Arquivos da etiqueta: #ProductosEcológicos

Madrid réndese ante os produtos ecolóxicos galegos

Máis de 50.000 persoas se achegaron a coñecer todas as novidades do sector ecolóxico que se presentaron en BioCultura Madrid. A feira de alimentación ecolóxica e do consumo responsable celebrouse do 3 ao 6 de novembro no IFEMA e foron un total de 430 expositores os que participaron con propostas en diferentes ámbitos da ecoloxía.

A GALICIA ECO TRIUNFA EN MADRID

Como en cada edición, o Craega non faltou a esta cita, nesta ocasión cunha ducia de operadores baixo o seu paraugas: Celebridade Galega, Euro Andean, Galuriña, Portomuiños, Algas La Patrona, Bubela Artesá, Traloagro, Los Sabores del Camino, Sovoral, Capitán Alga, Terra de Baronceli e Bioalacena. Asi mesmo, as firmas eco Orballo, The Bio FactoryAlgamar asistiron tamén á feira con posto propio. Todos eles mostraron a súa satisfacción por poder presentar as súas novidades neste evento nacional que potencia o sector ecolóxico e salientaron a boa acollida que tiveron os produtos galegos certificados desde a apertura da feira.

ALTA PARTICIPACIÓN NAS ACTIVIDADES

Durante os catro días leváronse a cabo máis de 300 actividades, entre elas os showcooking e o showroom de EcoEstÉtica, que atraeron ao público de maneira masiva. O obxectivo das mostras culinarias é presentar alternativas alimentarias á alimentación que ofrecen as grandes empresas e nelas participou Euro Andean Trading SL. Coa firma comercial Tata, Alimentos con Historia, levou a cabo unha demostración de cociña baixo o título “Cociñando con Tata”. Judith Jacinto Valderrama foi a encargada de impartir este obradoiro, no que ofreceu unha merenda saudable.

Como actividade paralela, tamén tivo lugar Tribuna EcoJusticia, “un espazo no que entidades de diversa índole puideron denunciar todo o que está pasando en múltiples ámbitos”, indicou a directora da feira, Ángeles Parra. Así mesmo, no espazo El Manicomio mostráronse películas, obradoiros de danza e charlas de diferentes índoles: “Hai unha cultura con visións alternativas e está en BioCultura”, indicou Pedro Burruezo, encargado da organización desta sección.

VISITAS DE AUTORIDADES

A cita inaugurouse o mércores e contou coa presenza de Alberto Garzón, ministro de Consumo; Ángeles Parra, directora de BioCultura, e Ángel de Mariano González Sáez, viceconselleiro de Medio Ambiente e Agricultura da Comunidade de Madrid. Todos coincidiron na necesidade de apoiar o sector ecolóxico porque “é o futuro que necesitamos se queremos ter futuro”.

Na xornada do domingo levantou grande expectación entre as persoas asistentes a visita ao Ifema da raíña, Letizia Ortiz, quen se achegou ao recinto para coñecer de primeira man a evolución que está tendo o sector.

*Algúns datos utlizados neste reportaxe foron extraídos de VidaSana

Operadores certificados polo Craega presumirán dos seus produtos en Galicia Etiqueta de Calidade

Santiago de Compostela será a sede da segunda edición de Galicia Etiqueta Calidade, que organiza a Consellería do Medio Rural. O encontro será a partir do mércores 26 de outubro no Hotel Monumento de San Francisco e nel poñeranse en valor as producións galegas.

Durante a xornada do xoves haberá unha exposición de produtos ecolóxicos que contan coa certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que poden ser incorporados en comedores de colectividades. Durante a mesma sesión, darase a coñecer a campaña “Come Local”, que organizan conxuntamente a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e Slow Food Compostela e na que colabora o Craega. Haberá unha mesa redonda para coñecer cales son os retos do futuro e como é posible adaptar estas estratexias para ofrecer comidas responsables de calidade.

Ademais, o presidente da entidade, Francisco López Valladares, estará presente no acto de clausura do venres, no que se presentarán as conclusións dos intercambios e debates que xurdan nas xornadas previas.

Programa completo de Galicia Etiqueta Calidade

A terceira edición de Come Local conta co seu propio mapa interactivo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a levar a cabo, por terceiro ano consecutivo, a campaña Come Local, organizada por Slow Food Compostela. A través dela, achega produtos das DOP, IXP e agricultura ecolóxica de proximidade a 24 centros escolares, repartidos polas catro provincias galegas, entre eles os comedores distinguidos como “km 0”.

Esta nova edición estará activa ata o 21 de xuño e conta coa participación do Craega, que achegará produtos certificados para a elaboración dos menús nos comedores escolares. Así mesmo, haberá degustacións de menús especiais e impartiranse actividades formativas sobre as características nutricionais dos propios produtos e sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, ademais de formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos.

 MAPA INTERACTIVO PARA NON PERDER DETALLE

Esta campaña conta coa súa propia páxina web na que se recolle toda a información sobre a iniciativa e, ademais, ten un mapa interactivo no que se poden visualizar os comedores escolares que forman parte de Come Local III e subiranse fotos das diferentes actividades e dos menús que se degustarán.

PRIMEIROS CENTROS PARTICIPANTES