fbpx
  • CRAEGA
  • CRAEGA
  • ES-ECO-022-GA

A curva da agricultura eco en Galicia segue en ascenso (3): volume de vendas e conclusións finais

Nesta última entrega, presentamos os datos de facturación do exercicio 2022 da agricultura eco en Galicia certificada polo Craega, que, en liñas xerais, podemos valorar en clave moi positiva. Así mesmo, ao final do documento expoñemos brevemente os datos máis representativos deste balance.

No que atinxe ao volume de vendas de negocio, en 2022 acadáronse 112.900.268 euros e, en canto á evolución nos últimos dez anos, o crecemento é moi rechamante, porque se logrou facturar un 385 % máis que en 2012, ano cando se facturaron 23.000.000 de euros.

Se botamos un ollo á evolución por provincias, observamos que A Coruña se sitúa de primeira, con 36 millóns de euros de facturación; séguenlle Lugo, con 34 millóns, e Pontevedra, con 29. Ourense é a que menos recada, pois o seu volume de vendas foi de preto de 14 millóns.

AS CIFRAS POR ACTIVIDADES

En canto aos piares económicos principais, a produción animal segue a ser a que máis factura, con algo máis de 63 millóns (63.150.000 €); tras ela, a produción vexetal, con 29.000.000 €; no terceiro posto, sitúanse a acuicultura e as algas, con 20 millóns, un subsector que leva experimentando un forte crecemento nos últimos anos.

AS CIFRAS POR PRODUTOS

Na gráfica seguinte recollemos as cifras acadadas polos distintos subsectores existentes en Galicia con certificación ecolóxica. Tal e como se reflicte, a tríade de alimentos que ocupan o podio neste exercicio confórmano o leite e derivados, en primeiro lugar; as carnes e derivados, en segundo, e en terceiro, as conservas de pescado.

CONCLUSIÓNS FINAIS

♦ Malia os diversos atrancos nos últimos anos, os datos seguen marcando unha tendencia á alza.

♦ Entre as cifras recompiladas, salienta a superficie actual, de 45.626 ha, que significa un crecemento respecto do exercicio de 2021 dun 42 %

♦ O número de operadores é de 1.506, o que supón unha medra do 12 % respecto do ano anterior.

♦ En canto ao volume de vendas acadáronse os 112.900.000 euros, o que se traduce nun aumento do 385 % na última década. 

Esta páxina usa cookies para funcionar. Máis información.