Arquivos da etiqueta: agricultura ecologica

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), vén de convocar unha nova liña de axudas para fomentar a calidade alimentaria entre os agricultores. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de atoparse en activo. 

No caso da produción ecolóxica, tamén se considerará nova participación aquela que se refira a agricultores que, tendo actividade previa no programa de calidade, inicien a súa labor no sector con destino ao mercado en relación a algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo.  

A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos. Non se tramitarán expedientes cunha contía inferior a 50 €. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200213/AnuncioG0528-161219-0001_gl.html

PRAZO: 15/05/2020

Axudas para prevención e indemnización de danos da fauna salvaxe

Xa se poden solicitar as axudas para previr os danos da fauna salvaxe e tamén consultar as bases para pedir indemnizacións cando se produzan. Segundo a convocatoria da Consellería de Medio Ambiente, existen as seguintes liñas: 

1. Prevención de danos ocasionados polo lobo e o xabaril. Das subvencións poderán beneficiarse as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega). Haberá axudas para adquirir cans para a protección do gando, pastores eléctricos, cerrumes móbiles de malla electrificada, valados fixos electrificados, valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. 

ENLACE AXUDA:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-201219-0002_gl.html

PRAZO: 09/03/2020

2. Indemnizacións por danos do lobo. A estas axudas poden acollerse persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras con cobertura para danos de cabezas de vacún, ovino, caprino, porco celta, cabalos, burros e mulas. Cunha partida de 400.000 €, o importe das subvencións é un 30% maior en 75 municipios nos que hai constancia de maior incidencia dos danos.  

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-201219-0004_gl.html

PRAZO: 1 mes desde a comunicación do ataque. Para os danos producidos desde o 1 de outubro de 2019 ata o 7 de febreiro, remata o 9 de marzo.

3. Indemnización por danos do xabaril. A convocatoria está dirixida a explotacións agrarias profesionais que figuren no Reaga e de autoconsumo. Cun importe de 2,4 millóns de euros, cada beneficiario pode recibir un máximo de 1.700 euros. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200207/AnuncioG0532-231219-0006_gl.html

PRAZO: O afectado dispón dun prazo de 72 horas para comunicar o dano ao teléfono 012 desde que se produce. Despois ten un mes de prazo para presentar a solicitude de indemnización. Para os que notificaran o dano desde o 11 de outubro ata o 7 de febreiro, o prazo para tramitar a petición de axuda conclúe o 9 de marzo.

O Craega reforza a súa presenza internacional en Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega na pasada edición de Biofach, feira de referencia internacional de produtos orgánicos

O sector eco galego está a piques de despegar cara Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, viaxan ao país xermano oito empresas: Porto-Muíños, Mieles Anta, Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio Factory, Coraçai e Orballo. Durante catro días, os que se acheguen ao hall 5 (stand 5 – 281) poderán atopar as últimas novidades certificadas en Galicia en variedades como algas, produtos apícolas, queixos, alimentos en conserva, xeados e infusións e especias.

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na edición que arranca a vindeira semana daranse cita preto de 3.500 expositores -repartidos en 12 pavillóns- de arredor de 100 países. O ano pasado achegáronse ao Messezentrum máis de 51.400 profesionais (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 atópanse Italia, Austria, Francia e España.

O congreso que se celebra en paralelo á feira de Núremberg outorga desta vez todo o protagonismo aos efectos positivos da agricultura ecolóxica e aborda un asunto de actualidade: A agua, fundamento da vida en perigo? Este será o eixe de debate de varios eventos nos que se darán cita máis de nove mil persoas.

OUTRAS FEIRAS. A do país xermano inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020. Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará cun stand agrupado no que compartirán espazo 21 empresas certificadas.

Organizada pola Asociación Vida Sana e a celebrar en EXPOCoruña, a convocatoria prevé reunir a máis de 200 expositores dedicados á alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar, ecoestilo de vida, turismo responsable, artesanía e diversas ONG. En paralelo, terán lugar máis de 150 actividades. Aberta ao público xeral, a estimación pasa por superar os 13.000 visitantes.

Ao longo de 2020, o Craega ten previsto asistir a outras dúas edicións de Biocultura: Barcelona (7, 8, 9 e 10 de maio) e Madrid (26, 27, 28 e 29 de novembro).

Axudas para a promoción exterior das empresas galegas

O Instituto Galego de Promoción Económica vén de convocar as axudas para a promoción exterior de empresas galegas (Galicia Exporta Empresas). Das subvencións poderán beneficiarse as compañías que cumpran os seguintes requisitos: pemes; que teñan algún centro de traballo radicado na comunidade; que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización e que estean ao día nas obrigas tributarias. 

Cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e pretenden incentivar a realización de accións de promoción no exterior. Para 2020, o importe dispoñible para esta convocatoria ascende a 1,2 millones de euros. No exercicio seguinte o importe chega aos 5,8 millóns. 

LIGAZÓN AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200129/AnuncioO92-090120-0003_gl.html

PRAZO: 30/03/2020 (prorrogado pola COVID-19)

O monopolio do mexillón eco, Xanceda e leites bio con premio, na revista 52 do Craega

Con 2.500 km de costa, Galicia é líder absoluto en acuicultura bio de España. Salvo unha mínima porcentaxe procedente de Aldán (Cangas do Morrazo), da ría de Arousa saíron as 3.124 toneladas que o Craega rexistrou en 2018, tal e como se desprende do último informe do Ministerio de Agricultura. 

A revista 52 do Consello -xa dispoñible en formato dixital– leva este tema a portada e fala con Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da Asociación de Mexilloeiros San Amaro, para lembrar como foi o despegue do sector e cales son as súas perspectivas.

Premio Empresarias de Galicia 2019, Cristina Fernández-Armesto, socia de Casa Grande de Xanceda e neta dos fundadores, protagoniza as dúas páxinas de entrevista. Tamén figuran no sumario os gañadores en ecolóxico dos Exceleite, Casa Codesal e Gandería Pear SC. 

Nesta edición non faltan as ecorreceitas, desta vez con Adrián Maneiro (cociñeiro do Hotel Attica 21 Coruña Matogrande e gañador do primeiro premio na IX edición Cociña con Castaña de Galicia), e o calendario de feiras sectoriais.

Descargar revista

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019, a feira mundial de produtos orgánicos.

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán espazo -82 m2– oito empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo. As propostas do Consello poderán atoparse no hall 5, stand 5 – 281. 

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 12 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural- déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

OUTRAS FEIRAS. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.  Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará con stand agrupado para que os seus operadores teñan ocasión de poñer os seus produtos ao alcance de visitantes profesionais e público xeral. 

Na axenda tamén se inclúen a segunda edición de Organic Food Iberia (Madrid, 3-4 de xuño) e Biocultura Madrid (Madrid, 26-29 de novembro), entre outras convocatorias. 

Os chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela sacan proveito ao produto eco no Centro Superior de Hostelería de Galicia

Kike Piñeiro, esquerda, e Eloy Cancela, chefs da Horta do Obradoiro, con José Ángel Regueiro Real durante o ‘show cooking’ celebrado no CSHG

Vacún, horta e mexillón con selo ecolóxico. Son os tres produtos que o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou o pasado mércores aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). O testemuño de José Ángel Regueiro Real, gandeiro de vacún e vogal na comisión de goberno do Craega, e o show cooking impartido polos chefs do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro serviron para achegar algúns dos segredos dos alimentos certificados aos que no futuro van a tomar o relevo no sector hostaleiro.

Operador de vacún ecolóxico e integrante da dirección do Consello (en representación das empresas de produción animal), Regueiro Real encargouse de explicar aos alumnos de segundo e último curso de Gastronomía e Xestión en Cociña como funciona a súa gandería. Situada a oito quilómetros de Lugo, a súa explotación suma 25 vacas nodrizas. Tramitou a solicitude para converserte ao ecolóxico en 2003 e foi un dos primeiros en adherirse á entidade que controla e certifica este sistema de produción na comunidade. Falou das características do produto, pero tamén das dificultades que supón manter en pé un negocio no rural e, en particular, de atopar un oco nun mercado que non sempre sabe poñer en valor os alimentos de calidade.

Mentres Regueiro Real abundaba na faciana empresarial do sector, Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante A Horta do Obradoiro, preparaban un menú a base de produtos ecolóxicos no CSHG que posteriormente os estudantes degustaron. Cuscús de coliflor con cabaza asada, guiso de mexillón tigre e snack de vacún ecolóxico (con xarrete de tenreira).

A sobremesa foi un dos momentos máis especiais do show cooking. Co queixo e o mel como ingredientes estrela, os chefs deseñaron dunhas presentacións diferentes: rolo con crema de queixo e mel; e queixo de nabiza con mel fresco do panal.

SEMANA DE EXPLOTACIÓN. Durante o segundo trimestre do curso, no mes de marzo, os alumnos do CSHG terán ocasión de incluír os produtos ecolóxicos nos seus traballos fin de carreira. Como vén sendo habitual, os estudantes de último curso de Gastronomía e Xestión en Cociña terán que pechar o ciclo de formación desenvolvendo o proxecto empresarial dun restaurante con todos os aspectos que iso implica: definición do negocio, estudos de mercado e viabilidade; e posta en funcionamento. Finalmente o restaurante abrirase ao público xeral durante unha semana nas instalacións que o centro posúe na zona da Barcia.

Nenos e maiores achéganse á agroecoloxía nun obradoiro do Craega

Os nenos tiveron ocasión de plantar unha semente ecolóxica en terra sen tratamentos químicos. Foto: Craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén de estrear un ciclo de obradoiros infantís no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (USC). Baixo o título Érase unha vez unha semente: agroecoloxía e diversidade, cativos de entre seis e 12 anos achegáronse o pasado sábado ata a institución con sede en Compostela para coñecer a historia das sementes e a importancia que tiveron as mulleres na súa conservación.

Organizados en dous grupos (nenos e adultos), os participantes tiveron ocasión de profundar na liña do tempo da agricultura poñendo en valor a enorme biodiversidade dos produtos a través de dinámicas lúdicas. Xogaron a descubrir os froitos da horta e a súa variedade, construíron un tirapedras e tamén plantaron sementes. Como punto e final, os asistentes pudieron degustaron unha merenda con produtos ecolóxicos certificados polo Craega.

A actividade é froito da colaboración do Consello coa Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural. Cun tope de 30 prazas e de carácter gratuíto, case medio cento de persoas quedaron en lista de agarda. Debido ao elevado interese polo obradoiro, a organización confía en poder repetir a convocatoria no futuro.

Axudas para seguros agrarios, razas autóctonas e produtos vitivinícolas

A Consellería do Medio Rural vén publicando nas últimas semanas do ano diferentes convocatorias relacionadas co sector primario. De cara a 2020, hai subvencións para contratar seguros agrarios, fomentar as razas autóctonas e para produtos vitivinícolas:

1. Seguros agrarios. Dirixidas a agricultores e gandeiros, teñen o obxectivo de habilitar ferramentas fronte á actuación de axentes alleos (clima, enfermidades, etc). A Xunta participará nas subvencións que financien as pólizas de seguro previstas no Plan anual estatal. Desta liña quedan fóra as grandes empresas e as que se dedican á transformación e comercialización de produtos agrícolas. Os límites son os seguintes: un 65% no recibo de prima dos seguros agrícolas e de explotacións gandeiras e acuícolas e un 80% no caso de seguros de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191209/AnuncioG0426-281119-0001_gl.html

PRAZO: 15/11/2020

2. Fomento das razas autóctonas. Cunha contía de 200.000 € durante 2020, este programa impúlsase co cometido de aumentar a rendabilidade das explotacións gandeiras galegas; modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal; e mellorar a eficiencia dos sistemas de produtos agrarios e das calidades nas súas producións. As subvencións están destinadas ás organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191213/AnuncioG0426-201119-0002_gl.html

PRAZO: 16/12/2019

3. Produtos vitivinícolas. Concibidas para o período 2019-2023 e financiadas polo Fondo Europeo de Agrícola de Garantía (Feaga), da convocatoria para o próximo exercicio poderán beneficiarse empresas vitivinícolas, organizacións de produtores, asociacións e organizacións interprofesionais. O prazo de solicitude desta liña de axudas conclúe o 31 de xaneiro.

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191216/AnuncioG0426-041219-0002_gl.html

PRAZO: 31/01/2020

A campaña do Craega ‘Somos Semente’ gaña un Premio Paraugas

A campaña do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega) Somos Semente vén de recibir un Premio Paraugas á Mellor Estratexia Dixital. Convocado polo Clúster da Comunicación de Galicia e entregado o pasado venres en Expourense, o certame pon en valor o traballo das empresas e creativos galegos.

O xurado decantouse pola campaña que asina a axencia Roi Scroll para dar a coñecer a marca Craega e a agricultura ecolóxica en Galicia. Concebido como un relato audiovisual de tres capítulos e con difusión exclusiva en redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube), o Consello apostou desta vez por unha fórmula revolucionaria co obxectivo de impulsar un movemento arredor da sector. Cun marcado compoñente emocional, a proposta afonda nos fortes valores do organismo (respecto polo medio ambiente, benestar animal, desenvolvemento rural, etc) e nas vantaxes que ten tanto para a saúde como para o tecido económico consumir alimentos ecolóxicos.

Con máis de 3,2 millóns de impresións e 764.841 visualizacións desde o mes de outubro ata hoxe, a campaña no seu conxunto está a colleitar excelentes resultados. É a primeira vez que o Craega decide poñer en marcha un formato promocional con difusión exclusiva en soportes dixitais.

MÁIS DE MIL OPERADORES. O Craega botaba a andar en 1997 con só 11 operadores e 13,35 hectáreas de superficie certificada. Hoxe hai máis de mil inscritos e máis de 33.000 ha dedicadas ao cultivo ecolóxico. Os balances económicos soben ano tras ano e poñen de relevo o músculo dun sector que cada vez cobra máis peso dentro e fóra de Galicia. Co lácteo como eixo estratéxico, 2018 pechaba cun volume de vendas certificadas de 78,7 millóns de euros.

O Consello é a única autoridade de control que certifica este modelo de produción na comunidade. Co seu selo, é posible atopar produtos agrarios de orixe animal ou vexetal (transformados e non transformados) destinados á alimentación humana; pensos; material de reproducción vexetativa e sementes para cultivo; fermentos para o consumo humano ou animal; e produtos de acuicultura ecolóxica (peixes, algas e moluscos). O Craega non certifica pesca extractiva ou caza.