Arquivos da etiqueta: Xantar 2019

Cocido reinventado e viños ecolóxicos do Craega en Xantar 2019

Craega - Xantar 2019
Diego Diéguez (Cume do Avia), esquerda, Natalia Rodríguez (Adegas Corisca), Javier García Lozano, secretario do Craega, e o chef Martín Mantilla

O Craega vén de poñer sabor ecolóxico a Xantar 2019. Os asistentes á cata de viño organizada o mércores 6 de febreiro na Aula Medio Rural tiveron a oportunidade de degustar un albariño eco da D.O. Rías Baixas mentres escoitaban as explicacións de Natalia Rodríguez, xerente de Adegas Corisca. Os participantes tamén puideron probar outra variedade certificada polo Consello, neste caso da D.O. Ribeiro. De contar os seus matices ocupouse Diego Diéguez, que está á fronte de Cume do Avia.

Para acompañar os caldos, o chef monfortino Martín Mantilla presentou na cidade das Burgas un cocido reinventado tanto no seu formato como nos ingredientes empregados. Elaborado a base de produtos ecolóxicos, de primeiro serviu un milfollas de lacón de porco celta con crema de queixo e pemento. Con cachucha, chourizo e garabanzos montou bombas de verdura sobre unha cama de puré de pataca. Para rematar, engadiu unha salsa con aceite de oliva e pemento. Tamén típico destas datas, o postre era unha filloa rechea de crema pasteleira.

Durante o transcurso do acto, Javier García Lozano, secretario do Craega, lembrou que o sector ecolóxico galego goza dunha excelente saúde. O Consello pechará o exercicio 2018 cunha facturación récord por riba dos 80 millóns de euros. Cuns ingresos de entre 20 e 25 millóns de euros, o lácteo é o subsector con máis peso. Certo é –recalcou- que o porco certificado, protagonista dos pratos de Entroido, é un produto novidoso que está a incrementar as vendas de forma importante nos últimos tempos.

A feira internacional de turismo gastronómico Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. Permanecerá aberta ata o domingo 10 de febreiro. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administración públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e chefs de renome.

O Craega leva o viño ecolóxico a Xantar 2019

Martín Montilla Rodríguez
O chef monfortino Martín Montilla Rodríguez

O Craega estará de novo en Xantar 2019, a feira internacional de turismo gastronómico que se celebra en Expourense do 6 ao 10 de febreiro. O viño será desta vez o protagonista da sesión dirixida por Javier García Lozano, secretario do Consello. Prevista para o mércores 6 (12.15 h., Aula Medio Rural), de impartir a degustación ocuparase o chef monfortino Martín Mantilla. Haberá caldos ecolóxicos da D.O. Rías Baixas (Acio de ouro nas Catas de Galicia 2018) e da D.O. Ribeiro. 

No programa da xornada de apertura, tamén se inclúen outras actividades promovidas pola Consellería de Medio Rural. Sonia Otero, membro do panel de cata das Augardentes de Galicia, conducirá unha degustación (12 h., Aula de Cata) do produto premiado nas Catas de Galicia 2018.

A quenda do mel chega pola tarde. Manuel Garea, membro do panel de cata dos Meles de Galicia, explicará as características do mel recoñecido na Cata de Galicia 2018 (19 h., Aula de Cata). Para pechar a sesión, haberá outra degustación dos viños tintos galardoados cos Acios de ouro en 2018. Impartida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) terá lugar na Aula de Cata (20 h.).

Baixo o paraugas de Medio Rural, haberá outras actividades espalladas en diferentes días de Xantar 2019. Queixos, meles, viños, augardentes e licores serán os ingredientes estrela de varias degustacións ata o sábado 9.

A feira Xantar celebra este ano a súa vixésima edición. De periodicidade anual, conta coa cooperación de diferentes administracións públicas e empresas privadas. O seu obxectivo é poñer en valor os produtos agroalimentarios a través de representantes do sector e de chefs de renome.