En Outeiro de Rei (Lugo) sitúase Abella Meiga, unha empresa familiar dedicada ao mel e xestionada por Jara Varela e o seu pai. No 2015 deciden pasarse á produción en ecolóxico e obteñen a certificación do Craega. Conversamos con Jara sobre como foi evolucionando Abella Meiga co paso dos anos e tamén sobre a súa opinión da produción en ecolóxico en xeral.
Como naceu este negocio e en que ano?
Eu son apicultora, se podería dicir, desde que nacín, porque o meu pai xa era apicultor e leva séndoo desde hai máis de 40 anos. Decidín crear Abella Meiga hai case uns 15 anos e un tempo despois paseime ao ecolóxico. A transición non foi moi forte, porque o manexo que viñamos facendo xa era practicamente en ecolóxico, o único foi que tivemos que delimitar un pouco as zonas. A día de hoxe formamos parte de Abella Meiga o meu pai e máis eu e producimos todo en ecolóxico.
Como é un día normal no voso traballo?
O noso traballo varía moito segundo o momento e a tempada na que esteamos. No inverno estamos un pouco máis relaxados. O forte do traballo témolo na primavera e no verán. Na primavera atendemos as colmeas, facemos os traballos de reprodución e miramos que todo estea en orde. Despois vén colleita: o máis groso faise no verán, entón a finais do verán recollemos a colleita. Nós temos dous meles, mel de castiñeiro e mel de bosque: na nosa zona é o que se produce e esas son as colleitas que facemos. Logo, a maiores, producimos tamén cera en ecolóxico. Isto é ao final da tempada, cando extraemos o mel. Con isto facemos velas e tamén temos cera en bruto.
Ata onde chega o voso mel? Onde e como se pode mercar?
Nós intentamos chegar ao consumidor final na medida do que podemos. Tentamos facer nós todo o proceso, desde atender as abellas ata que o mel ou a cera chegue ao consumidor, pero si que traballamos con algunha pequena tenda e os excedentes, o que non damos vendido por esa vía, vendémolo a granel.
Como xurdiu a idea de cambiar de convencional a ecolóxico?
Xa desde que comezamos o noso manexo era practicamente en ecolóxico, entón nos parecía un pouco absurdo estalo facendo e non certificalo dalgunha maneira e amosarlle ao consumidor que efectivamente estabamos facendo esa produción máis sostible. Parécenos importante –non só en apicultura, senón en todos os produtos– tender cara a iso, porque, non sei se a xente o sabe, pero a abella é un animal que se considera centinela da natureza. É dicir, ao ver as abellas e ao ver a colmea, un se fai un pouco á idea de como está o entorno de san, e si que vemos que cada vez está peor. Entón, nos parece un pouco absurdo estar traballando en contra do que pretendemos.
Desde cando contades coa certificación do Craega?
Desde o 2015. Levamos uns dez anos coa certificación.
Por que é importante ter esa certificación? Que beneficios vos achega?
Cremos que, coa certificación do Craega, o que lle estamos a transmitir aos consumidores, é que, efectivamente, non é palabrería nosa que o noso produto sexa ecolóxico e respectuoso co medio ambiente, porque temos un selo que o garante. Entón, dalgún xeito, non se teñen que fiar só da nosa palabra.
Que ten de especial o mel que se produce en ecolóxico? Hai realmente algunha diferenza co convencional ou non?
Desde o meu punto de vista non tería que haber ningunha diferencia entre o mel producido en ecolóxico e o convencional, porque realmente o manexo que eu considero que se debe facer sería un manexo ecolóxico en todos os casos. Outra cosa é o que xa faga cada un a nivel particular.
Tedes barreiras que vos dificulten o traballo diario co tema de producir en ecolóxico?
Digamos que en apicultura un dos problemas máis grandes que temos en ecolóxico é a ubicación, porque non vale calquera. Ten que ter unha serie de condicións que non se cumpren en todos os sitos. Por exemplo, na zona na que teño eu a nave ou na que vivo, non se cumprirían as condicións. Entón, iso xa é un problema. Despois, tamén temos trabas, sobre todo coas enfermedades das abellas. Non se poden utilizar os mesmos produtos ca en convencional e as efectividades deses produtos non son as mesmas. Entón, adóitanse ter máis baixas e as abellas requiren de máis coidados: son uns custos engadidos que ás veces a xente non os ve.
Hai algo que vos gustaría que mellorase no proceso da obtención da certificación?
Todas as facilidades son benvidas. Quizais un pouco o asesoramento, alguén máis especializado no noso campo, porque, polo menos cando empecei, non había unha especificación de apicultura. Si que vexo que vai habendo pequenos avances, pero ao principio non se tiña, por exemplo, unha guía especifica para a apicultura, e agora si que vexo que pouquiño a pouco se vai avanzando nese sentido.
Por que a xente debería consumir produtos ecolóxicos?
Eu creo que a xente debería consumir en ecolóxico porque, para a miña maneira de entender a vida, é o razonable e o lóxico. Senón, digamos que estamos a tirar pedras contra o noso propio tellado, estamos a destruír o noso entorno e a nosa vida, porque consumir produtos que están cheos de fertilizantes, de pesticidas e que están danando o medio ambiente, para min non ten sentido.
“Eu creo que a xente debería consumir en ecolóxico porque, para a miña maneira de entender a vida, é o razonable e o lóxico”
Que consello lle darías a alguén que quere comezar un proxecto en ecolóxico ou, coma no teu caso, que xa o teña en convencional e queira pasarse a ecolóxico?
Pois que ten que estar moi seguro ou segura, porque realmente é difícil. Hai que botarlle moitas ganas.
Cales son os vosos plans a futuro? Mellorar, manterse como estades, cambiar en algo…
A futuro si que nos gustaría, polo menos, manter o que temos. Ao final somos unha empresa familiar e intentamos chegar aos consumidores finales, non pretendemos tampouco un crecemento excesivo, porque non temos tempo ao querer facer todo o ciclo, pero si que queremos manternos e que a xente nos coñeza e nos poida consumir.