fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

“Ecolóxicos a mares”, a importancia da acuicultura ecolóxica para un desenvolvemento mariño sustentable

Con motivo do I Congreso da Acuicultura Ecolóxica de Galicia “Ecolóxicos a Mares”, que terá lugar o día 23 de novembro na capital galega (podes consultar o programa aquí), abordamos a importancia da produción ecolóxica procedente do mar de Galicia e achegamos algúns datos vinculados a este sector, ao que debemos prestarlle cada vez máis atención se queremos preservar a riqueza das nosas augas.

 

A iniciativa ”Ecolóxicos a mares” é froito do convenio de colaboración entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia para a promoción e mellora da comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego.

Este convenio nace coa intención de seguir consolidando Galicia coma un referente no sector acuícola nacional e internacional; non en van, dispoñemos no noso litoral de multitude de hábitats de alto valor ecolóxico que permiten o desenvolvemento óptimo para producir alimentos segundo o método de produción ecolóxica, achegándolle ao produto un valor engadido moi demandado no mercado actual.

Nos últimos anos a produción de mexillóns, algas e conservas ecolóxicas certificadas están a ter moita importancia, como o demostran os datos dos últimos informes económicos publicados polo Craega. Dende o ano 2018 o seu crecemento ascendeu nun 42 % e na última Memoria dispoñible (2022), a conserva, as algas e a acuicultura sitúanse como terceiro piar económico do sector ecolóxico galego, representando o 18 % do volume de vendas ecolóxicas certificadas e unha facturación de 21 millóns de euros.

Que é a acuicultura ecolóxica? Unha solución productiva responsable

A acuicultura ecolóxica é un sistema que combina a xestión e produción de cultivos acuáticos coas mellores prácticas ambientais, co que se logra, entre outros, un elevado nivel da biodiversidade, a preservación dos recursos naturais dispoñibles e a garantía dunha explotación económica rendible e sostible.

Que son os alimentos acuícolas ecolóxicos? Unha elección de consumo saudable

Os alimentos son producidos en condicións saudables para as persoas e o seu ambiente, baixo ríxidas regulacións agroecolóxicas, en augas limpas, densidades baixas, respectando os ciclos naturais de crecemento e sen químicos de síntese. O resultado é un alimento con excelentes propiedades organolépticas e alto valor nutritivo.

No mercado podes atopalos frescos, coma as algas e os mexillóns; envasados, en conserva, deshidratados… ou formando parte dos ingredientes dalgún produto ecolóxico elaborado.

É importante destacar que a pesca de peixe salvaxe non é certificable en ecolóxico debido á imposibilidade de garantir a súa estancia ou alimentación en zonas contaminadas.

Elíxeos con calidade certificada. Unha decisión acertada e garantida

O Craega é o órgano de control e certificación na comunidade autónoma de Galicia, vela polo cumprimento da normativa e garante que un alimento é realmente eco, ecolóxico, orgánico, bio ou biolóxico, termos protexidos e reservados en exclusiva aos alimentos obtidos co sistema de produción ecolóxica baixo o Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.

Para identificar un alimento ecolóxico, hai que fixarse na súa etiquetaxe. Lembra que deben aparecer as seguintes referencias:

O logotipo da Unión Europea, a Eurofolla 

O código de control ES-ECO-022-GA 

O logotipo do Craega (opcional)

    Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.