MAPA foron os seguintes: Galuriña, Bioalacena, Traloagro SL, Jamones González SLU, Sovoral, A Factoría Ecolóxica SL, Algas La Patrona, Capitán Alga, Bágoas na Ría, Orballo, Sangría Republic, Avieco, Porto Muíños, Pasteurizados Cíes e Sensus Green Mixology SL.