Arquivos da etiqueta: #Reportajes

O número especial sobre o noso 25 aniversario, xa na rúa!

Este outono acadamos a 61 edición da nosa revista cun número moi especial: as nosas vodas de prata ao lado do sector, que conmemoramos nun emotivo acto na Parada das Bestas (Pidre, Palas de Rei, Lugo). Ao longo de varias páxinas poderedes atopar unha escolma dalgúns dos intres máis sinalados da nosa celebración, como foron o acto oficial, no que contamos coa presenza de varias autoridades, entre os que se atopaban os conselleiros do Medio Rural, José González; de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana; a homenaxe aos cinco primeiros operadores inscritos, o posado dos numerosos convidados e convidadas que pasaron polo noso particular photocall, e a parte máis lúdica do noso evento, na que houbo música, gastronomía e mesmo arte urbana.

Dentro do mesmo especial, repasamos os  25 anos de historia do Consello, para lembrar o noso nacemento e analizar como foi o crecemento, algunhas das actividades realizadas ao longo destes anos e cales son os principais obxectivos.

A esta retrospectiva séguelle a nosa “Memoria anual” correspondente ao ano 2021, que reflicte, entre outros datos significativos, un incremento da superficie ecolóxica do 127 % respecto de 2010.

Na nosa habitual sección de “Cociña Eco”, os integrantes de Indo e Vindo Gastronomía propóñennos un novo menú moi saudable e sinxelo de levar á práctica; “Aliméntate Bío” inclúe un artigo asinado por Slow Food Compostela, no que aborda  o que foron estes tres últimos anos da campaña Come Local nos comedores escolares de Galicia, nos que o Consello participou co envío de produtos eco. 

A publicación dá peche co recompilatorio de “Novas breves”  e coa “Axenda”, que este número vén dedicada ao noso paso pola feira BioCultura Madrid.

Ver revista completa