As vendas de ecolóxico soben un 17,8% e achéganse aos 93 M€

De esquerda a dereita, Javier García Lozano, secretario do Craega; José Gonzalez, conselleiro do Medio Rural; Francisco López Valladares, presidente do Consello; e Manuel Rodríguez, director da Agacal. Foto: Craega

O sector ecolóxico segue medrando en 2019. A demanda cada vez maior de produtos certificados dispara as vendas en taxas de dous díxitos (17,88%) e a facturación roza os 93 M€. Ao abrigo do interese que o bio esperta en mercados nacionais e internacionais, tamén crecen a superficie (2,9%) e os operadores (2,6%). Así se desprende do informe anual de actividade do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que hoxe presentou no pazo de Quián (Boqueixón) o presidente da entidade, Francisco López Valladares. Estivo acompañado polo conselleiro en funcións do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

“As cifras avalan o labor deste Consello ano tras ano. A demanda, cada vez maior, de produtos ecolóxicos disparou as vendas en taxas de dous díxitos e o volume acada xa os 92,7 millóns de euros. Aínda que en menor medida, medran tamén outras variables: a superficie e os operadores”, destacou Valladares.

Sen abundar máis na análise dos datos, o presidente do Craega aproveitou a intervención para comentar os resultados dunha sondaxe interna sobre os efectos da covid-19 no sector. “Aínda que houbo excepcións, case o 54% dos enquisados diminuíron a súa facturación por mor da pandemia. As vendas caeron de forma significativa: catro de cada dez reduciron as súas transaccións á metade ou incluso máis”, sinalou.

O informe tamén deixa claro que a crise do coronavirus deu o empurrón definitivo á venda online no sector ecolóxico. O 89% dos enquisados non dispoñía deste servizo antes da pandemia, pero un 12,3% púxoo en marcha durante o estado de alarma. Agora, á vista do escenario actual, tres de cada dez teñen previsto activar a venda online a curto-medio prazo.

En canto á recuperación, a metade dos operadores ecolóxicos confía en que o seu negocio se repoña en 2021 e un 37,5% adianta a superación da crise ao segundo semestre do ano.

Valladares avanzou que, a principios de agosto, o Consello lanzará unha nova campaña publicitaria para dar a coñecer a marca Craega entre os consumidores. A partir da semana próxima e ata o mes de setembro, varios autobuses rotulados percorrerán as sete grandes cidades galegas con imaxes de diferentes produtos certificados e o lema ‘Somos Semente’.

Ademais de celebrar os datos, o conselleiro do Medio Rural manifestou a vontade da Xunta en “colaborar nesta liña que vai moi ligada á sustentabilidade medioambiental que propugna a UE”. Neste sentido, destacou que se vai pechar “un acordo co Craega para que a produción agraria e gandeira de todas as aldeas modelo de Galicia sexa certificada en ecolóxico”, o que demostra o “compromiso firme” do Goberno galego por este eido.

Ademais, a xuízo de José González, os datos demostran que a agricultura ecolóxica non só é unha “actividade que xera riqueza e emprego no noso agro”, senón tamén unha “aposta por unha produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, que encaixa perfectamente cos principios reitores da futura PAC”.

SUPERFICIE, +2,9%. Cunha suba anual de un 2,9%, a superficie certificada chegou en 2019 ás 34.378,12 ha. Na última década a extensión dedicada ao ecolóxico aumentou en Galicia un 143,9%. Ourense é a provincia que máis avanza en termos absolutos ata acadar as 8.631,52 ha, e A Coruña en porcentaxe, 9,91%. Lugo lidera a táboa con 16.702,49 ha e absorbe o 48% do terreo cultivado en toda a comunidade. Tamén se localiza neste territorio a maior superficie (1.002,4 ha) en proceso de conversión. Pola súa banda, Ourense concentra case a metade do solo en primeiro ano de prácticas (543,12 ha).

Por tipo de cultivo, os pastos permanentes (praderías e pastos pobres) inscriben o progreso máis importante. Cun ascenso anual dun 7,69%, representan o 79% da superficie certificada. Facer fincapé en que catro de cada dez ha dedicadas a cultivos permanentes destínanse á castaña. Case toda a súa produción (93,7%) se concentra na provincia de Lugo.

OPERADORES, +2,6%. 2019 pechouse con 30 operadores máis que o ano anterior (o total ascende a 1.182): 17 elaboradores e comercializadores e 13 produtores. Aínda que é este último segmento o que continúa levando o peso do Craega (supón o 74,2%), son as industrias as que máis empurran o crecemento do Consello. Na última década case se cuadriplicaron e hoxe representan xa o 25,7% dos inscritos grazas sobre todo ao tirón das empresas que se dedican a vender produto ecolóxico. Sen ir máis lonxe as comercializadoras medraron no exercicio precedente preto dun 35%.

Ademais do aumento exponencial doutras actividades, as estatísticas poñen de relevo que Galicia é un territorio produtor de ecolóxico. Vexetal (435 operadores) e animal (outros 395) mantéñense como cabeza tractora, pero desde 2012 veñen empurrando con forza outros subsectores vencellados ao mar. Con 13 inscritos, a recolleita sostible de algas anota unha suba dun 18% con respecto ao curso anterior.

A análise por distribución xeográfica deixa patente os dous polos económicos da comunidade: nas provincias de Lugo e Ourense localízanse o 57% dos produtores, mentres que nas atlánticas se atopan o 58,5% dos comercializadores e elaboradores.

VENDAS CERTIFICADAS, +17,88%. Coa produción manténdose en niveis de crecemento sostido e as industrias e comercializadoras en plena expansión, as vendas certificadas marcaron en 2019 un novo máximo histórico. A facturación chegou ata os 92,7 M€, cifra que supón un incremento anual dun 17,88%.

Por subsectores, os que máis ingresos xeran son, por esta orde, animal (56,5 M€); vexetal (21,6 M€) e acuicultura (14,4 M€). Piar da primeira liña, os produtos máis importantes en volume de negocio son o leite (32,9 M€), as carnes (15,7 M€) -en particular a de ave-, e os ovos (6,3 M€). Por detrás dos frutais (84,2%), estes últimos figuran como os que máis empurran a facturación en termos porcentuais (59,9%). Cabe destacar tamén o avance de elaborados (39,5%), é decir, salteados de algas e vexetais ou preparados de tartas, variedades que saen das industrias para satisfacer a demanda cada vez máis elevada deste tipo de produtos.

No extremo contrario da táboa sitúanse os cereais, produto con maior caída en vendas certificadas (-96,59%) debido a que en 2019 non se rexistrou importación de terceiros países. Tampouco foi un bo ano para a castaña. Integrada no concepto ‘bosque e recolleita’, a súa facturación minguou ata un 43,08% por mor da escaseza de choivas.

DESCARGAR RESUMO DA MEMORIA

DESCARGAR NOTA DE PRENSA

VER VÍDEO