fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A Xunta convoca a quinta edición dos premios Exceleite

Imaxe da entrega de premios na pasada edición

A Xunta de Galicia convoca os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite. É a quinta edición destes galardóns que tratan de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, por tanto, coa calidade do leite que producen.

Os premios distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas se subdivide en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Por outra banda, tamén hai un recoñecemento para as mellores explotacións ecolóxicas.

Optarán a estes galardóns as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realicen os autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). As explotacións deberán estar de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras características técnicas.

Premiaranse aquelas dúas explotacións, cos premios Exceleite de ouro e Exceleite de prata respectivamente, sen incidencias na visita do comité de avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase coas dúas primeiras explotacións ecolóxicas da puntuación lineal.

PREMIOS 2020

Na edición celebrada o ano pasado, na categoría das explotacións ecolóxicas, as galardoadas foran Granxa Casa Codesal (Friol) e Granxa Ecolóxica Figueiroa SC (Arzúa), ambas certificadas polo Craega. As dúas poden presumir de producir os mellores leites bio de Galicia, pero cabe destacar que en todas as edicións deste certame Casa Codesal sempre conseguiu un dos premios.

Máis información

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.