fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega presentou un estudo da biodiversidade nas granxas de produción ecolóxica de bovino

“Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne” é o título da publicación presentada pola Asociación Xeito Rural e que o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) fixo pública nun evento celebrado o xoves día 11 de xaneiro en Lugo.

 

Francisco López Valladares, presidente do Craega, inaugurou o acto dando a benvida aos asistentes e presentando a José Luis Cortiñas e a Juan A. Pérez, os responsables de elaborar este estudo. Así pois, Juan A. Pérez interveu a continuación facendo unha introdución do artigo, que se centra nos conceptos de agricultura e gandería ecolóxicas e na biodiversidade. Nun primeiro momento incídese en varios aspectos clave, tales como, por exemplo, os piares básicos nos que se sustenta a gandería ecolóxica: calidade ambiental e desenvolvemento sustentable, saúde e benestar animal, e calidade de produtos. Posteriormente, comézase a afondar un pouco máis noutros temas relevantes e tamén se fai referencia a varias das normativas que inflúen directamente neste tipo de explotacións. Pérez expresou que “as producións ecolóxicas son as de maior calidade, as que máis respectan o medio ambiente e as novas esixencias que se veñen”, ademais de destacar que os resultados observados foron bastante satisfactorios, mais que aínda quedan aspectos por mellorar.

“As producións ecolóxicas son as de maior calidade, as que máis respectan o medio ambiente e as novas esixencias que se veñen”

A continuación, José Luis Cortiñas expuxo os datos obtidos durante a fase de investigación para a realización do estudo, na que se analizaron e compararon catro granxas de produción ecolóxica de bovinos, dúas de carne e dúas de leite: A Cernada (Palas de Rei, Lugo), María Elvira Diéguez García (Montederramo, Ourense), Bernardino González Pena (Monfero, A Coruña) e Casa de Vázquez (O Corgo, Lugo). “Definir a biodiversidade é complexo e sensible”, aclarou Cortiñas durante a súa quenda, momento no que tamén resaltou que estas granxas están por encima da media e definiu que conceptos compararon entre as catro ganderías, como por exemplo, un deles, a autonomía alimentaria. Na rolda de preguntas posterior xurdiron diversos temas interesantes a destacar como, por exemplo, o obxectivo final da realización do estudo, é dicir, cal é o seguinte paso a dar unha vez analizados os resultados vistos. Coa elaboración deste estudo búscase poñer a biodiversidade que caracteriza as nosas terras no eixo da valoración e diferenciación das producións gandeiras de bovinos e ir conseguindo cada vez máis melloras neste ámbito.

Búscase poñer a biodiversidade que caracteriza as nosas terras no eixo da valoración das producións gandeiras de bovinos

 

Unha das conclusións ás que se chegou con este traballo foi que as explotacións colaboradoras reflicten fielmente o papel positivo que exerce o gando no territorio. A actividade gandeira preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser imprescindibles para a flora. Outra das conclusións é que o gando, cun manexo correcto, mantén a durabilidade do chan axudando á calidade das augas. Finalmente, débese resaltar que os datos destas granxas amosan unhas explotacións xeradoras de espazos de biodiversidade que superan o limiar mínimo.

A actividade gandeira preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna

 

José Luis Cabarcos, o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), clausurou o evento coa súa intervención, na que quixo destacar os aspectos positivos da realización deste tipo de proxectos e de iniciativas, que son beneficiosos para todos e todas. Tamén resaltou que a gandería ten un papel vital na prevención de incendios.

 

Podes ler o resumo do estudo aquí.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.