Arquivos da etiqueta: Revista56

A nosa revista de primavera estrea cabeceira

Xa tedes á vosa disposición a edición dixital do número 56 da nosa revista, que ve a luz cun novo formato, e faino co balance do Barómetro de consumo ecolóxico 2020, cuxa presentación tivo lugar en Monforte, onde aproveitamos para conversar con José Luis Carbarcos, o director xeral da Agacal, quen nos falou do traballo que están a levar a cabo para potenciar a agricultura eco. Tamén recollemos unha completa reportaxe do que foi a conferencia sobre o Plan de acción ecolóxico europeo, que se retransmitiu desde a web da Asociación Española de Elaboración y Comercializadores Ecológicos (Asobio).

A reportaxe deste número está dedicada a cinco mulleres emprendedoras da Ulloa que crearon a marca de cosmética ecolóxica Muuhlloa a partir de dúas empresas certificadas polo Craega, Granxa Maruxa e Milhulloa.

Martín Mantilla, restaurador de Berso e colaborador habitual do Consello, é o protagonista da entrevista desta edición, na que nos relata, entre outras moitas cousas, como foron os comezos en pandemia e cal é o truco do seu éxito.

Na nosa sección de cociña eco podedes atopar nos fogóns á editora de La Cocina de mi Abuelo, Rocío Garrido, quen nos ensina a preparar un menú completo e delicioso e moi sinxelo!

E, coma sempre, recompilamos varias novas breves do sector dos últimos meses, así como os eventos que están próximos a celebrarse e novas convocatorias de premios.

A revista completa está dispoñible en formato dixital, preme nesta ligazón.