fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

O Craega participa na 3.ª edición de Come Local para comedores escolares

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), promove por terceiro ano consecutivo a campaña “Come Local” nos comedores escolares. A finalidade é impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. Como en cada edición, o Craega colaborará achegando produtos certificados para a elaboración dos menús. 

Haberá degustacións de menús especiais e tamén se desenvolverán actividades formativas tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos, como o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Así, ata o vindeiro 21 de xuño de 2022, impartirase formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos.

Outra ferramenta coa que se vai traballar cos centros educativos é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos menús.

COMEDORES PARTICIPANTES

Nesta campaña elixíronse centros cunha determinada sensibilidade para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores KM 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. nesta ocasión participarán 14 comedores escolares das catro provincias galegas. Son os seguintes: CEIP Labarta Pose (Zas), CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe), CEIP de Palas de Rei (Palas de Rei), CEIP Plurilingüe de Luíntra (Luíntra), Nuestra Sra. de los Remedios (Compostela), CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP Roberto Blanco Torres (A Peroxa), El Marisma de Santa Mariña (Redondela), CEIP de Soutelo de Montes (Soutelo de Montes), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Barca (Muxía) e o CEIP Ruxidoiro de Barbadás.

Ademais, tamén formarán parte desta iniciativa os 9 comedores escolares KM 0, ao igual que nas anteriores edicións: CEIP Xacinto Amigo Lera (Portomouro), CEIP Os Muíños (Muxía), CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral), CEIP López Ferreiro (Compostela), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Saco e Arce (Toén), CPI Antonio Faílde (Coles), CEIP A Paz-Tintureira (Coruxo-Vigo) e CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa). Algúns destes últimos foron distinguidos a raíz do seu traballo na anterior campaña.

Como novidade, nesta terceira edición, os catro centros de formación agroforestal galegos comezarán o proceso para lucir o certificado de KM 0.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.