Arquivos da etiqueta: Xornadas comercialización silvícola

Os produtores eco confirman o bo momento e o mellor futuro para o sector

Esta é a conclusión que podemos extraer das intervencións de seis dos relatores convidados ás Xornadas de Promoción e Comercialización de Producións Cárnica e Silvícola, que tiveron lugar os días 27 e 28 de decembro, emitidas en directo na nosa canle de Youtube, e que tedes xa á vosa disposición nestas ligazóns:

Foron dúas xornadas abertas en liña que xa suman centos de visualizacións e onde varios produtores e expertos contaron as súas experiencias nos seus sectores para logo ir resolvendo dúbidas dos participantes no chat aberto na canle de Youtube do Craega. Promovida polo Craega, os seis invitados abarcaron todos os aspectos de interese: lexislación europea, consultoría agroalimentaria, distribución e experiencias de traballo en cooperativas e empresas. “España é o país líder en superficie ecolóxica da UE, písannos os talóns o franceses, pero non todo vai perfecto”.

DÍA 27 DE NADAL

As Xornadas arrancaron coa presentación de Rocío Freire, vicepresidenta do Consello, quen deu paso a José Luis Cabarcos, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), o cal destacou que os produtos ecolóxicos, ao contribuír a protexer o medio natural, son cada vez máis demandados polos consumidores a nivel internacional e apostou por que o mel, a castaña e a carne -acollidos a indicacións xeográficas protexidas en Galicia- avoguen por este tipo de produción máis respectuosa coa contorna para lograr ao mesmo tempo vantaxes na competitividade. 

Un gran coñecedor das institucións europeas nas que traballa desde principios dos anos 90, Diego Canga, foi o primeiro dos relatores en intervir analizando o Plan de Acción para a Producción Ecolóxica e a “Estratexia da Granxa á Mesa (Farm to Fork en inglés), que quere ampliar a superficie ecolóxica de aquí a 2030. O conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural lembrou que os mercados máis importantes son o alemán e despois o francés. “Pero o punto débil de España é o consumo per cápita, está moi por baixo da media europea, é a gran lagoa: como facer que a xente consuma máis produtos ecolóxicos?”. Tamén sinalou que as grandes superficies agrarias están no Mediterráneo e que as do Cantábrico están por baixo da media, como pasa na produción convencional. “Sei perfectamente que a agricultura no norte é completamente diferente, pero unha das cousas que máis me preocupa é que atopo moitos agricultores e gandeiros con producións moi sostibles pero que lles custa dar o paso á conversión en ecolóxico”, xa que consideran que a súa produción xa é sostible. “Pero nós poñemos moito diñeiro encima da mesa para quen xa son ecolóxicos, aínda que o logo non cho regalan, o logo certifica que cumpres uns estándares europeos”. E continuou afirmando que “para os que sodes produtores ecolóxicos só teño boas noticias. Acaba de entrar en vigor o novo regulamento sobre agricultura ecolóxica e non o imos tocar en varios anos, non podemos marear os produtores. Vai haber estabilidade legal. En 2022 gastarémonos 50 millóns en promoción de produtos ecolóxicos e imos crear premios europeos á mellor cidade, peme e rexión ecolóxica, farémolo público en semanas, un boom tremendo de publicidade”.

Jon Garai, coordinador da Asociación navarra Ekoalde, explicou na súa intervención posterior que na agrupación de produtores ecolóxicos os seus asociados obteñen un prezo xusto pola venda aos clientes, aos que chegan coa distribución e loxística que se fai desde Noáin. “Proxectos como o noso serven para estruturar o sector e xera novas oportunidades”, comentaba na xornada do 27 de decembro. “Aprobouse un convenio de 100.000 euros co Goberno navarro para profesionalizar o noso sistema e poder exportalo, desde a humildade. Cremos que se pode avanzar, falamos dunha oportunidade para dar un salto de escala”. Ekoalde foi creadada polos produtores como asociación sen ánimo de lucro, elemento importante no desenvolvemento. Non é unha cooperativa senón que permitiu un traballo directo co goberno de Navarra para participar das axudas no campo. “Somos 69 operadores e moi diversos, pero hoxe participamos en proxectos que no Estado créanse como o noso desde a súa realidade diferencial. Cremos que Ekoalde é fito porque conseguimos promocionar e facer unha distribución conxunta cun proxecto loxístico adecuado para iso. E vendendo a prezos xustos, non negociamos os prezos senón que representamos os intereses da parte produtora”. 

A última intervención do día 27 foi a da xerente de Traloagro, Isabel Gómez Rodríguez. Unha empresaria recentemente premiada cos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais que outorga o Ministerio de Agricultura e que narrou a súa experiencia nesta empresa empresa familiar que xestiona co seu irmán e a súa cuñada. Produce carne de vacún e pito en ecoló gico e venden desde a sala de despezamento e tenda-supermercado de Friol, ademais da Praza de Abastos en Lugo. “Somos fillos de emigrantes retornados de Bélxica e o meu irmán e eu queriamos emprender no rural pero non tiñamos claro a que dedicarnos ao comezo”. Tras estudalo e dada a experiencia hostaleira que traían decidiron con ilusión levar adiante un proxecto de gandería bovina e avícola cun plan de mellora e coa conversión de terreos na casa, mantendo a biodiversidade. “Respectando os arboledos que xa existían porque o que queriamos era unha produción sostible”. Cando o decidiron non tiñan garantida a comercialización de ecolóxico, “isto foi no 2010 e estivemos dous anos coa reconversión de terreos. Pero nese tempo xurdiu a oportunidade de que o pito fose certificado en ecolóxico, unha empresa nese momento iniciou a comercialización”. Pero non pasaba igual co bovino, só contaban cun intermediario que non tiña interese por vender en ecolóxico así que estiveron a producir en ecolóxico e vendendo convencional. “Pero sabiamos que chegaría o momento en que que comercializariamos a carne. En 2019 decidimos iniciar cun posto na Praza de Abastos en Lugo, e mentres construímos o biocentro cárnico, unha salda de despezamento para todo tipo de carnes onde facemos almacenamento, transformación e elaboración de produtos” que inclúen entre outros nuggets e hamburguesas para achegarse tamén a un público novo e familiar que crece día a día.

DÍA 28 DE NADAL

A segunda xornada, a do 28 de decembro, foi inagurada por Jean Luc Bellat, que falou do funcionamento do mercado da castaña francés, escaso en canto a produción pero cunha venda dinámica e de gran volume. É a zona sur do país a principal. “Non somos moi produtores, temos a quinta praza de Europa detrás de Portugal, Italia, España e Grecia”. Francia produce unhas 8.000 toneladas anuais, aínda que como explica o Consultor en JLB Consulting e xerente en Decorin Sárl, “é un pouco irregular porque tivemos problemas coa avispilla do castiñeiro, problema que ten case toda Europa”. O experto cre que “a tendencia nestes últimos anos tende cara a un equilibrio porque nalgúns sitios instaláronse sistemas de rega e cultívase con maquinaria que permite axilizar a tarefa”. De toda a produción francesa o 62 % é ecolóxica, decenas de miles de hectáreas están en conversión xa porque é un tipo cultivo que foi desenvolto nas rexións de nova produción polo interese que espertou. “É natural, parécenos a todos como de sempre, non hai tratamentos, é un traballo de campo de regar, arar e podar as árbores. É moi sostible”. E lembrou que en Francia precisamente son as datas navideñes cando aumenta o seu consumo, “como as uvas en España, é tradicional nas comidas de Nadal e fin de Ano, comer castañas” xerando unha facturación de 160 millóns de euros. A produción e venda repártese entre as maioritarias 13.000 toneladas en crema e puré de castaña, despois a conserva de castaña pelada e cocida que permite o seu uso nun prato combinado con carnes diferentes como unha pataca en guarnición e finalmente en formas como o marrón confeitado e glasé. 

“Estamos no alto da montaña lucense desde 1999. Unha pequena empresa que nace polo agarimo polas cousas ben feitas”. Así comezou a súa intervención Rubén Fernández, conselleiro delegado da empresa familiar fonsagradina Casa Castelao.

Fundada en 1999 e especializada na produción de porco celta e ecolóxico, carnes e derivados foron crecendo aos poucos “ampliando instalacións pero sen esquecer apostar pola calidade, a diferenciación”. Introduciron cada vez máis porco celta “unha produción de calidade que non se fai con carácter industrial senón a base pequenas explotacións. Pero custábanos conseguir un porco de 100 quilos porque ten moita menos graxa, e falamos cos produtores para chegar a un consenso. En 2017 demos cunha raza un 50 % duroc e dar coa tecla, porque ofrece un pouco mais de touciño e infiltración que fai que a carne sexa máis melosa ao padal e axuda a depurar o produto en xamón e embutidos”. Isto axudoulles a meterse no mercado e en 2018 fixeron probas a un nivel mais amplo. “Criamos que co porco ecolóxico tiñamos que apostar pola canle completa, e non centrarnos só en facer o produto senón chourizos, lacóns, xamóns, touciño entrefebrado… para chegar a un mercado maioritario”. Ao traballar certificados polo Craega están condicionados a un marco, “pero conseguimos un produto moi ben feito e chegamos a un consumidor diferente. O produto foi difícil posicionalo porque ten un prezo máis elevado, hai que enfocalo pola calidade”, pero nestes anos Casa Castelao conseguiu crecer nas súas tres liñas: porco tradicional, celta e ecolóxico “e seguiremos sumando mais cousas, porque pola primavera teremos novidades en marcha”. 

O pintor Peteiro e a relación co fundador de Meles Anta, David Corral, marcou os acenos de identidade desta firma apícola. Maite Bruzos Simón, é a responsable de Calidade en Pazo de Lusio, a marca que acolle o mel ecolóxico desta empresa familiar con orixe en Samos. Ela explicou como última relatora convidada nestas dúas xornadas como foron mudando colmeas a loecológico, a reconversión. Traballan con apis melifera, unha abella ibérica moi dura e que dá boa produción. “Temos 4700 ecolóxicas fixas e tamén trashumantes. Os panales están no Courel e Ancares cunha vexetación impresionante en zonas de difícil acceso, con transportes acomodados para poder entrar”, explica. Modernizaron o envasado e venden tanto a nivel nacional como fóra con dúas marcas como ecolóxico: Pazo de Lusío e Toca. “Pazo vendémola nas grandes superficies a nivel estatal e Toca, que é máis gourmet, para Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Alemaña, China… o mercado ecolóxico está a ser bastante demandando e queremos seguir crecendo, xa o fixemos a niveis impresionantes nos últimos anos”, recoñece Maite Bruzos. “Non pensabamos que o mel ecolóxico ía ter esa saída. Pero cada vez que imos a unha feira os clientes pídennos moito produto ecolóxico. E vémolo tamén na nosa tenda en liña, a demanda vai en crecemento. Vemos a gran diferenza que hai coas dúas producións”.