Arquivo da categoría: Balance de actividade

A produción acuícola ecolóxica case se cuadruplica nun lustro e supera os 16 millóns de euros

Batea ecolóxica certificada polo Craega na ría de Arousa
Embarcación extraendo mexillón ecolóxico dunha batea certificada polo Craega na ría de Arousa. Foto: Craega

A acuicultura ecolóxica galega case cuadruplicou a súa facturación no último lustro. 2018 pechouse cun volume de vendas superior aos 16,9 millóns de euros -case 12 millóns de euros máis que en 2013- grazas sobre todo ao tirón dos produtores de mexillón e á extracción sostible de algas. O que vén do mar adquire cada vez máis peso no seo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a día de hoxe representa xa o 21,4% do monto total dos seus ingresos (78,7 millóns). Para satisfacer a demanda dun sector con grandes perspectivas de crecemento, a entidade pública estreará nos vindeiros meses unha segunda sede en Boqueixón. Así o anunciou hoxe en Vilanova de Arousa o presidente do organismo, Francisco López Valladares, no transcurso dun percorrido pola ría para coñecer de primeira man este tipo de produción. Ademáis de integrantes do pleno do Consello e de autoridades locais, estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda; e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez.

Galicia é pioneira en produción de mexillón ecolóxico en Europa. Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente”, argumentou López Valladares. O presidente do Craega fixo fincapé en que o crecemento do sector foi paulatino e constante desde aquela. Superado o período de conversión obrigatorio que estipula a normativa para as bateas (tres meses), a primeira gran eclosión rexistrouse en 2013. Entón computáronse 66 plataformas flotantes. A súa xestión estaba repartida entre 34 empresarios.

O éxito do primeiro mexillón ecolóxico no mercado, en particular nos circuítos internacionais, seguiu empurrando pouco a pouco a un segmento que hoxe suma 208 bateas. Este sector facturou en 2018 máis de 4,1 millóns de euros, case 38 veces máis que cinco anos antes. O 97% atópanse en Arousa e o resto un pouco máis ao sur, en Cangas do Morrazo. O negocio distribúese entre 42 operadores, o 70% agrupados baixo o paraugas da Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa.

Valladares explicou que máis da metade do bivalvo con selo se destina ao mercado exterior. Alemaña, Reino Unido e Austria, por esta orde, son os principais importadores. O molusco galego tamén chega ata Dinamarca, Países Baixos e Italia.

ALGAS E PRODUTOS INDUSTRIAIS. Concentrada tamén nas provincias atlánticas, a produción acuícola ecolóxica atopou outro nicho de mercado na recolleita sostible de algas. O volume de vendas certificadas do curso pasado acadou os 959.720 euros, practicamente dúas veces máis que en 2013. As súas propiedades nutritivas e o protagonismo que vai adquirindo na nova cociña están a converter este produto nunha delicatessen moi apreciada, en particular fóra das nosas fronteiras.

Algas e mexillón son a base doutra actividade que contribúe a incrementar de forma exponencial as vendas. Cun resultado de 11,8 millóns de euros en 2018, as industrias absorben o 69,8% da facturación acuícola con selo do Craega. As conservas de peixe (9.813.582 €) son o produto estrela. Aínda que con menor peso nas contas (dous millóns de euros), van abríndose paso os preparados alimenticios (salsas, ensaladas envasadas, patés, etc). Neste caso o domicilio social das empresas vai máis alá das provincias atlánticas e aparecen tamén firmas con sede en Lugo e Ourense.

SEGUNDA SEDE EN BOQUEIXÓN. Para dar visibilidade ao peso que vén adquirindo a acuicultura ecolóxica nos últimos anos, o Craega celebrou este venres o seu primeiro pleno á beira do mar, no pazo de Vista Real. Foi despois de realizar o percorrido en catamarán pola ría e de xantar coa conselleira do ramo, Rosa Quintana, na localidade arousá.

O encontrou serviu para aprobar a posta en marcha da segunda sede do Consello en Boqueixón. Extensión das oficinas que desde 1997 funcionan en Monforte de Lemos, a estrea neste punto estratéxico (á beira de Santiago e na liña do corredor A Coruña-Vigo) ten como obxectivo satisfacer a demanda acuícola e, ao mesmo tempo, deslocalizar a xestión do Craega para achegarse ás provincias atlánticas.

As novas dependencias estarán nas instalacións que a Xunta lle cede á entidade no pazo de Sergude, edificio no que xa comparten teito outros consellos reguladores. Para abrir o novo servizo, o Consello contratará a dous técnicos que centrarán a súa actividade nas provincias atlánticas.

A segunda sede pretende ademais paliar os problemas de espazo que agora mesmo atravesa o organismo que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia. Na actualidade ocupa varias salas do inmoble Multiusos de Monforte, en virtude dun acordo co Concello que está a piques de expirar. Nesta liña, o equipo de goberno reiterou o seu interese de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo para mudarse ao Pazo de Tor.

DIFERENZAS ENTRE PRODUCIÓN ACUÍCOLA ECOLÓXICA E CONVENCIONAL:

1. Augas de alta calidade ecolóxica. A cría de moluscos bivalvos e a recolleita sostible de algas debe restrinxirse a aguas de alta calidade ecolóxica. É dicir, a produción limítase a augas de clase A ou B -(CE) N.º 854/2004, tipoloxía que vén definida desde o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia(Intecmar). Por exemplo, o mexillón extraído en augas de clase A é apto para o seu consumo inmediato, mentres que o que se cultiva en augas de clase C non se podería considerar ecolóxico.

2. Trazabilidade garantida. As auditorías que realiza regularmente o equipo técnico do Craega garanten a trazabilidade de todos os produtos con selo. É decir, todas as etapas que atravesa o alimento antes do seu consumo están controladas de principio a fin. Polos controis do Consello teñen que pasar os bateeiros, as depuradoras, os cocedeiros, as comercializadoras e as industrias elaboradoras.

3. Plan de Xestión Sostible. O operador debe realizar obrigatoriamente un Plan de Xestión Sostible proporcional á unidade de produción acuícola. No documento, ten que detallar os efectos medioambientais do centro de explotacións e as pautas para facer o seguimento. Ademais a colocación de calquera tipo de estrutura sobre o fondo mariño ten que contar co visto bo da Xunta. É obrigatorio dispor previamente dun estudo da zona explotada.

4. Plan de Redución de Residuos. Ao comezo da actividade, o operador tamén debe presentar un Plan de Redución de Residuos xerado conforme á lexislación vixente, documento que debe permanecer activo durante todo o desenvolvemento da actividade.

5. Xustificación da procedencia dos animais. O operador debe xustificar a orixe dos animais empregados. Sempre teñen que ser especies locais con procedencia acreditada mediante a documentación pertinente.

Consultar a normativa de acuicultura ecolóxica completa.

Táboas cos balances de acuicultura ecolóxica 2013-2018.

O CRAEGA dispara as vendas un 33% e roza os 80 millóns de euros

Manuel Rodríguez, esquerda, José González, Francisco López Valladares e Javier García Lozano

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) segue a medrar ano tras ano. En 2018, as vendas de produto certificado disparáronse un 33,2% e chegaron aos 78,7 millóns de euros. Así o avanzou hoxe en Boqueixón o presidente do Consello, Francisco López Valladares, que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

“2018 volve a ser un ano excelente para a agricultura ecolóxica. Medran todas as variables: a superficie certificada, a suma de operadores e o volume de vendas”, destacou Valladares. “Estamos convencidos de que isto non vai quedar así e que as cifras van manter a tendencia ascendente nos vindeiros anos. Porque a agricultura ecolóxica chegou para quedar con nós”, celebrou o presidente do CRAEGA. De feito, xa conseguiu consolidarse como o terceiro selo de calidade en Galicia, por detrás de Tenreira Galega e a D.O. Rías Baixas.

Na mesma liña se pronunciou o conselleiro. “Xa non é unha moda pasaxeira, nin minoritaria, senón unha actividade cun importante nicho de mercado que cada vez cobra máis forza”, recalcou José González. O titular de Medio Rural fixo fincapé na necesidade de apoiar a vertebración e organización do sector e avanzou que se vai crear unha mesa de produción ecolóxica. A previsión que se convoque “este trimestre”.

PRODUTOS ESTRELA. O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos certificados estrela, tal e como explicou o secretario do Consello, Javier García Lozano. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o produto que máis ingresos xera. “En Galicia, certificamos o 65% do leite que se consome en España”, apuntou.

Por sectores, a produción animal é a que máis factura (44,3 millóns de euros), pero a do mar é a que máis medra en termos porcentuais (39,53%).

A superficie certificada polo CRAEGA tamén pecha o exercicio en positivo. Con 33.736,44 hectáreas certificadas, o crecemento en 2018 ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Consello anota neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

García Lozano puxo o acento no peso que van cobrando no conxunto do Consello os elaboradores (industrias e comercializadores). En 2001 apenas representaban o 12% e hoxe xa rozan o 25%. O seu papel é fundamental para que o produto certificado chegue ao consumidor final.

DESCARGA DO RESUMO DE 2018