O verán é a época ideal para gozar de froitas frescas, saborosas e cheas de propiedades beneficiosas. Entre todas elas, as cereixas ocupan un lugar destacado, non só polo seu gusto doce e refrescante, senón tamén polos múltiples beneficios que achegan á saúde. No caso das cereixas ecolóxicas certificadas, os motivos para consumilas multiplícanse.
VANTAXES DE ELIXIR CEREIXAS ECOLÓXICAS CERTIFICADAS
- Ricas en antioxidantes naturais como as antocianinas e a vitamina C
- Axudan a reducir a inflamación e o estrés oxidativo
- Ausencia de transxénicos
- Favorecen un sono reparador grazas ao seu contido en melatonina
- Non conteñen aditivos artificiais
- Sen residuos de pesticidas nin fertilizantes químicos sintéticos
Os antioxidantes naturais que conteñen as cereixas, especialmente as antocianinas, axudan a combater o estrés oxidativo e a reducir a inflamación no organismo. Ademais, diversos estudos relacionan o consumo habitual de cereixas coa mellora do sono (polo seu contido natural en melatonina), coa redución do ácido úrico (fundamental na prevención da gota) e co alivio das dores musculares tras o exercicio físico.
Tamén achegan vitamina C, potasio e fibra, o que contribúe a fortalecer o sistema inmunitario, manter o equilibrio hídrico nos días máis calorosos e mellorar a dixestión.
UN PEQUENO TESOURO
As cereixas ecolóxicas certificadas polo Craega cultívanse sen pesticidas nin fertilizantes sintéticos. Isto non só protexe o medio natural e favorece a biodiversidade, senón que tamén evita a presenza de residuos químicos na froita que chega ao prato.
Elixir produto ecolóxico é optar polo sabor máis auténtico da cereixa de tempada, tal e como a ofrece a natureza. A certificación do Craega garante que todo o proceso produtivo cumpre cos estritos requisitos da agricultura ecolóxica, dende a colleita ata a comercialización.
De feito, as cereixas ecolóxicas son ideais para nenos, persoas maiores e deportistas. Son doadas de consumir, lixeiras, moi refrescantes e versátiles: poden tomarse soas, como aperitivo, en ensaladas, batidos, sobremesas ou mesmo pratos salgados.
Este verán, coidar da túa saúde pode comezar cun xesto sinxelo: incorporar cereixas ecolóxicas á túa alimentación diaria. Apostar por produtos de tempada, de proximidade e con certificación ecolóxica é unha forma saborosa e saudable de alimentarte… ¡e tamén de coidar o planeta!
LEMBRA BUSCAR O SELO
É importante prestar atención ao etiquetado dos alimentos escollidos para asegurarnos de que realmente son ecolóxicos:
- O logotipo ecolóxico europeo consiste nunha folla perfilada con estrelas sobre fondo verde; este é sempre obrigatorio acompañado do código de control da nosa comunidade autónoma ES-ECO-022-GA.
- O selo de garantía Craega é a etiqueta que demostra que o alimento foi producido de maneira respectuosa co medio ambiente sen a intervención de elementos, compoñentes ou procesos químicos. Obtense despois de demostrar de maneira fidedigna que o produto é totalmente ecolóxico, con controis en cada fase da produción, elaboración e comercialización cumprindo coa normativa do Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello.