Arquivos da etiqueta: setas

Catalina Fernández (Hifas da Terra): “O sector eco precisa crer en si mesmo para facer de Galicia unha gran potencia”

Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas da Terra (Foto: HdT)

Os cogomelos serven para algo máis que para facer un revolto. Aínda que o uso culinario é o máis popular, agochan grandes beneficios para a saúde. Empréganse como complemento en terapias oncolóxicas, cardiovasculares ou hepáticas e tamén son o ingrediente segredo de produtos anti-idade. As súas propiedades eran ben coñecidas desde antigo na cultura oriental, pero a revolución a Galicia chegou hai un par de décadas da man de Hifas da Terra (HdT). A empresa con sede en Pontevedra botaba entón a andar grazas ao empeño dun equipo da Universidade de Santiago (USC) que quixo converter en realidade un proxecto de estudos. Os premios non tardaron en chegar, o último foi o que recibiu en 2016 de Alimentos de España como Mellor Produción Ecolóxica. O seu reto é converterse nun centro internacional de renome na investigación do cancro. Falamos con Catalina Fernández de Ana, fundadora e directora xeral de Hifas.

Que é Hifas da Terra?
É unha empresa que nace dun proxecto de 5º. de Bioloxía da USC. Eramos estudantes condenados a engrosar as listas do paro e, para evitalo, un profesor empeñouse en converternos en creadores de emprego a través da biotecnoloxía. Foi así como lle empecei a dar voltas á idea: tiña que ser algo totalmente innovador cunha forte base biotecnolóxica. Había que crear un produto que non existira no mundo ou mellorar con creces a calidade de calquera outro que houbera no mercado. Decidín inspirarme nalgo que coñecía desde pequena, os cogomelos. O meu pai foi investigador do Centro Forestal de Lourizán, ademais dun dos grandes divulgadores da micoloxía en Galicia e no resto de España. Ao profesor encantoulle aquela proposta, presentouna a un concurso nacional de novos empresarios e gañou o primeiro premio. Despois concorrería a outro da USC e tamén quedou en primeira posición. Xa que á xente lle gustaba tanto, en 1998 decidín fundar HdT. 

Por que producir en ecolóxico?
Como bióloga, para min non hai outro criterio que producir en ecolóxico. A terra estanos a dar cogomelos, unha materia prima cun alto valor engadido. O mínimo que podemos facer para agradecer este agasallo é coidar a natureza. Estamos inscritos no Craega desde o principio. Nos primeiros tempos non se coñecía, a xente non lle daba valor. Daquela pensábase que eramos biólogos hippies un pouco tolos que producían en ecolóxico.

Que beneficios  ten para a saúde a micoloxía?
Os cogomelos son os grandes limpadores do mundo: de solos, de augas e tamén dos humanos. A explicación é sinxela. O reino Fungi sitúase entre o vexetal e o animal; conviven as propiedades de ambos. De tal xeito, cando enferman, son capaces de autocurarse. Durante milleiros de anos de evolución, dotáronse de moléculas ou principios activos antivirales, anticanceríxenos e antibacterianos. Por que? Porque tiñan que defenderse de todo aquilo que os atacaba sen moverse do sitio. Esa gran capacidade de adaptación é a que permite que a súa inxesta nos converta en seres máis resilientes e con máis facilidade á hora de optimizar os ciclos metabólicos. Os fungos logran que o noso sistema inmunolóxico funcione mellor, serven para previr enfermidades e para mellorar cando padeces algunha doenza.

Están demostrados os efectos positivos dos fungos en tratamentos oncolóxicos?
Si, como concomitante. O tratamento principal sempre é o do hospital (quimioterapia, radioterapia, etc). A liña Mico-Onco Care de Hifas funciona como acompañamento para protexer de base o sistema inmunolóxico e os seus ciclos metabólicos. De tal xeito, o paciente non sofre tanto e tolera mellor a terapia convencional.

Isto emprégase de forma regular nas unidades de Oncoloxía ou é unha decisión do paciente?
É unha decisión do paciente. Nós non temos capacidade económica para funcionar como unha gran industria farmacéutica e establecer unha rede de distribución en centros de todo o país. Pero o futuro pode ir por aí. Temos liñas abertas para establecer ensaios clínicos en cancro en dous hospitais de Madrid e outros dous en Cataluña. E tamén estamos traballando con servizos médicos de Italia, Francia, Portugal, Reino Unido e EE. UU. O noso soño é ser un centro internacional de referencia na investigación do cancro.

Algunha outra liña de investigación aberta que non sexa a oncolóxica?
Estamos traballando en patoloxía neurodexenerativa (alzhéimer, párkinson e danos neuronais) e na rama veterinaria. Queremos que as propiedades dos cogomelos sirvan para axudar ás persoas, pero tamén aos animais. Por iso, HdT está a desenvolver un proxecto para disminuír a carga de antibióticos e de hormonas na alimentación animal.

Todas as liñas de produto de HdT están certificadas en ecolóxico?
Practicamente todas. Algunha non conta co selo porque nos vemos obrigados a empregar formulacións líquidas nas que temos que utilizar conservantes. Ás veces é só unha porcentaxe dun 0,25%, pero cando estás a preparar un produto para xente cun problema inmunolóxico forte, non podes arriscarte de ningunha maneira a que medre unha bacteria; neste caso é máis importante incorporar o conservante. Que conste que isto é un problema de certificación que debería cambiar.

Cal é o produto estrela de HdT?
O Mico Rei. É un produto que axuda a milleiros de persoas a calmar a ansiedade, o estrés… O fungo Reishi é un antiaging moi potente que modula as hormonas e iso reflíctese na pel, no cabelo ou nas unllas.

Que papel tivo a Administración no desenvolvemento de HdT?
O Igape acolleu o meu proxecto cos brazos abertos. Daquela era unha bióloga sen moita idea do que era montar unha empresa. Aceptáronme no programa Lanza e aí puiden formarme e aprender o que é o mundo dos negocios antes de botar a andar. A Xunta deunos moito apoio desde o principio e as subvencións foron moi importantes para empezar a saír fóra, en particular para acudir a feiras e participar en misións inversas.

Que precisa o sector ecolóxico galego para o seu despegue definitivo?
O primeiro que precisamos é crer en nós mesmos. Somos un país marabilloso, o tesouro de Europa.  Cando saes por aí fóra dáste de conta de que vivimos nun paraíso. Hai que evolucionar, atender as demandas do mercado e non quedar de brazos cruzados. Porque esa é a maneira de crecer e, con iso, podemos chegar a ser unha gran potencia ecolóxica mundial.