Arquivos da etiqueta: viticultura

Autorizado o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia ou no adxacente

A Consellería do Medio Rural publica este martes unha orde que concreta as novas indicacións para agricultores non profesionais que marcou o Goberno central días atrás. Deste xeito quedan autorizados os desprazamentos a hortas e viñedos de autoconsumo que se atopen ben no municipio de residencia habitual, ou ben noutro que se sitúe a un máximo de cinco quilómetros do domicilio. 

Para acreditar a súa condición, o agricultor deberá levar consigo unha declaración responsable na que  detalle as leiras nas que traballa, a identificación da parcela e o tipo de cultivos que realiza. Haberá que desenvolver as tarefas individualmente, salvo que  o acompañen discapacitados, menores ou persoas maiores. Por motivos xustificados -por exemplo, tipo de cultivo- admitirase a participación de dúas persoas. En todo caso, será “polo tempo mínimo e imprescindible”, e respectando as distancias de seguridade e outros protocolos establecidos pola autoridade sanitaria.  “Todo isto sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración, cara a verificar o contido de tal declaración responsable”, sinala a orde.

En canto aos desprazamentos de agricultores profesionais, a súa actividade segue como ata o de agora. Para xustificar as viaxes, deben estar dados de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Os viticultores poderán acreditar a súa dedicación co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistro dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta. En ámbolos dous supostos os axentes da autoridade están en condicións de realizar as comprobacións que consideren oportunas.

ENLACE ORDE: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200505/AnuncioG0426-040520-0003_gl.html