Arquivos da etiqueta: Quescrem

Biofach 2020: o eco galego gaña peso no mercado exterior

Baixo o paraugas do Craega, oito empresas certificadas levaron as súas propostas a Biofach 2020

Oito empresas certificadas polo Craega acaban de aterrar en Galicia procedentes de Núremberg (Alemaña) despois de catro intensos días de feira. En Biofach 2020, o sector eco galego amosou unha vez máis o seu potencial no que está considerado o escaparate internacional de referencia en produción bio. Baixo o paraugas do Consello, promocionaron as súas novas propostas Porto-Muíños; Toca Honey (Mieles Anta); Quescrem (Innolact); Jamones González; Conservas Orbe; The Bio Factory; Coraçai e Orballo

Ata o stand 5 – 281 achegarónse representantes de diversas compañías e organizacións que viñeron a reforzar as axendas dos expositores. A viaxe ao país xermano tamén serviu para manter reunións con clientes que, desde diferentes puntos do mundo, se deron cita en Núremberg para estudar novas canles de negocio. Nos vindeiros meses os participantes estarán en condicións de concretar se as boas sensacións se materializan en frutíferas relacións comerciais.  

O Craega non é un recén chegado a Biofach. A de 2020 era a súa vixésima edición. Nesta ocasión acudiu cun innovador stand de cartón que tiña como leitmotiv o lema Somos Semente, título da campaña publicitaria online que o Consello puxo en marcha meses atrás para promover a agricultura ecolóxica en Galicia.  

A de Núremberg constitúe unha cita estratéxica para os profesionais do sector orgánico. En marcha desde 1990, Biofach e Vivaness -o salón de cosmética natural- habilitaron na pasada edición 12 pavillóns e reuniron a 3.273 expositores de 98 países. 

OUTRAS FEIRAS. O Craega inaugurou o calendario de feiras sectoriais en Biofach. A seguinte parada será Biocultura A Coruña, a celebrar do 28 de febreiro ao 1 de marzo na cidade herculina. No stand agrupado do Consello haberá 21 empresas certificadas. 

Asemade, a entidade que controla e certifica a produción ecolóxica en Galicia prevé asistir a outras dúas edicións de Biocultura (Barcelona e Madrid) e a Organic Food Iberia (Madrid).

O Craega reforza a súa presenza internacional en Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega na pasada edición de Biofach, feira de referencia internacional de produtos orgánicos

O sector eco galego está a piques de despegar cara Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercializalizaćon. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, viaxan ao país xermano oito empresas: Porto-Muíños, Mieles Anta, Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio Factory, Coraçai e Orballo. Durante catro días, os que se acheguen ao hall 5 (stand 5 – 281) poderán atopar as últimas novidades certificadas en Galicia en variedades como algas, produtos apícolas, queixos, alimentos en conserva, xeados e infusións e especias.

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na edición que arranca a vindeira semana daranse cita preto de 3.500 expositores -repartidos en 12 pavillóns- de arredor de 100 países. O ano pasado achegáronse ao Messezentrum máis de 51.400 profesionais (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 atópanse Italia, Austria, Francia e España.

O congreso que se celebra en paralelo á feira de Núremberg outorga desta vez todo o protagonismo aos efectos positivos da agricultura ecolóxica e aborda un asunto de actualidade: A agua, fundamento da vida en perigo? Este será o eixe de debate de varios eventos nos que se darán cita máis de nove mil persoas.

OUTRAS FEIRAS. A do país xermano inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020. Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará cun stand agrupado no que compartirán espazo 21 empresas certificadas.

Organizada pola Asociación Vida Sana e a celebrar en EXPOCoruña, a convocatoria prevé reunir a máis de 200 expositores dedicados á alimentación bio (con máis de 10.000 referencias), cosmética ecolóxica, moda sostible, casa sa, benestar, ecoestilo de vida, turismo responsable, artesanía e diversas ONG. En paralelo, terán lugar máis de 150 actividades. Aberta ao público xeral, a estimación pasa por superar os 13.000 visitantes.

Ao longo de 2020, o Craega ten previsto asistir a outras dúas edicións de Biocultura: Barcelona (7, 8, 9 e 10 de maio) e Madrid (26, 27, 28 e 29 de novembro).

O Craega volve por vixésima vez a Biofach, feira líder de produtos eco

Stand do Craega en Biofach 2019, a feira mundial de produtos orgánicos.

O sector eco galego xa quenta motores para Biofach 2020. A celebrar entre o 12 e o 15 de febreiro en Núremberg (Alemaña), o Craega contará por vixésima vez con stand propio. Considerada a feira líder mundial de produtos orgánicos, ofrece unha panorámica completa deste segmento, desde produción e certificación ata transformación e comercialización. Dirixido ao público profesional, o programa inclúe seminarios, workshops e conferencias sobre temas de actualidade.

Baixo o paraugas do Craega, compartirán espazo -82 m2– oito empresas: Porto-Muíños, Toca Honey (Mieles Anta), Quescrem (Innolact), Jamones González, Conservas Orbe, The Bio FactoryCoraçai e Orballo. As propostas do Consello poderán atoparse no hall 5, stand 5 – 281. 

En funcionamento desde 1990, Biofach é a maior feira de produción ecolóxica do mundo. Na última edición pasaron polo Messezentrum máis de 51.500 persoas (o 50% de procedencia internacional). Ademais de Alemaña, no top 5 de visitantes atópanse Italia, Austria, Francia e España. Nos 12 pavillóns habilitados para Biofach e Vivaness –o salón de cosmética natural- déronse cita 3.273 expositores de 98 países.

OUTRAS FEIRAS. A de Núremberg inaugura o calendario de feiras do Craega para 2020.  Pouco despois, do 28 de febreiro ao 1 de marzo, terá lugar a segunda edición de Biocultura A Coruña. Ao igual que en 2018, o Consello contará con stand agrupado para que os seus operadores teñan ocasión de poñer os seus produtos ao alcance de visitantes profesionais e público xeral. 

Na axenda tamén se inclúen a segunda edición de Organic Food Iberia (Madrid, 3-4 de xuño) e Biocultura Madrid (Madrid, 26-29 de novembro), entre outras convocatorias.