• CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Rosendo Luis Estévez, de Trasdeza Natur: “Coa certificación do Craega podemos demostrar que realmente traballamos en ecolóxico”

María José Tallón e Rosendo Luis Estévez están á fronte de Trasdeza Natur, unha empresa certificada polo Craega que produce froitas e hortalizas deshidratas en ecolóxico. O seu produto final, totalmente natural, mantén intactas as propiedades organolépticas e nutricionais. Rosendo Luis achéganos nesta entrevista máis detalles sobre este proxecto e reflexiona sobre a importancia da certificación ecolóxica.

 

 

Como naceu este negocio? 

Alá polo 2016-2017 deuse de alta como autónoma a miña parella, María José, que é socia da cooperativa e presidenta nestes momentos, para empezar coa produción ecolóxica de horta. Iso foi evolucionando e comezamos coa deshidratación. Conseguimos varios recoñecementos e premios, e así fomos medrando pouco a pouco. Hai un par de anos constituímonos como cooperativa e xa me integrei eu totalmente. Agora estamos abastecéndonos de materia prima de produtores de proximidade ecolóxicos e contamos co certificado do Craega.

Que produtos tedes?

Todas as froitas e hortalizas que podemos cultivar onde nos atopamos, en Cortegada (Silleda, Pontevedra): mazá, kiwi, arando, pera, tomate, cebola, allo, col rizada, verza rizada, cabaza… e deshidratámolas. Algunhas van laminadas, outras estamos facéndoas en po, como por exemplo a cabaza ou a col rizada, e agora imos a sacar tomate en po. Tamén lanzaremos láminas de tomate, pensadas para facer unhas hamburguesas con materia prima galega, sinxelas de montar. A maiores, estamos traballando nunha liña de patés e cremas untables a partir destes deshidratados, vexetais e ecolóxicos, combinando todo.

 

Cal é a importancia de producir en ecolóxico e de contar coa certificación do Craega?

Para nós é sumamente importante, porque consideramos que é o xeito racional de facer as cousas. O ser humano, dende sempre, viviu da natureza, e a maneira de facelo era en ecolóxico. Ademais, coa certificación do Craega podemos demostrar que realmente traballamos en ecolóxico, porque hoxe en día o mercado e o consumidor precisan que se lles demostre o que se fai e como se fai. Ata non hai moito, a humanidade producía os alimentos de xeito ecolóxico e natural, e penso que o futuro vai volver a ser así. Temos que coller de novo ese camiño e evitar todo o procesado e o ultraprocesado.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.