Arquivos da etiqueta: #SectorEcológico

Agacal celebra mañá o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) organiza o II Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario mañá, xoves 10 de febreiro, a partir das 9:30 horas na Cidade da Cultura (Auditorio 2 do edificio Cinc).

Nesta cita confluirán todos os elos da cadea produtiva agraria nos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal e da industria agroalimentaria, onde se porá en común a todos os axentes implicados e buscaranse as súas sinerxías e complementaridades.

Desde a organización esperan renovar o éxito da primeira edición e convidan á exposición dos resultados dos proxectos desenvolvidos polas empresas e entidades beneficiarias ao amparo das axudas para o apoio dos proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) na marca do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-202, que se convocaron para o ano 2019 e finalizaron no 2021. Neste ámbito, o Craega presentará o resultado de proxecto de valorización da carne de vacún de raza autóctona en ecolóxico.

Programa completo

Solicitude de asistencia

O Craega asistirá a BioCultura da Coruña o vindeiro mes de marzo

Craega participa habitualmente neste grande encontro de produción ecolóxica

BioCultura da Coruña celebrarase do 4 ao 6 de marzo na ExpoCoruña. No evento estarán presentes unha vintena de empresas que contan coa certificación do Craega. A cita estará marcada polas condicións sanitarias derivadas da pandemia.

Trátase da primeira feira de ecoturismo dentro de BioCultura, que xa ten un percorrido de éxito. Por iso, as administracións galegas reaccionaron de forma positiva e a feira conta co apoio da Xunta de Galicia, o Craega, a Deputación da Coruña, o Concello, Turismo Coruña e o Clúster de Turismo de Galicia, entre outros que seguro que se sumarán. Esta é unha oportunidade para Galicia que aposta por un turismo de calidade.

A directora, Ángeles Parra, afirma que esta nova edición ampliará a gama de posibilidades que lle ofrece ao público e será unha aposta polo ecoturismo. A cita cambia algunhas das súas dinámicas e, segundo Parra, o obxectivo é chegar á mesma xente de toda a vida, pero tamén sumar novos públicos. “O visitante poderá atopar o ámbito “biocultureiro” de sempre máis unha notable aposta polo sector do ecoturismo, no que Galicia é clave”.

En canto ás actividades, haberá seccións dedicadas ao sector “eco” e os seus mundos e toda unha serie de propostas centradas principalmente no ecoturismo. Haberá degustacións de produtos da zona, así como de receitas tradicionais e tamén se presentarán actuacións de grupos emerxentes de folk, conferencias sobre ámbitos patrimoniais e territoriais e debates sobre agricultura e gandería ecolóxica, extensiva e local vinculadas á tradición cultural de cada zona.

En canto á gama que ofrecerán, Parra afirma que é unha “paleta de posibilidades moi ampla. Imos ter expositores que serán casas rurais con certificado e hoteis urbanos nos que se cumpren todos os requisitos ambientais, ademais de ofrecer produtos ecolóxicos na súa carta…”. En definitiva, a directora afirma que haberá de todo, pero sempre en ecolóxico.

Información de VidaSana