fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Hortaliza, froita e mexillón eco para 14 comedores escolares de toda Galicia

Cremas de cabaza e de cabaciña ecolóxicas para abrir o menú e mazá ou kiwi bio para pechalo. O Craega levou produto con selo a 14 centros escolares de toda Galicia -1.919 comensais- no marco da campaña Come Local. Promovida por Slow Food Compostela (SFC) co amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), a iniciativa arrancou o 16 de outubro coincidindo co Día Mundial da Alimentación e estase levando a cabo durante o primeiro trimestre do curso.

A acción fixo especial fincapé en Santiago e comarca. Con 1.400 usuarios, á Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames destináronse 100 quilos de cabaciña certificada. Os equipos de cociña -centralizados en Milladoiro e Ortoño- encargáronse de preparar un nutritivo puré para os sete centros que integran o servizo. Na capital galega, foron os cativos das escolas infantís municipais os que tiveron ocasión de degustar produto ecolóxico. Para os 180 nenos de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío, houbo unha apetitosa crema na que se empregaron 10 quilos de cabaza bio. E nas merendas, entre os tres centros repartíronse tres quilos de kiwi e outros tantos de mazá con selo.

Aos 80 comensais do CEIP Xacinto Amigo Lera de Portomouro (Val do Dubra) tocoulles probar mexillón bio en diferentes versións: ao vapor, con vinagreta de granada, en croquetas, e gratinados con bechamel e queixo da DOP Arzúa-Ulloa.

CHARLAS EN VÍDEO. No marco da campaña de SFC, o comedor do CEIP Os Muíños (Muxía) incluíu sete quilos de polo certificado acompañado de ensalada. De sobremesa, os 127 comensais tiveron unha das froitas de outono por antonomasia: a mazá. O mesmo produto puxo tamén o peche ao xantar ecolóxico da Eleven School – Montessori British Education Vigo. Así mesmo, os 114 usuarios da escola da cidade olívica tomaron crema de cabaza.

Xa por último, a Come Local tamén se sumou a Escola Infantil Municipal O Bítere, de Barreiros (Lugo). Ademais de hortalizas e froitas de tempada, o menú incorporou iogures ecolóxicos.

A maiores das degustacións, SFC tiña previsto complementar a acción cunha charla por vídeo para explicar aos nenos por que é importante consumir produto local e como identificar os diferentes selos de calidade.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.