fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

Como consumimos os galegos e as galegas os alimentos ecolóxicos?

Son moitos e variados os motivos que levan a un consumidor a apostar por unha alimentación ecolóxica. O máis importante na nosa comunidade é o coidado da saúde, porque, tal e como dicía Hipócrates: “Que a túa medicina sexa o teu alimento e o alimento a túa medicina”. Outra das razóns polas que se confía nos produtos ecolóxicos é polo seu respecto cara ao medio ambiente.

 

Alimentos saudables

Se é importante coñecer o consumo en si dos produtos ecolóxicos, sen dúbida tamén o é os motivos que están detrás deste consumo, así como as influencias que se teñen en conta á hora de mércalos. A saúde é a preocupación principal e, por fortuna, cada vez somos máis conscientes da importancia que ten coidar a nosa propia saúde e a dos nosos seres queridos, polo tanto, intentamos manter hábitos mellores, como facer deporte ou comer máis san. Neste senso, os produtos ecolóxicos son clave. Trátanse de alimentos naturais, que non conteñen pesticidas, de máxima calidade e cun maior contido de proteínas, vitaminas e minerais.

O alimento ecolóxico máis habitual no consumo é o produto fresco, destacando os alimentos de orixe vexetal. Así, a maioria dos consumidores eco de Galicia sinalan consumir froita e/ou hortalizas ecolóxicas, seguido destacadamente dos lácteos. No caso dos alimentos ecolóxicos elaborados sobresaen o pan, os cereais e as pastas.

A fidelidade dos consumidores

Debido aos beneficios que outorgan na propia saúde e no entorno onde se producen, os consumidores ecolóxicos adoitan desenvolver unha alta fidelidade cara este tipo de alimentos. De feito, no último barómetro realizado destaca que o 76 % dos consumidores dos produtos eco en Galicia leva xa máis de tres anos consumíndoos, valor que indica que os seus beneficios e propiedades son moi apreciadas, sobre todo, en todas aquelas persoas con maior información relacionada. 

Grazas a isto, cabe destacar nos últimos anos a redución da porcentaxe de persoas que cre que só os alimentos producidos artesanalmente poden ser ecolóxicos, entendendo así que o sector da alimentación ecolóxica é un sector en constante crecemento, cunha grande innovación e que dispón dunha ampla e variada oferta nos mercados.

Cada vez máis produtos eco nos fogares

Grazas ao último barómetro, tamén se puido ver que a sociedade galega se sente cada vez máis atraída por estes alimentos. De feito, moitos dos produtos que aparecen nas cestas da compra dos consumidores galegos xa son ecolóxicos; así pois, obsérvase unha tendencia alcista do número de individuos que deciden mercar alimentos ecolóxicos fronte a outros convencionais. Son, principalmente, persoas interesadas nos procesos e composición do que está adquirindo; é dicir, que os consumidores destes produtos amosan un alto nivel de coñecemento sobre as súas características, identificando acertadamente que soamente se poden considerar alimentos ecolóxicos aqueles que posúen unha certificación institucional.

A importancia da confianza no etiquetado. O selo, unha peza clave

O significado que trae consigo o selo fai que as persoas sexan conscientes do que están a mercar e de que detrás dese produto hai todo un proceso que asegura a calidade do alimento. O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. O produtor pode obtelo despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización. De feito, o recoñecemento do logotipo do Craega en Galicia aumentou en 2023 con respecto aos datos que se puideron analizar hai tres anos.

Os galegos, polo tanto, tenden cada vez máis á busca de elementos identificativos e á súa asociación coas certificacións ecolóxicas alimentarias.

Moito camiño percorrido e moito por percorrer

En definitiva, o consumidor galego é en xeral cada vez máis consciente da importancia que teñen os alimentos ecolóxicos e da súa certificación, tanto por cuestións de saúde como de coidado e conservación do noso entorno. O aumento da concienciación sobre os alimentos eco e o seu selo, o incremento da compra destes alimentos e os cambios de estilo de vida que se están a dar nos últimos anos na nosa comunidade son os datos que nos indican que xa se percorreu gran parte do camiño, mais… aínda queda moito por facer. Longa vida aos produtores e alimentos ecolóxicos certificados!

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.