As explotacións ecolóxicas terán preferencia á hora de recibir axudas de Medio Rural para mellora e asesoramento

As explotacións de produción ecolóxica, polas súas especiais características e o seu compromiso ambiental e sustentable, sairán moi beneficiadas na aplicación de criterios de prioridade para acceder a diferentes axudas da Consellería do Medio Rural.

Así llo explicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) nunha recente xuntanza de traballo. Indicoulles que na convocatoria de achegas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en horticultura terase en conta a condición de ecolóxico como criterio preferente.

Os responsables do Craega interesáronse ademais pola orde de recente publicación relativa ás axudas para a prestación de servizos de asesoramento aos titulares das granxas. Neste sentido, a directora xeral sinalou que neste caso tamén van ter un peso importante este tipo de explotacións ecolóxicas, polas súas especiais características, e serán beneficiarias do asesoramento dentro das materias de asesoramento integral, ao ser un tipo de agricultura sustentable.

Belén do Campo engadiu que as explotacións que están en agricultura ecolóxica en moitos casos se atopan en zonas con limitacións naturais, polo que son prioritarias. Ademais, moitas están rexidas por agricultores que se incorporan á actividade agraria, e en numerosos casos por mulleres. Con estas condicións comúns á maioría delas, as entidades que as asesoren acadaran con seguridade a correspondente axuda.

Nesta xuntanza de traballo avanzouse ademais na aplicación e seguimento dos obxectivos marcados no Plan Estratéxico da produción ecolóxica que impulsa a Xunta en colaboración co sector. Esta iniciativa contempla un orzamento de 50 millóns de euros para impulsar todo o relacionado con estas producións.

Fonte: www.xunta.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *