Arquivos da etiqueta: réxime asociativo

Subvencións para o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo

A Consellería do Medio Rural vén de convocar un paquete de axudas para fomentar o uso da maquinaria agrícola en réxime asociativo. Cun importe de 2,5 millóns de euros, as achegas están cofinanciadas por fondos europeos. 

Das subvencións poderán beneficiarse as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación. 

Con esta inxección, a Xunta procura fomentar o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outros obxectivos pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no rural galego. 

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema que permite compartir a maquinaria. 

O importe das subvencións será do 35% dos custos, unha porcentaxe que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas. 

ENLACE AXUDA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200206/AnuncioG0426-201219-0004_gl.html

PRAZO: 06/03/2020