O Craega organiza unha nova Xornada ‘on line’ sobre as producións cárnica e silvícola

Os vindeiros días 27 e 28 terá lugar unha nova acción formativa organizada polo Craega,  que abordará a promoción e comercialización das producións cárnica e silvícola. 

Esta Xornada será emitida por YouTube en directo na canle do Craega e cada sesión terá unha duración de dúas horas, en horario de 10:25 a 12:30 h.

PROGRAMA

O día 27 de Nadal, o director de AGACAL, José Luis Cabarcos, inaugurará esta primeira sesión na que estarán presentes Diego Canga Fano, conselleiro principal da Comisión Europea na  Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural, quen analizará o Plan de Acción para a Produción Ecolóxica, así como a Estratexia da Granxa á Mesa, ambos da Comisión Europea; Jon Garai, coordinador de Asociación Ekoalde Elkartea, agrupación de produtores e elaboradores ecolóxicos de Navarra, quen amosará o exemplo da produción e comercialización no seu territorio, e Isabel Gómez, xerente de Traloagro S.L. (Friol, Lugo), quen contará a súa experiencia de empresa familiar que produce actualmente carne de vacún e polo en ecolóxico, e que vende dende a sala de despezamento e tenda supermercado de Friol, así como dende a Praza de Abastos en Lugo.  

O día 28  integran o programa Jean Luc Bellat, consultor en JLB Consulting no ámbito agroalimentario, especialista no mundo da castaña e xerente en Decorin Sàrl, quen nos ensinará como funciona en Francia o mercado da castaña; Rubén Fernández, conselleiro delegado da empresa familiar fonsagradina Casa Castelao SL, abordará o sector porcino en ecolóxico, e Maite Bruzos, responsable de Calidade en Pazo de Lusío S.L., amosará como evolucionou a empresa, cales son as dificultades desta produción e como están a vender en diferentes mercados. Finalmente, Rocío Freire, vicepresidenta do Craega, será a encargada de clausurar estas xornadas formativas.