fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Juan Carlos Juncal: “Os mariñeiros normalmente tratamos de coidar o mar porque é o que nos dá de comer a nós e esperamos que lle dea aos nosos fillos”

Juan Carlos Juncal, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro, participou na mesa redonda sobre desafíos, acertos e reflexións do sector que tivo lugar durante o I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia, celebrado en novembro en Santiago de Compostela. Na entrevista que lle fixemos contounos por que decidiu apostar polo mexillón ecolóxico e cales son as características que ten que ter unha batea para que poida ser certificada en ecolóxico, entre outros aspectos.

 

Cales foron os motivos polos que apostastes polo mexillón ecolóxico?

Na nosa familia xa eramos consumidores de comercio xusto e xa estabamos bastante involucrados co coidado do medio ambiente. Os mariñeiros normalmente tratamos de coidar o mar porque é o que nos dá de comer a nós e esperamos que lle dea aos nosos fillos. No momento que xurdiu a lexislación tivemos acceso a ela e pareceunos facilmente adaptable para as bateas a forma de producir mexillón en Galicia, entón xa empezamos a facer o traballo documental, gustounos e soportamos os primeiros anos de dificultade.

 

Cantas bateas hai na actualidade que produzan mexillón ecolóxico?

Na actualidade, aínda que é algo cambiante, en Galicia hai máis de 200 bateas que producen mexillón con certificación ecolóxica. Nós na asociación tiñamos sete e estaban en proceso de certificar tres máis.

 

Que características ten que ter unha batea para que poida ser certificada en ecolóxico?

O primeiro que ten que ter, que á a parte máis importante e a máis preocupante, é calidade da auga. A partir de aí, a produción ecolóxica en Galicia adáptase moi ben para a certificación ecolóxica, polo tamaño das cordas, pola cantidade, pola densidade de cordas por metro cadrado… Temos unhas pequenas limitacións, que é unha corda por metro cadrado; unha batea ten en torno a 550 metros cadrados, co cal, a lexislación galega permite 500 cordas mais en certos momentos pode permitir ata 150 máis, pero en ecolóxico temos que limitarnos ao que di a normativa ecolóxica, non? E logo pois ter un plan de impacto medioambiental, ou un estudo de impacto medioambiental, ou unha trazabilidade do produto dende que entra na batea e dende que se recolle nas rocas, ata que se comercializa, con documental. E pouco máis, é bastante sinxelo. Non usar unha serie de produtos nas limpezas nin nas pinturas que non están permitidos na certificación ecolóxica en ningún tipo de produto. E non ten moita máis dificultade, é bastante fácil.

 

No pasado mes de setembro sinalizastes por primeira vez unha batea ecolóxica, certo?

Por primeira vez sinalizamos unha das bateas ecolóxicas, porque a normativa sobre a sinalización das bateas é bastante estrita e levamos varios anos solicitando que poidamos sinalizar cales son as bateas que teñen certificación ecolóxica. Entón, o que fixemos en setembro de 2023 foi colocar o primeiro cartel nunha batea de Vilanova para que a partir de aquí se poida documentar da mesma forma que se documentan as fincas: que bateas teñen certificación e que bateas non teñen certificación, para que os auditores poidan atopalas con facilidade e dar unha publicidade sobre algunha labor que estamos a realizar.

 

Cres que os consumidores teñen menos coñecemento da produción ecolóxica procedente do mar con respecto da agricultura ecolóxica en xeral?

Loxicamente teñen menos coñecementos e sobre todo en España, onde a xente é gran consumidora de peixe pero non se valora suficientemente o peixe de acuicultura; que un produto de acuicultura sexa certificado en ecolóxico pois dálle un valor fundamental aos peixes, e o mexillón no noso caso é moi importante, aínda que unha gran parte do consumo de mexillón ecolóxico non é en España, senón que é no resto de Europa.

 

Nas zonas marcadas con bateas ecolóxicas, estades percibindo que o tema das secas afectou á produción?

Si, afectou. Hai bateas ás que lle afectou máis, e bateas ás que lle afectou menos. O que pasou é que se perdeu case un 70 % da produción en moitos casos, pero sobre todo en casos onde se sacou o mexillón un pouco tarde, ou polo menos se sacou no momento en que se vía que se estaba debilitando e se podía caer. Entón, hai xente que tivo mermas; case todos tivemos, pero houbo xente que tivo moitas máis e que sacou un 70 % menos de produción.

 

Consideras que este tipo de eventos son necesarios para dar visibilidade e promocionar a acuicultura ecolóxica?

Si, claro. Eu considero que facer actos de promoción e de divulgación dos valores da produción ecolóxica é fundamental, ademais de acercar a información técnica, que no día de hoxe houbo varios puntualizacións que incluso para xente que levamos dende os inicios coa certificación de mexillón ecolóxico non tiñamos esa información. Isto é fundamental para o noso traballo e para que a xente saiba que o produto que estamos comendo ten unha serie de valores innegables.

 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.