fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A iniciativa “Ecolóxicos a Mares” comezou o 19 de setembro co acto de sinalización da primeira batea ecolóxica en Galicia

A estación marítima Mar de Santiago, situada en Vilanova de Arousa (Pontevedra), acolleu o martes día 19 un acto que xirou ao redor dun relevante fito: a colocación do primeiro cartel identificativo de batea ecolóxica en Galicia.

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) estivo acompañado na xornada xunto co conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Alfonso Villares, conselleiro do Mar, salientou neste encontro que a produción ecolóxica está en auxe en Galicia e que no caso dos produtos mariños aumentou preto dun 50 % nos últimos catro anos. “Esta tendencia é o resultado dunha sociedade que cada vez demanda máis produtos de máxima calidade que, ao mesmo tempo, acrediten que foron obtidos de xeito respectuoso co medio ambiente e apostando en todo momento pola sustentabilidade”, explicou.

Pola súa parte, o director da Agacal destacou que o Executivo galego remitirá en breve ao Parlamento o proxecto de Lei da calidade alimentaria de Galicia. Tal e como indicou, esta norma servirá para actualizar o marco normativo co que dar a coñecer as bondades dos produtos alimentarios que se comercializan ou cultivan na comunidade.

Ademais, o presidente do Craega, Francisco López, apuntou cales son as diferenzas entre o mexillón ecolóxico e o que non conta co distintivo: “O que miran os auditores á hora de determinar se un mexillón é ecolóxico ou non é que cumpra co regulamento europeo de acuicultura. Non todas as bateas poden producir mexillón ecolóxico tal e como están hoxe en día, pero sempre poderían adaptarse”.

O evento está enmarcado dentro da iniciativa “Ecolóxicos a Mares”, que se basea nun convenio de colaboración do Craega coa Consellería do Mar e que consta de varios puntos: a sinalización das parcelas de produción, a promoción dos alimentos ecolóxicos do mar e, finalmente, a celebración dun congreso de acuicultura, que terá lugar no mes de novembro.

Con todo isto, búscase a maior difusión, comercialización e certificación dos produtos ecolóxicos do mar.

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.