Arquivos da etiqueta: premios

As explotacións ecolóxicas volverán optar a premio na 6.ª edición dos Exceleite

Casa Codesal e Gandería Pear foron os premiados no Exceleite 2019

A Consellería do Medio Rural convoca os galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca Exceleite. É a sexta edición destes recoñecementos na que se valoran os gandeiros máis comprometidos co seu traballo.

Estes premios distinguen as granxas en tres categorías: en función do seu tamaño, segundo o seu sistema de produción e as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, é dicir, desde agosto de 2021 ata xullo de 2022.

As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas, que podedes consultar  no DOG.

Os Premios de Excelencia á Innovación das Mulleres Rurais inclúen novidades para a presente edición

Imaxe da edición celebrada en 2021

Como cada ano, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) convoca os Premios de Excelencia á Innovación das Mulleres Rurais, unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo e os proxectos de vida das mulleres do rural e o imprescindible labor que realizan para manter e revitalizar estes territorios.

A convocatoria da 13.ª edición contará cunha dotación de 150.000 euros e publicarase nos próximos días.

CATEGORÍAS

Recoñeceranse proxectos excelentes, orixinais e innovadores de catro categorías:

  1. Excelencia á innovación na actividade agraria
  2. Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola
  3. Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais
  4. Excelencia á comunicación

NOVIDADES

Este ano poñeranse en marcha algunhas novidades, como a ampliación do ámbito xeográfico dos premios para incluír proxectos localizados en concellos de menos de 5.000 habitantes. Ao igual que a definición de “zonas pesqueiras rurais”, que engloba os concellos de menos de 30.000 habitantes nos que se realiza actividade pesqueira ou acuícola. A categoría “excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola” abrangue todas as candidaturas relacionadas con este ámbito.  Para as propostas das persoas físicas, substitúese o requisito de que a persoa teña o seu domicilio no medio rural para que sexa o proxecto ou actividade económica a que se atope nesta área ou, no seu caso, en zonas pesqueiras rurais.

Toda a información na web do Ministerio

A Rede Europea de Desenvolvemento Rural convoca os Premios de Inspiración Rural 2022

A Rede Rural Nacional será a entidade encargada de xestionar a participación na 4.ª edición dos Premios de Inspiración Rural 2022 que convoca a Rede Europea de Desenvolvemento Rural (ENRD), que este ano ten  como leitmotiv “O futuro é a mocidade”, inspirado polo Ano Europeo da Mocidade,  desenvolto pola Comisión Europea.

Estes premios outorgaranse a catro categorías temáticas: futuro verde, futuro dixital, futuro resiliente e futuro socialmente inclusivo e innovador. Ademais, haberá unha quinta por votación popular, que premiará un proxecto preseleccionado, que implique a menores de 40 anos e que será sometido a votación pública.

Todos os proxectos deben ser financiados polo Feader ou o Feaga no período 2014-2022 e terán que estar finalizados, por regra xeral. Desde a ENRD seleccionaranse os 24 candidatos e os 5 gañadores.

Para presentar a candidatura, é necesario encher a ficha coa información dos proxectos e enviala, ata o 30 de xuño (incluído), ao correo redrural@mapa.es.

Pódese solicitar máis información á Antena Rexional, que no caso de Galicia é a través de antenarrn.Galicia@tragsa.es

XXX Catas de Viños e Augardentes de Galicia 2018, inaugurase a categoría de viños ecolóxicos

Onte celebrouse no parador de Santo Estevo de Ribas do Sil, Ourense,  a gala de premios da XXX Cata Dos Viños e Augardentes de Galicia 2018.

No certame participaron máis de 350 marcas amparadas baixo as denominacións de orixe galegas, e repartidas en 16 categorías.

Este ano inaugurouse unha categoría especial para premiar os viños ecolóxicos amparados por este consello, unha importante iniciativa que engade valor e recoñecemento a esta clase de viños e á magnífica labor dos seus produtores.

Desde o Craega felicitamos a Bodegas Corisca por conseguir o 1º posto e Acio de Ouro na categoría, e animamos ás adegas certificadas a participar en futuras edicións.

Lembramos que o 2017 cerrouse cunha superficie de viñedos certificados de 88 hectáreas, tendo adegas inscritas en tódalas denominacións de orixe de Galicia.