Arquivos da etiqueta: productos ecologicos galicia

Catro empresas do CRAEGA participan na NOPE de Londres

NOPE LONDON-CRAEGA
O pasado ano achegáronse ata a NOPE de Londres 10.500 visitantes (Foto: NOPE)

O sector eco galego saca músculo unha vez máis no mercado exterior e esta mesma fin de semana súmase a unha das feiras verdes máis importantes do Reino Unido. Por segundo ano consecutivo, o CRAEGA participa na Natural & Organic Products Europe (NOPE). A celebrar entre o 7 e o 8 de abril no Excel London, desta vez estará representado por cinco empresas: Mieles Anta (coa súa marca Toca Honey), Pazo de Lusío, Producto de Aldea Galletas Daveiga. Compartirán un stand de 24 metros cadrados. Parte das empresas desenvolven esta acción co apoio do Igape, a Xunta, a UE e a marca turística de Galicia.

De carácter profesional, a NOPE serve de punto de encontro a tendas independentes, maioristas e distribuidores de produtos saudables, supermercados e compradores de todo o mundo. Segundo as previsións da organización, ata o recinto achegaranse 700 expositores de ata 48 países. O ano pasado pechou cun balance de 10.500 visitantes.

O CRAEGA despediu 2018 cunha facturación récord de 78,7 millóns de euros, un 33,2% máis que o exercicio anterior. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado internacional.

Cinco Exceleite para as granxas ecolóxicas

Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), recibiron o ouro e a prata, respectivamente, na categoría de ecolóxico dos premios Exceleite 2018

Cinco gandarías ecolóxicas acaban de facerse cun premio polo seu bo facer. Convocados por segunda vez pola Consellería de Medio Rural para recoñecer a excelencia hixiénico-sanitaria das granxas leiteiras, nesta categoría resultaron galardoados Ángel Rivas Lamas (Friol) e Concepción Torres López (Chantada), ouro e prata, respectivamente. Tamén foron distinguidos con diplomas Figueroa S.C. (Arzúa), Manuel Calvelo Capelo (Negreira) e a Cooperativa Burgo de Negral (Friol).

Co máximo recoñecemento de Exceleite en ecolóxico por segundo ano consecutivo, a Ángel Rivas Lamas a vocación vaille no sangue. Os inicios da súa explotación remóntanse a 1921, cando o seu avó se fixo coas terras que viña traballando para a nobreza da zona. “Viuse entre a espada e a parede. Se non mercaba, botábano. Tivo que pedir un préstamo e, con moito esforzo, saiu adiante”, lembra.

O gañador do certame pertence á terceira xeración dunha saga de gandeiros. Colleu as rendas do negocio no 1981 e no 2003 iniciou a conversión ao modelo ecolóxico. “Daquela contabamos cunha marxe neta de 0,18 €/litro. Era viable, pero tiñamos a necesidade de buscar un prezo diferenciado”, argumenta. Certificado polo Craega en 2005, hoxe suma 90 cabezas e unha produción de 360.000 litros anuais, cantidade que desde 2017 se destina integramente a Casa Grande de Xanceda.

Premio Exceleite de Prata 2018 de gandaría ecolóxica, Concepción Torres López é unha recén chegada a este tipo de produción. Estreouse hai só seis meses. “Se mantivera o modelo convencional, xa tería pechado”, advirte. Aínda a pesar de que os custes se encarecen, hai un retorno que, ao seu xuízo, serve para equilibrar a balanza.

Herdanza dos seus pais, Torres colleu as rendas da granxa 35 anos atrás. Pero no 2016, despois das dificultades que viña atravesando o sector lácteo, viuse na obriga de buscar outro camiño e empezar a facer as cousas dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. “Véndeno coma se fora un luxo, pero o eco xa se facía hai cen anos. Non imos cara algo novo”, conclúe.

Entrevista a Francisco López Valladares, Presidente do Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

Deixámosvos a entrevista a Francisco López Valladares, Presidente do Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), realizada pola revista BIOECO ACTUAL. Nela destaca as axudas directas a produtores para promoción e certificación.

Sigue lendo